Polo país das cen mil cavidades

Ábrese co Ciprianillo, e péchase con Cunqueiro. O 'Tesouro espeleolóxico galego' (aCentral Folque) compila máis dun milleiro de referencias bibliográficas de 366 covas de 169 concellos, moitos deles en Lugo, a provincia máis subterránea. Hoxe preséntase na Casa das Insuas, da man do Clube Espeleolóxico Maúxo e a poeta Alba Cid
Integrantes do Clube Espeleolóxico Maúxo. ARQUIVO CLUBE ESPELOLÓXICO MAÚXO
photo_camera Integrantes do Clube Espeleolóxico Maúxo. ARQUIVO CLUBE ESPELOLÓXICO MAÚXO

Queren moverse os dedos no libro, coma quen dirixe a luz ás paredes da cova. No índice, topónimo arriba topónimo abaixo, paran, por exemplo, aquí. A ver que hai en Becerreá. Da Cova de Nantín, en Cascallá, aparecen catro referencias: Rafael Balsa de la Vega, no 1912, di que o lugar tamén é coñecido no país como Cova dos Mouros; Amor Meilán, no 1928, alerta da falta de comprobación, aínda, das cavernas de pinturas rupestres das que se fala na zona; Correa Calderón, no mesmo ano, sitúaa a 39 quilómetros dende O Cereixal, e José L. Pérez, no fatídico 1936, xa menciona os visitantes anteriores, e o mellor lugar para deixar os autos: "En el Campo de Árbol, conocido también por Campo de los Ingleses, por haber acampado en él las tropas que mandaba el general Sir John Moore". Tesouro espeleolóxico galego é o título deste libro de aCentral Folque que este venres ás 19.30 horas se presentará na Casa das Insuas, en Rábade, coa presenza da presidenta do Clube Espeleolóxico Maúxo, Tereixa Otero, e a poeta Alba Cid. Este sábado estarán as dúas á mesma hora no Vello Cárcere de Lugo, coa compaña de Antonio Reigosa.

O libro, que recolle os inframundos galegos, é el mesmo unha cova, un monumento de monumentos. Ábreo unha cita de O Grande Livro de S. Cypriano, do 1885: "Todos os thesouros e encantamentos do antigo reino da Galliza acham se depositados pelos mouros e romanos em esconderijos subterraneos". Péchao outra de Cunqueiro, do 1963, que comeza así: "Non sei ónde, un home caíu nun furado no monte i atopóuse no fondo dunha cova. Nunha pedra había sete cousas de ouro, que cabían todas na súa monteira". Entre elas dúas desprégase un labirinto de 1.200 referencias bibliográficas ou hemerográficas -varias delas, por certo, deste mesmo xornal-, de Caio Plinio Segundo a Vicente Risco, do cartulario do Tombo, coa referencia á cova do apóstolo Santiago no século XI, até as referencias do Club Regional Gallego de Espeleología nos anos 70.

En total, son 169 os concellos que se van abrindo neste acordeón no que aparecen 366 cavidades, cunha toponimia que leva os dedos polos nomes e serve de guía nos dentros. Pero tamén cun índice temático que di moito do que se pode atopar: diáclase, estalagmita, volframio, pozo neveiro,auga termal, uro, gravado rupestre, peite, astroloxía, graal, milagre, ninfa, Venus, dama, dragón, moura, Dona Urraca, Don Pedro de Quiroga, a princesa Sidonia, Alfonso VII ou Pardo de Cela. Asasinato, morte, desaparecida, escapado ou vítima son tamén outras entradas dese índice que canaliza un río de memoria que vai do máis mítico ao acubillo que as cavidades prestaron a quen fuxiu do fascismo.

As covas luguesas

Parga Pondal, ao teléfono no Cintolo cos Montañeiros Celtas. ÁNGEL LLANOS
Parga Pondal, ao teléfono no Cintolo cos Montañeiros Celtas. ÁNGEL LLANOS

Se Galicia, di o Clube Maúxo, é un país de covas, a provincia de Lugo, atravesada polos relevos cársticos das serras orientais, é unha cova enteira. Ela gaña no libro, con 115 covas naturais, fronte ás 93 de Ourense, ás 81 da Coruña e ás 76 de Pontevedra. Algunhas delas, con arte rupestre, como a Cova Eirós en Triacastela ou a Cova dos Mouros en Baleira. Outras, con mofo luminescente, como a Cova das Choias da Pobra do Brollón, ou cos restos humanos máis antigos, como as de Valdavara en Becerreá. No mar, as furnas e as rochas metamórficas que fan catedrais nas Carricelas, en Ribadeo. E tamén o Monte Furado, coas mans escravas da romanización.

Se ben foron os irmáns Veiga, de Vigo, os que impulsaron nos anos 60 a espeleoloxía galega coa fundación do Clube de Montañeiros Celtas -que se federa a nivel estatal antes de que se puidese imaxinar unha federación galega-, a súa cova por excelencia foi a Cova do Cintolo, en Mondoñedo, na que foron retratados (abaixo) con Parga Pondal, ao teléfono. Na contracapa do libro loce, de feito, a súa columna xa desaparecida de estalactita, unha das moitas desfeitas nunha historia que tamén é de espolio. "Un só disparo esboroa en cuestión de segundos calquera sinfonía xeolóxica, os miles de anos necesarios para que as estalactitas e as estalagmitas se formen, centímetro a centímetro, nun sutil proceso de goteo", escribe Alba Cid nun limiar que tamén nos leva pola viaxe iniciática da espeleoloxía dende os primeiros "grand tour" até hoxe, tamén coma quen "alonga o antebrazo para achegar a fonte de luz ás paredes da cova", nunha das súas mesmas imaxes.

O Maúxo é un monte que separa o Val do Fragoso do Val Miñor. O clube comezou alí hai trinta anos. De feito, os impulsores catalogaron os petróglifos dese lugar e, máis tarde, as Covas do Folón, todo un fito que tamén marcou a súa teima de que as covas graníticas fosen declaradas patrimonio espeleolóxico. Este tesouro é o resultado de 30 anos de traballo, dunha espeleoloxía humanística e tamén activista, que entende o coñecemento coma o primeiro paso para a conservación, pois alí, nas covas, como di Cid, gárdase o máis temido, o máis amado.

Comentarios