O grupo provincial do Partido Popular en Lugo lamentou que as estradas de titularidade provincial, xestionadas polo goberno bipartito de socialistas e nacionalistas na Deputación, "pasarán o verán sen rozar".
Así o sinalou o viceportavoz popular no ente provincial, Javier Jorge Castiñeira, ao constatar que "aínda a principios de agosto" permanecen abertos varios procesos de contratación para acometer este tipo de traballos nalgunhas estradas e, no caso dos que xa están adxudicados, non empezarán "até a última quincena do mes". "A súa posta en marcha atrasarase porque é preciso formalizar o contrato antes de que empece o servizo", indicou Castiñeira.
Os populares xa denunciaran a principios deste verán o "estado de abandono" das marxes das estradas provinciais, así como a necesidade de actuar nas mesmas "con urxencia". "Se a situación era lamentable hai un mes, agora é totalmente insustentable", apuntou o viceportavoz popular.
Por este motivo, os populares esixen ao presidente do organismo provincial, o socialista José Tomé -que é ademais responsable de Vías e Obras-, que se "poña ao choio e tome cartas no asunto".
Os populares advertiron de posibles perigos engadidos como o "aumento de risco de incendio nunha época de altas temperaturas" e da "diminución na visibilidade dos condutores que pode causar accidentes de tráfico".
Así mesmo, lamentan a imaxe de "abandono e descoido" que se transmite aos turistas que pasan pola provincia, tanto "peregrinos que discorren polas distintas vías do Camiño de Santiago" como "visitantes das zonas costeiras ou outros territorios turísticos como a Ribeira Sacra".