O voceiro do PP da Fonsagrada, Jose Regueiro, solicitoulle ao goberno municipal do PSOE información sobre a xestión das emerxencias no concello. Regueiro alega que ao non dispoñer dun Grupo de emerxencia supramunicipal (GES) no municipio "o Concello debe ofrecer este tipo de servizo 24 horas e contar co persoal e cos materiais precisos".
Os populares insisten na necesidade de implantar un GES "para dar unha mellor e máis rápida resposta ante as de emerxencia, no último mes producíronse case media ducia de accidentes de tráfico".
Carlos López, alcalde socialista, aclara que actualmente é a brigada municipal a que atende os avisos do 112. Coincide na necesidade de que A Fonsagrada conte cun servizo de emerxencias adecuado, pero explica que é competencia autonómica. O PSOE fonsagradino xa leva varios meses solicitando un miniparque de bombeiros: "O máis próximo é o de Lugo, a 60 quilómetros", sinala o alcalde.
A Xunta adxudicoulle no 2017 a Baleira a sede do GES que cubriría a asistencia dos concellos de Castroverde, Negueira de Muñiz, Pol Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, pero Carlos López lamenta que aínda non se puxera a funcionar, deixando á Montaña "á espera de que o Goberno dote destes servizos aos municipios".
A Fonsagrada, que supera os 400 quilómetros cadrados, é o concello galego máis extenso. Isto, xunto coa dispersión poboacional e a dificultade de acceso a moitas zonas, fai que o tempo de resposta dos equipos de emerxencia supere habitualmente a media hora estipulada.
A estas circunstancias hai que sumarlle, como explica Jose Regueiro, que ante a falta de material adecuado e persoal autorizado, en accidentes de consideración haxa que agardar a chegada de equipos de emerxencia dende outros lugares da provincia, aos que lles leva moito tempo chegar á Fonsagrada.