Onde a vida segue o seu curso

Das radiografías ás que a crise sanitaria está sometendo á sociedade, unha delas revela a resistencia que, neste tempo, ofrecen as aldeas, onde a vida segue sen grandes cambios
Davide Salvado e Dani Pardo coidan dunha granxa cabalar. AEP
photo_camera Davide Salvado e Dani Pardo coidan dunha granxa cabalar. AEP

“Aquí non o notamos tanto”. Esta frase é de Tita Blanco (A Fonsagrada), pero cáseque conforma unha letanía para todos aqueles veciños que viven no rural. Das moitas cousas que esta crise sanitaria está a radiografar da sociedade, unha delas é a mellor calidade de vida que, neste momento, ofrece unha aldea. Mentres o mundo nas cidades cambalea, o rural, sempre máis esquecido, semella resistir mellor o embate.

“A xente que vivimos no rural estamos contentos e contentas de estar aquí, porque temos bastante liberdade. Así que mando o apoio total ás persoas que estades na cidade”. Así comezou o primeiro dos concertos que o músico e cantante Davide Salvado deu dende o sofá da súa casa en Liúlfe (Palas de Rei) polas redes sociais.

A meirande parte das cousas que bota en falta dende que hai seis anos se estableceu neste lugar —como a actividade cultural, a presenza de máis veciños ou o transporte— son ás que agora non se pode optar. E iso en certo modo pon máis peso nos aspectos positivos, eses dos que, na mesma situación, carece unha cidade.

“Ata meus pais, que decidiron vivir nun piso, agora chaman e recoñecen que somos máis libres aquí”, di.

Saír á horta, comer os propios produtos e ter espazo abondo fan que esta traxedia se note menos en moitas das casas no rural

A casa de Davide Salvado e da súa parella, Daniel Pardo, non acaba nos muros. Mide dúas hectáreas. Nese espazo traballan unha horta que se está a duplicar, porque son momentos de asegurar o sustento propio e alleo. Os cabalos tamén esixen pastos e camiños. “Non teño máis tempo ca antes”, afirma. Sen embargo, cada raiola pode desfrutarse baixo o sol, e non pasan desapercibidos os sinais da primavera.

AS DÚAS CARAS. “Como sería ver o sol e non poder saír?”, preguntáballe a Concha Blanco a súa filla estes días. Por suposto, as vacas que ten na explotación de leite en extensivo non dan descanso, son regulares coma o sol.

A vida segue igual na parroquia friolesa de San Martiño de Condes, pero iso non quere dicir que ese ‘igual’ sexa a mellor das situacións. “Coidadiño con facer da vida no rural algo bucólico e idealizado”, alerta. A realidade que ela denuncia cada día é a da falta de servizos, a da mingua da asistencia sanitaria, a da dificultade para acceder ás axudas. “No rural sempre estamos en crise. Somos poucas as persoas que decidimos vivir aquí, contra corrente. Pero iso ten un custo”, indica. A menor incidencia da pandemia nas aldeas non só compre lela como unha maior fortaleza destas poboacións, senón tamén en termos de despoboamento.

Por outra banda, a súa despensa está chea de manteiga, leite que muxe a diario e produtos que intercambia cos veciños. “Aquí, comida non ha faltar”, indica, o que non é pouca cousa. Sen idealizacións, o certo é que en San Martiño de Condes non coñecen a vulnerabilidade actual dunha gran cidade. Na memoria da casa que Concha herdou aínda permanece a pegada da Guerra Civil, cando os seus tíos avós se refuxiaron nela chegados da Coruña.

Hai uns días botaron as patacas, coma sempre. Cocer o pan, traballar na horta. Hai tanto que facer coma calquera día do ano

“Fálase moito da fenda dixital, pero eses familiares meus non sabían cardar o liño, nin traballar a horta. Nada. Coma tantas persoas hoxe en día”, indica. Sen querer opoñer o campo á cidade, pensa que “o principal debe ocupar un lugar principal, e como non espabilemos esta crise será só un anticipo da do cambio climático”.

A REPÚBLICA DA CASA. ”Quentado polo lume da lareira sonche independente”, di o último tema dos Dios Ke Te Crew. A lareira á que se refiren é a de Tita Blanco. Na aldea da Fonsagrada onde vive había, cando era nova, seis casas habitadas. Agora só está a súa, na que esta famosa artesá do butelo vive co seu home, José Fernández —o ‘Barbeitos’— e coa súa filla durante o confinamento. A distancia física, no seu caso, marcouna antes o despoboamento cá pandemia.

“De verdade que non notamos cambio”, comenta. Hai uns días botaron as patacas, coma sempre. Cocer o pan, traballar na horta. Hai tanto que facer coma calquera día do ano. Tita Blanco, ademáis, só lle colle algún pescado conxelado ao distribuidor asturiano que pasa unha vez por semana. Polo demais, o seu frigorífico está cheo da matanza, os embutidos curan na casa, as galiñas danlles ovos, na finca teñen maceiras e matan tamén coellos e polos. A canción non enganaba, e a casa de Tita Blanco semella independente no que ao sustento se refire. Aínda que esa palabra tocará repensala. O que si, dende logo, a súa vida é máis sostible.

Comentarios