Os médicos da casa

Teñen a preparación de calquera doutor, pero diferéncianse por unha vontade e capacidade de esforzo que non se aprende na universidade. Son médicos rurais
Ricardo Parada, Ana García Cedrón e Susi Vázquez, médicos de A Fonsagrada, Castroverde e A Pastoriza.
photo_camera Ricardo Parada, Ana García Cedrón e Susi Vázquez, médicos de A Fonsagrada, Castroverde e A Pastoriza.

Son médicos, pero non uns calquera. Chámanlles de familia e teñen o apelativo gañado porque coñecen os seus pacientes mellor que moitos parentes e coidan deles como se foran da casa. Os que traballan no medio rural rozan a consideración de amigos íntimos. Están sempre que se precisan e fan por solucionar os problemas que máis preocupan.

Teñen un consultorio, pero poden atoparse en calquera corredoira. Percorren as aldeas armados co tradicional fonendoscopio e moita vontade. Levan o eterno maletín cos recursos básicos, pero tamén botas de goma, cadeas para a neve e mesmo un machado por se hai que apartar algunha póla do camiño un día de vento. O obxectivo é chegar e eles teñen que conseguilo sempre.

Os médicos de atención primaria son o primeiro eslabón da cadea, as persoas de referencia ás que acudir ante calquera problema de saúde, os primeiros nos que pensamos cando algo vai mal.
No medio rural, a figura do médico de cabeceira ten incluso unha relevancia maior que no ámbito urbano. A distancia con respecto ao hospital e o envellecemento da poboación incrementan a demanda de asistencia e sobrecargan uns profesionais curtidos en todo tipo de situacións.

Aínda que quedan lonxe os tempos nos que traballaban as 24 horas, estes doutores nunca pechan a porta. O avance tecnolóxico deulles ferramentas materiais para traballar, pero perderon medios humanos. A falta de persoal lastra a súa actividade e vense obrigados a suplir a carencia con esforzo propio. Todo para garantir que os pacientes reciban a atención que precisan porque, cando se trata da saúde, escatimar é delito.

Ricardo Parada, médico de A Fonsagrada. TANISA FONSAGRADA. Ricardo Parada naceu en Santiago, pero viaxou un día á Fonsagrada e xa non se foi máis. Leva tantos anos de médico nesta localidade que ata lle deu tempo para ser tamén alcalde.
Varias décadas de exercicio da profesión na montaña permitíronlle ser testemuña da evolución do sistema sanitario, para mellor nuns aspectos e para peor noutros tantos.

Ricardo Parada atesoura anécdotas que darían para facer unha serie de televisión. Mestura vocación con espíritu aventureiro e iso é un cóctel explosivo. "Agora está todo alquitranado, pero eu xa levo cinco coches desde que estou aquí", apunta entre risas.

Di que as estradas melloraron, pero iso non evita ter que loitar contra os elementos de vez en cando. "Vento e neve segue habendo e ás veces hai que andar abrindo camiños para chegar á casa dun enfermo, incluso máis que antes porque agora a xente planta árbores ata nas cunetas. Eu sempre levo a brosa no coche, non custa nada e así non necesito ir ao ximnasio", comenta con humor.

Ricardo Parada leva un machado no coche por se fai falta abrir camiño cara unha urxencia

Ricardo Parada afirma que nas décadas que leva de exercicio melloraron os medios, as estradas, avanzou a medicina, pero asegura que a pesar de todo "traballo tanto ou máis que cando empecei". Isto débese a que "cada vez hai menos médicos porque non cubren as baixas" e a que a poboación das zonas rurais ten unha media de idade avanzada e xera máis demanda de atención. "Hai moita persoa maior, con moitas patoloxías, encamados que requiren continuos desprazamentos por todo o concello", apunta.

É un firme defensor da "medicina de domicilio, pero para iso necesitamos medios, que non nos anden apurando. Para os que mandan na sanidade todo son números e cartos. O beneficio da saúde non entra na ecuación. Ás veces seguimos funcionando porque nós nos involucramos para facer todo o que hai que facer".

Ricardo Parada explica que os pacientes son os seus veciños e mantén con eles un "trato de cariño". Aínda que traballa de oito a tres, non é raro que recorran a el en calquera hora do día. "Todo o mundo sabe o meu teléfono e non me parece mal que me chamen. Non me caen os aneis e sería pouco humano e pouco profesional non atender unha urxencia fóra das horas de traballo".

E parece estar moi afeito a atendelas. "Agora que está todo alquitranado decidiron poñernos un taxi. Pero eu non espero nin polo taxista nin por ninguén. Se teño que saír, arranco para chegar axiña porque ás veces o tempo é vital. Vou en contacto co 061, moitas veces coa enfermeira e fago o que podo. Hai que saber ata onde podes chegar".

Foi alcalde da Fonsagrada e, aínda que é de fóra, di que ten pensado quedar cando se xubile

Non levou nada ben a redución das consultas presenciais imposta durante a pandemia. "Que é iso da atención telefónica? Non só é malo para o doente, senón que iso nos pobos prexudica incluso á economía local. A xente cando vén ao médico aproveita para ir ás tendas e se pechamos as consultas tamén van pechar os comercios e os bares».

Aínda que non é nativo, exerce de fonsagradino. Os veciños considérano un deles ata o punto de chegar a facelo alcalde. "Nunca deixei a miña profesión. Fun médico e exercín de alcalde". Tira pola terra e cuestiona os que pasan por ela sen involucrarse socialmente. "Hai quen traballa aquí e ten a cabeza noutro lado, sempre pensando en marchar. Eu penso quedar na Fonsagrada cando me xubile porque teño horta e monte para limpar", afirma.

Ana García Cedrón, médica de Castroverde. SEBAS SENANDECASTROVERDE. Quen tamén está integrada no seu destino é Ana García Cedrón, que exerce en Castroverde. "Sempre dis que non o vas facer, pero acabas implicada ata a médula", confesa.
Ana García Cedrón traballou como médica en Lugo, despois desempeñou o cargo de xerente de Atención Primaria e retomou o exercicio da profesión en Castroverde. Tras probalo todo, ve poucas diferenzas entre traballar no medio urbano e no rural pola implicación que conleva a profesión.

"Vénche sendo o mesmo, o único diferente é a demanda. Os cupos na cidade son máis novos. Nos pobos a idade da poboación é máis avanzada, con pacientes máis demandantes, enfermos crónicos e polimedicados", explica.

Aínda que o número de pacientes por médico pode ser menor no medio rural que no urbano, a atención que precisan é constante, por tratarse de poboación de máis idade. "Por exemplo, coa apertura da residencia de maiores de Castroverde recibimos moitos pacientes novos, con distintas patoloxías e medicacións. Para darlles unha atención adecuada necesitas coñecer cada caso e só para poñerte ao día co historial de cada un fai falta moito tempo".

Ana García Cedrón critica a descarga de traballo dos hospitais na atención primaria

A carga de traballo é enorme. "Nos últimos anos houbo un deterioro grande do sistema sanitario e un incremento da carga asistencial", apunta. Atribúe esta situación en boa parte á falta de médicos, pero tamén á "mala relación co hospital. En atención primaria facemos moito traballo que deberían facer nos hospitais". Pon como exemplo as probas que encargan os especialistas antes dunha revisión. "Solicitan analíticas ou outras probas, pero non as tramitan, senón que lle din ao paciente que veña pedilas ao centro de saúde. Ou prescriben un tratamento e non lles fan receitas. Así, somos nós os que as facemos e despois desde arriba quéixanse de que receitamos moito, pero son medicamentos encargados por outros. Ás veces nin lles dan as citas para as revisións, así que temos que solicitárllelas nós. Todo isto que debería vir feito desde o hospital xera unha sobrecarga de traballo tremenda en atención primaria".

A implicación dos profesionais é fundamental nesta situación porque o fin último é prestar un servizo axeitado ao paciente. "Somos médicos de familia, non só coñecemos os problemas de saúde da persoa, senón o seu entorno familiar e social e procuramos axudar en todo o que estea na nosa man. Ademais, trátase na maioría dos casos de xente maior que vive lonxe do hospital, polo que procuras por todos os medios resolverlles o problema". Isto implica un esforzo engadido e unha preocupación que vai máis aló dun horario laboral de oito a tres.

Di que a elevada idade da poboación de Castroverde incrementa o volume de consultas

Nesas horas que constan na súa xornada oficial, Ana García Cedrón atende ducias de pacientes na consulta, outros tantos por teléfono e vai a algúns domicilios onde é necesaria unha atención presencial. Ás veces os desprazamentos son un reto, sobre todo no inverno. Se non chove fai vento e "un par de días ao ano hai neve nas estradas. Nunha das últimas nevadas quedei atrapada co coche. O curioso é que para ser médico de primaria non esixen ter carné de conducir nin coche, pero como non os teñas estás perdido".

Susi Vázquez, médica de A Pastoriza.A PASTORIZA. Susi Vázquez Doce traballa na Pastoriza desde hai seis anos. Antes estivo en Sarria, na Mariña e mesmo exerceu en Lugo, onde vive, e tras probar algo de todo asegura que "no cambiaría el ambiente de trabajo de un pueblo por el de una ciudad".

Valora o trato cercano cos pacientes e as posibilidades que a medicina rural lle ofrece para realizarse na súa profesión. "Este tipo de trabajo va muy acorde con las inquietudes que nos mueven a los médicos de familia". 

Susi Vázquez cre que exercer no rural axuda a desenvolver as inquietudes dun médico de familia

O seu compromiso traspasa a porta da consulta. "Tratamos con mucha gente mayor y eso requiere una atención diferente. No puedes recetar y desentenderte. Una persona de 80 y tantos años no puede gestionar 17 medicamentos. La suerte que tenemos en Galicia es que pocos viven solos. Quien no está con un hijo tiene un vecino que le ayuda".

Por vocación, por responsabilidade ou por servizo social, estes médicos preocúpanse de que os doentes estean facendo o correcto. "Reviso si retiran la medicación y estoy en contacto con los farmacéuticos porque en algunos casos sé que hay que insistir para que las instrucciones queden claras".

Con este nivel de coidados, non é estrano que os pacientes chamen á súa porta "solo para hablar". E realmente esas conversas poden evitar moitas enfermidades. "Haces de médico, de psicólogo, de consejero de familia y hasta vienen con cartas que les llegan de cualquier administración y que no entienden". 

Demanda medios técnicos para realizar probas básicas na Pastoriza e evitar visitas ao hospital

Susi Vázquez bota en falta dotación axeitada nos centros de saúde para evitar a derivación de pacientes ao hospital. Explica que os desprazamentos xeran trastornos que se poderían evitar se puidesen facer na Pastoriza algunhas probas básicas. "Por ejemplo, llevamos años pidiendo un ecógrafo. A mis pacientes ir al Hula les supone un día de excursión, buscar quien les acompañe, quien se haga cargo de las explotaciones. Para ellos es complicado y podríamos evitarlo si tuviesemos medios adecuados".

Medios técnicos, persoal suficiente e atención acorde ás necesidades. Son reclamacións comprensibles que resoan alto e claro en toda a provincia.

Comentarios