Pais sen présa nin pausa

Tiveron o seu primeiro fillo cando o canon social considera que é tarde. Pero a dita foi boa e era o seu tempo, o momento preciso para desfrutar da paternidade a conciencia
Mario Carballo co seu fillo Fran.
photo_camera Mario Carballo co seu fillo Fran.

Conseguir o título de pai despois dos 40 é cada vez máis frecuente. As circunstancias da vida retrasan a paternidade e a idade vai en aumento. Cando se fala de anos a atención sempre se centra nas nais por motivos biolóxicos, pero ao lado destas mulleres soe haber homes cunha idade similar ou superior.

Os pais celebran este domingo o seu día. Os que aquí nos ocupan non tiveron moita présa por participar da festa. Optaron ao título de pai cando lles pareceu oportuno e conseguírono aos 51, aos 47 e aos 43 anos, con premeditación e conscientes de que a súa vida se poría patas arriba en canto chegara o novo membro da familia. Anos despois, están felices de vivir con alguén que lles desordena a casa, que lles condiciona a axenda e que se fixo co mando do televisor.

MARIO CARBALLO. Estreouse como pai aos 51 anos. Mario Carballo conta que ata ese momento nunca sentira a necesidade de ter fillos. Tal vez porque non era o momento axeitado ou porque non atopou a persoa que lle dera a confianza necesaria. Pero un bo día, Ana cruzouse no seu camiño e transmitiulle a seguridade que precisaba para "tomar a decisión máis importante da miña vida".

"Non pensei en ter fillos ata que coñecín á miña muller, a persoa adecuada para compartir iso", comenta. Nese momento, a súa perspectiva vital mudou. "Foi unha decisión pensada, premeditada, buscada", explica.

Mario Carballo está convencido de que a decisión foi moi acertada, no momento xusto e coas circunstancias precisas. "Algún amigo dicíame que tiña moral, por non dicirme que estaba tolo, pero eu sentía que ese era o momento adecuado", afirma.

Mario Carballo vive a paternidade con tranquilidade, intensidade e preocupación

E así foi. Case tres anos despois do nacemento de Fran, é quen de analizar o acontecido. "Ao ter un fillo a esta idade vives a paternidade con máis tranquilidade, intensidade e preocupación", resume.

E explica claramente esas tres circunstancias. Con máis tranquilidade porque "teño unha vida asentada, estou máis sereno que cando era máis novo". Con máis intensidade porque "me implico na crianza por devoción, non por obriga. Participo todo o que podo e aínda me gustaría facelo máis porque a nai leva máis peso ca min. Non estamos ao 50%, eu diría que o reparto é 60-40. En todo caso, a miña prioridade é a familia e todo esforzo é pouco para desfrutar co meu fillo e a miña muller". 

En canto ás preocupacións, cre que a idade e o percorrido vital implican unha maior consciencia dos atrancos que hai no camiño e incrementan a alerta ante o que poida vir. "Un amigo avisoume de que ía ter medos que nunca tivera. E é certo. Estoume preocupando por cousas que nunca na vida se me ocorreran".

Pensar no futuro é inevitable a calquera idade, pero hai un detalle que a este pai lle dá voltas na cabeza. "Cando un rapaz chega á adolescencia sempre hai un choque cultural cos pais. No meu caso, a diferenza de 51 anos na idade pode facer que ese impacto sexa maior, sobre todo á velocidade que vai o mundo". En todo caso, Mario Carballo ten ao seu favor que é consciente de que iso pode ocorrer e que a súa experiencia como pai irá medrando á par do seu fillo.

Di que é máis feliz ca nunca, pero que tamén ten medos que non chegara a imaxinar

Confesa que o neno o rexuveneceu. "Ando tirado polo chan, saltando, correndo... eu non facía esas cousas". E tamén foi un agasallo para os avós. "Eu son fillo único e é o primeiro neto que teñen. Cando chega el desaparece calquera preocupación. A ilusión que lles dá é enorme".

Mario Carballo só ve vantaxes na paternidade tardía. "Non che quita, só aporta. Con 25 anos quitaríame de viaxar, de saír... agora non me importa facelo doutro xeito máis pausado".

Conta que o seu traballo lle obriga a viaxar. "Nunca me importou facelo, pero agora quedo de mellor gana na casa". De feito, pasa o día á espera "dese momento magnífico no que chego á casa e podo estar co meu fillo e desfrutar dun tempo relaxado ata que o levo á cama. Con 30 anos se televisaban un partido prefería velo e agora non sei nin o que dan na televisión", aínda que confesa que coñece todos os nomes da Patrulla Canina. "Iso é básico", di entre risas.

Luis Teijeiro, con Xabi.
Luis Teijeiro, con Xabi.

LUIS TEIJEIRO. "Non creo que haxa unha idade ideal para ter fillos. Eu teño unha vida e é esta. Antes non creo que estivera a gusto. Ter un fillo non é coma comprar un bolso". Así de claro o ten Luis Teijeiro, veciño de Vilalba. O seu fillo Xabi naceu cando el tiña 43 anos e hoxe, con 50, fala con perspectiva da experiencia.

Conta que non foi premeditado. "Non había ningún plan. Non se falaba diso na casa. Levabamos moitos anos en parella e cando me din conta eu xa tiña 40. Despois apareceu o neno e quedamos contentísimos".

Luis Teijeiro cre que a idade atenúa as obrigas porque xa antes houbo etapas con máis liberdade

Cre que ter un fillo despois dos 40 permite tomar as obrigas que implica cunha filosofía máis positiva. "Depende da experiencia vital de cada un, pero hai cousas que xa viviches e que che fan menos falta que se tiveras 20 anos. A prioridade é o meu fillo e se neste momento teño que adaptar aspectos da miña vida fágoo sen problema porque as outras etapas xa as vivín con liberdade", explica.

Luis Teijeiro pediu na empresa para a que traballa un horario compatible coa conciliación familiar. "É complicado. Non temos avós cerca e temos que compaxinar horarios a nai e máis eu". Por este motivo non pensan de momento en ter máis fillos. 

Solicitou conciliación no traballo, cun horario compatible co coidado do seu fillo

A estas alturas de vida, di que lle preocupan cousas que aos 20 anos nin pensaba. "Cavilas máis, preocúpaste de temas filosóficos. Polo mundo, polo futuro que terá o teu fillo, polo que será del... eu penso que se o tivera máis cedo non me preocuparía tanto".

Pero a súa experiencia vital tamén lle axuda a relativizar os problemas e a valorar o realmente importante. "Teño un amigo que me di que os nenos hai que telos a unha idade determinada, pero eu penso que non, que cada un ten o seu momento axeitado". 

Nacho Vázquez, coa súa filla Alicia e a súa parella, María.
Nacho Vázquez, coa súa filla Alicia e a súa parella, María.

NACHO VÁZQUEZ. Da mesma opinión é Nacho Vázquez, de Chantada. "Para min é o momento xusto", asegura con rotundidade, e engade que "antes estaba máis centrado noutras cousas".

A súa filla Alicia ten doce anos e naceu cando o pai tiña 47 e a nai, María, 44. "Sempre pensas en ter fillos, pero ou non é o momento ou non é a persoa ou eu non estaba para iso. O caso é que pasou o tempo e decidimos facelo", comenta.

Nacho Vázquez cre que de novo tería máis forza, pero non pode aseguralo porque non probou

Di que o que máis medo lle daba era "que a nai puidera ter algún problema porque sempre che din que despois dos 40 os embarazos poden ser complicados. O medo era só pola súa saúde, pero foi todo completamente normal".

O único inconveniente que lle ve á súa idade é que "de novo seguro que tiña máis forza, pero non o sei porque non probei", comenta entre risas. Pero tamén ve vantaxes, como que "temos un punto de vista diferente, cunha perspectiva que che axuda a non dramatizar tanto as cousas".

Tivo reservas pola diferenza de idade, pero agora non ve distinción co resto de pais

Lembra que no primeiro momento estivo preocupado pola diferenza de idade con outros pais, pero "agora vexo que non hai distinción ningunha. Pero todo está por ver. Aínda queda moito porque ser pai non remata nunca".

Comentarios