O paso do tempo está nas súas mans

COLECCIONISMO ► O xoieiro monfortino Domingo Pérez Somoza herdou do seu pai unha gran paixón polos reloxos que lle fixo adquirir unhas 150 pezas. Entre elas hai réplicas de aparellos solares, de area ou de auga e ata algúns deseños propios que estes días se exhiben no Museo do Ferrocarril de Galicia logo de pasar por Vigo ou A Coruña

Domingo Pérez Somoza, na sala do Museo do Ferrocarril que alberga a súa impresionante colección de reloxos. TOÑO PARGA
photo_camera Domingo Pérez Somoza, na sala do Museo do Ferrocarril que alberga a súa impresionante colección de reloxos. TOÑO PARGA

Domingo Pérez Somoza é un namorado dos reloxos, pero non dun xeito convencional. Todos recorremos a eles para saber en que hora vivimos e estes prácticos instrumentos, hoxe en día, marcan o tempo cunha precisión case exacta. Dá igual que as agullas estean nunha pulseira, nunha parede ou enriba dunha mesa ou que os números sexan romanos ou dixitais. Para Domingo Pérez, propietario dunha xoiería en Monforte, este invento que o ser humano ideou e foi mellorando co paso dos séculos é unha paixón que vai máis alá da súa mera utilidade.

Este veciño da cidade do Cabe aproveita feiras e mercados e tira moito de internet para conseguir pezas únicas, afastadas do que a maior parte das persoas entenden por un reloxo. A súa colección chega a 150 e en Monforte pode verse estes días nunha exposición no Museo do Ferrocarril de Galicia (Muferga) chamada "El infinito caminar del tiempo". O público descubrirá nela diversas formas de medir o paso dos segundos, os minutos e as horas. É tan curiosa que con anterioridade se exhibiu no museo etnográfico de Vigo ou no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña.

Domingo Pérez ten desde un reloxo deseñado por el mesmo que saca a súa forza motriz do movemento dunhas bólas ata unha copia do primeiro aparello cinético, Congreve, do século XIX. En concreto, este patentouse no 1808. Os aparellos máis antigos son réplicas que representan moi ben os diferentes xeitos que o ser humano tivo que fabricar para coñecer, ou polo menos aproximarse, a hora na que se vive. Ata a aparición do péndulo no 1657, a natureza era a gran aliada das persoas para saber como pasaba o tempo. As explicacións de Domingo Pérez amosan a súa paixón pola reloxería. O xoieiro monfortino fala dun avance moi lóxico, que foi mellorando en función das necesidades.

Os primeiros reloxos da historia, segundo conta, eran de sol e transmitían información grazas á posición na que se atopaba a súa sombra. Tiñan un problema: cando había nubes ou se facía de noite deixaban de funcionar. Por esa razón inventáronse os reloxos de auga. Eran similares aos de area, compostos por dous recipientes separados por un orificio que deixaba pasar o líquido a unha velocidade determinada e marcaba fraccións de tempo en función dunha escala. De aí pasouse aos reloxos de lume ou combustión, que medían as horas a partir do consumo dunha candea.

A MOSTRA. A colección de Domingo Pérez inclúe réplicas destes curiosos artiluxios e unha explicación sobre o seu funcionamento. Por suposto, o xoieiro ten tamén reloxos máis típicos, algúns deles dunha importante antigüidade. O elemento orixinal máis vello data do 1915. Esta afección tan curiosa polos reloxos converte a Domingo Pérez Somoza nunha enciclopedia vivinte sobre a medida do tempo. Non naceu nel, senón que a herdou do seu pai, igual que o seu oficio de xoieiro e reloxeiro, que exerce nun negocio da Rúa Cardenal.

Domingo Pérez Somoza fixo da súa paixón a súa profesión e agora non pode parar."Cuando entra el veneno del coleccionismo es imposible detenerse, no paras", afirma. O feito de que sexa descendente dun amante dos reloxos fai que se tome esta paixón convertida en traballo con "mucho cariño". Domingo Pérez promete enormes sorpresas a todo aquel que se achegue ata o Muferga a gozar da exposición. O motivo de desenvolver a mostra neste centro non é outro que o forte vínculo que o sector ferroviario ten cos reloxos. "Siempre los hubo en las estaciones, porque son fundamentales para que la gente sepa si llega tarde o a tiempo a coger un tren", explica.

"El infinito caminar del tiempo" amosa reloxos moi difíciles de ver hoxe en día e cun método de funcionamento moi curioso. Hai desde recreacións de reloxos solares, de area e auga ata obxectos de cuarzo ou con péndulo. Unha interesante viaxe polo tempo e polos distintos xeitos de medilo que o ser humano foi atopando no seu camiño pola historia.

O coñecemento de Domingo Pérez é tan extenso que lle permitiu elaborar no seu mesmo negocio varias réplicas. É o caso dun reloxo de auga no que un recipiente en equilibrio recibe unha cantidade regular de líquido. Nun momento determinado prodúcese unha inestabilidade que activa un mecanismo de pequenas luces que indica a hora e os minutos.

Meta. Un dos obxectivos de Domingo Pérez para a súa impresionante colección de reloxos era que esta viaxase por diferentes lugares, é dicir, transformala nunha exposición itinerante. A súa meta cumpriuse.

Alá onde van, os reloxos de Domingo Pérez triunfan. O xoieiro non perderá o tempo mentres decida mantelo nas súas mans.

Comentarios