A praia sen mar tamén é exótica

Os ríos regalan fresco e opcións de baño para un verán orixinal no interior de Lugo
O río Miño ao seu paso por Santa Isabel, en Outeiro de Rei.
photo_camera O río Miño ao seu paso por Santa Isabel, en Outeiro de Rei.

Falar de verán e pensar na praia é todo un, pero hai vida máis aló dos areais e mesmo lonxe da costa. No interior tamén existe o estío, as altas temperaturas e as vacacións. Non todo o mundo foxe ás praias e, quen aposta por quedar, ás veces acerta. A provincia de Lugo está repleta de ríos e estes, á súa vez, cheos de recunchos nos que buscar un alivio á calor ou dar un paseo sen sofocos.

O río ten unha vantaxe indiscutible sobre o mar: a sombra. Ao pé de todos os ríos medran árbores que a regalan e hai herba que non queima os pés. Ter un bo acceso á auga é fundamental para desfrutar dos cauces fluviais con seguridade, pero tamén presta merendar á beira do río, escoitar o rebulir da corrente entre as pedras ou a brisa nas follas das árbores.

O caso é que non hai tempo que perder porque sempre hai un recuncho por descubrir. En Lugo pódese poñer rumbo a calquera dos puntos cardinais porque aparecen áreas fluviais cada poucos quilómetros. Algunhas están moi concorridas (as moi accesibles, ben equipadas ou con algún atractivo engadido), pero tamén hai recunchos máis íntimos e tranquilos. Todo é cuestión de preferencias.

Cando as piscinas só se coñecían polas películas, os lucenses buscaban accesos naturais para bañarse no río. Os caneiros dos muíños resultaban tamén moi atractivos para o baño e un lugar de xogo habitual dos rapaces.

Moitos destes espazos foron posteriormente acondicionados como áreas recreativas ou praias fluviais, polas facilidades que ofrecían para o baño.

Hoxe en día, poucos son os concellos de Lugo que non contan cunha piscina pública. Moitas delas están ubicadas no entorno das áreas fluviais, para facilitarlle ao bañista a escolla entre auga natural ou clorada.

Pero mesmo en augas é rica a provincia de Lugo. Algunhas, consideradas medicinais, son de uso público e poden desfrutarse en calquera época do ano. É o exemplo da charca do Alligal, en Vilalba, un manancial rodeado de lendas. A súa auga brota da terra a 23 graos centígrados e ten bañistas fieis ata nos días máis fríos do inverno.

As augas do Alligal levan séculos aproveitándose. Antes, unha  simple poza na terra servía de lugar de baño, ata que o manancial foi acondicionado para facilitar o acceso á súa riqueza hídrica.

E fronte a esta zona de baño natural que existíu sempre, xorden outras feitas pola man do home onde nin auga había. É o caso da praia das Pontes, ubicada ao pé dun lago artificial creado onde en tempos estivo a mina de lignito que abastecía a central térmica de Endesa. Un lugar de respiro para os ponteses e unha praia moi cercana para os lucenses.

Praia fluvial da Cova, no Saviñao. MIGUEL PIÑEIRO
Praia fluvial da Cova, no Saviñao. MIGUEL PIÑEIRO

O Saviñao ► A Cova está de moda

Na Ribeira Sacra conflúen os ríos Miño e Sil e un sinfín de afluentes que dan lugar a unha estrutura fluvial única. Os recunchos para desfrutar dos cauces son case infinitos. Un que está de moda é a praia da Cova, no Saviñao, á beira do Miño. Está moi concorrida, pero existe un autobús que circula continuamente desde Escairón ata a praia para que os paseantes non perdan o tempo en atascos. ana rodil

Praia fluvial do río Chamoso, no Corgo.
Praia fluvial do río Chamoso, no Corgo.

O Corgo ► O Chamoso dá moito xogo

A área recreativa do río Chamoso, no Corgo, concentra festas e actividades no verán. Nas fins de semana é doado atoparse con algún acontecemento que teña a auga como protagonista, pero tamén é un lugar agradable onde pasar unha tarde de descanso sen necesidade de ir lonxe da cidade de Lugo, por iso é un espazo moi frecuentado polos lucenses da capital. A súa ubicación ao pé da autovía A-6 é unha tentación para visitala. aep

Paseo á beira do río en Navia de Suarna.
Paseo á beira do río en Navia de Suarna.

Navia de Suarna ► Un río con ribeiras en moitos concellos

O río Navia nace en Busnullán (Pedrafita do Cebreiro) e desemboca en Navia (Asturias). No seu percorrido natural baña 19 concellos lucenses e asturianos e deixa ao seu paso un regueiro de enclaves que merecen polo menos unha visita. A área recreativa de Navia de Suarna é un exemplo na comarca dos Ancares, pero hai outros, como a Pena do Inferno, tradicional praia fluvial da Fonsagrada. AEP

Merendeiro de Santa Isabel ao pé do Miño, en Outeiro de Rei.
Merendeiro de Santa Isabel ao pé do Miño, en Outeiro de Rei.

Outeiro de Rei ► Santa Isabel merece unha pausa

A área fluvial de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, é un lugar agradable en calquera época do ano. O acceso ao río é doado desde distintos puntos, pero o seu maior atractivo é a carballeira que serve de merendeiro, dotada de mesas e asadores aos que é difícil resistirse. aep

Área fluvial da Peneda, en Monterroso.
Área fluvial da Peneda, en Monterroso.

Monterroso ► Tres por un

Río, piscinas e merendeiro. Monterroso concentra a oferta lúdica por excelencia para calquera domingo do verán. A área da Peneda ten río para os amantes dos cauces naturais, piscinas para quen prefira o baño acondicionado e merendeiro para repoñer forzas tras calquera das dúas opcións. aep

Charca do Alligal, en Codesido.
Charca do Alligal, en Codesido. MARTA MANCEBO

Vilalba ► Augas milagreiras e quentes todo o ano

A charca do Alligal, na parroquia vilalbesa de Codesido, concentra tantas lendas coma visitantes. Ás súas augas, que brotan a 23 graos de temperatura durante todo o ano, atribúenselles propiedades medicinais, especialmente indicadas para problemas reumáticos e enfermidades da pel. Á marxe de necesidades terapéuticas, é un bo lugar para gozar dun baño agradable en calquera época do ano. marta mancebo

Área fluvial dos Sete Muíños, en Guitiriz.
Área fluvial dos Sete Muíños, en Guitiriz. C.PÉREZ

Guitiriz ► Os muiñeiros sabían escoller ubicación

A área dos sete muíños é un dos recunchos máis prezados de Guitiriz no verán. As augas do río Escádebas resultan moi apetecibles para o camiñante despois de percorrer a ruta que leva ata elas. Os encoros que servían aos antigos muíños facilitan o acceso ao cauce. Piscinas naturais, artificiais e pequenas fervenzas fan do entorno unha referencia para bañistas de todos os gustos. c.pérez

Praia das Pontes, ao pé do lago artificial.
Praia das Pontes, ao pé do lago artificial. MARTA MANCEBO

As Pontes ► Un lago con praia por arte de maxia

Custa crer que hai uns anos aquí había unha mina de lignito para abastecer a central térmica de Endesa das Pontes. Agora, unha praia con area, paseo ao pé con campo para quen o prefira e auga suficiente para practicar deportes náuticos variados, desde natación ata vela. O lago artificial das Pontes é o máis grande de Europa e a segunda reserva de auga doce de Galicia, despois do encoro de Belesar, marta mancebo

Comentarios