lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

"De Ourense a Santo André fas o camiño galego, dixo Cunqueiro"

Ramón Conde Corbal. EP
Ramón Conde Corbal. EP

Ramón Conde Corbal escribiu con Santiago Lamas o libro 'O noso camiño'. O seu obxectivo era dar unha versión actualizada da peregrinación que fixeron desde Ourense a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey.

Sábese que o santuario de Santo André de Teixido, en Cedeira, é un lugar de peregrinación popular desde a antigüidade. Ramón Conde Corbal e Santiago Lamas recrean e actualizan no seu libro a ruta descrita por Ramón Otero Pedrayo na obra Pelerinaxes. Itinerario de Ourense a San Andrés de Teixido, con limiar e debuxos de Vicente Risco. En xullo de 1927 estes dous escritores, na compaña de Ben-Cho-Shey, fixeron esta viaxe a pé. Conde Corbal explica que "o noso libro guía pretende rescatar un lugar de peregrinaxe moi importante noutros tempos e inxustamente esquecido". 

Como xurdiu a idea desta publicación? 
Santiago Lamas faloume do libro Pelerinaxes I no 2000. Lamas escribiu A Galicia borrosa, unha obra de culto publicada en Edicións do Castro. Quedeime coa idea de desenvolver o proxecto O noso camiño, aínda que demoramos a publicación ata 2017, como recoñecemento a esos tres ilustres escritores e para actualizar un traxecto no que as paisaxes e os camiños experimentaron un gran cambio. A viaxe de Otero Pedrayo e os seus acompañantes insírese no contexto de revitalización da cultura galega ideado pola Xeración Nós. A intención é devolverlle a vida a esta ruta a Santo André. 

Como foi a experiencia? 
Fixemos trece etapas, coa necesidade de trazar tramos alternativos sobre o trazado descrito en Pelerinaxes I. Entre as vilas hai novas estradas e algúns camiños xa non existen ou son impracticables. Elaboramos unha cartografía da ruta, que se recolle no libro. Cada etapa conta co seu mapa propio, ficha técnica, código QR para a súa lectura en aparellos tecnolóxicos e datos de intereses para o camiñante. Fixemos o itinerario máis recto e máis fiel posible. En Palas colleron o autobús ata Lugo, porque chovía moito e Otero Pedrayo tiña feridas nos pés. Hai que ter en conta que eran peregríns de traxe e garavata. Non ían equipados como os actuais. Nós entendemos que debiamos seguir por Friol ata a capital lucense. 

A que se debe o título O noso camiño? 
Dicía Álvaro Cunqueiro que os camiños nacen e morren como os homes se ninguén os percorre, polo que decidimos darlle un pulo ao que o escritor mindoniense definiu como o único camiño galego, que discorre só pola nosa comunidade. De aí o título do libro. 

Na etapa de Lugo temos a colaboración de José de Cora, que fala do interese de ir ao santuario de Santalla de Bóveda

Como atoparon a Galicia interior? 
No eido da paisaxe humana detectamos moitos baleiros. Houbo xornada nas que non nos cruzamos con ninguén, pero o percorrido é interesante para coñecer esa Galicia baleirada, especialmente a provincia de Lugo, pola que discorren 200 dos 262 quilómetros desta ruta. 

Deixan un pequeno espazo no libro para que futuros camiñantes recollan as súas opinións... 
Do mesmo xeito que escribimos o noso caderno guía do camiño, calquera que queira expresar as súas impresións con inmediatez, pois os recordos tenden a transformar a realidade, ten ocasión de facelo nesas páxinas en branco do libro. 

Buscaron distintos colaboradores e incorporan algún cada edición. 
Maribel Outeiriño describe a zona de Ourense, Xaquín López fai o propio en Chantada, Felipe Senén en Outeiro de Rei e Darío Villanueva en Vilalba. Cada un escribe un texto relacionado coa súa vila natal. Proxectamos unha cuarta edición do libro á que incorporaremos un texto de José de Cora, que lembra aos camiñanes o erro de non desviarse uns quilómetros para facer un alto no santuario lucense de Santalla de Bóveda. 

Podería recuperarse esta ruta se tivese apoio institucional? 
Neste Ano Xacobeo o esforzo das administracións está centrado nos camiños de Santiago, pero este percorrido enriquece a oferta na nosa comunidade. O noso libro guía pode contribuír a ese obxectivo e por iso pedimos apoio á Vicepresidencia da Deputación de Lugo para sacar a cuarta edición. Tamén está cerca o centenario desta viaxe dos intelectuais da Xeración Nós. Esta ruta non é unha competencia das xacobeas, senón unha proposta que enriquece o conxunto de camiños galegos. Lembramos o dito de que a Santo André vai de morto quen non foi de vivo e a lenda de que lle tiña envexa a Santiago por ter unha capela e non unha catedral.

"De Ourense a Santo André fas o camiño galego, dixo Cunqueiro"
Comentarios