Onde están elas na xestión forestal?

Investigadoras do campus de Lugo promoven a reflexión dos incendios en clave de xénero
Xornada de traballo de Batefogo en Chantada. EP
photo_camera Xornada de traballo de Batefogo en Chantada. EP

Onde están as mulleres na xestión forestal? "É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?". Estas son as preguntas que comezou a facerse o equipo de Batefogo despois de que, nas súas enquisas para deseñar os proxectos de intervención social para a prevención de lumes en Galicia —con varias iniciativas na provincia—, o 90 por cento dos axentes entrevistados fosen homes.

Ante este desequilibrio, Batefogo deuse conta de que necesitaba ferramentas coas que abordar esta cuestión de xénero no seu traballo de campo. E como apenas atoparon investigación ao respecto, decidiron promovela. Así foi como naceu 'Árbores que non arden. As mulleres na prevención dos incendios forestais', un libro en proceso de crowdfunding no que convidaron a distintas investigadoras, entre elas varias do campus de Lugo da USC —como Ana Cabana Iglesias, Beatriz Rodríguez Morales ou Rosa Mosquera, ademais de Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego—, a xerar unha reflexión.

A publicación, editada por Catro Ventos, ábrese cun artigo da doutora en Historia de Castro de Rei Ana Cabana, que analiza os estereotipos asociados ás mulleres en relación aos incendios forestais durante o franquismo na provincia. "Aínda que a meirande parte das queimas foron feitas por homes, tamén houbo mulleres que o fixeron. Para liberarse da pena aproveitaron o estereotipo que o franquismo vertía sobre elas. Esgrimiron unha falsa ignorancia para dicir que non sabían que podían provocar un incendio coa súa actuación, e ás veces, serviulles. O réxime non concibía que unha muller puidera estar comprometida politicamente", comenta.

Os estudos indican que as mulleres "desaparecen" dos espazos de xestión, pero sen embargo lideran varias iniciativas de coidados

Cabana explica que, o lume, ata o franquismo era "unha ferramenta agropecuaria máis, converteuse nos anos 50 e 60 nunha ferramenta de conflito, porque a poboación non quería a produción forestal, nin que o Estado se fixera propietario dos montes comunais, e o queimaba como forma de protesta", indica.

COIDADOS

Outra das investigacións do campus de Lugo é a da enxeñeira de montes Beatriz Rodríguez Morales, que analiza as diferenzas de xénero á hora de percibir os servizos do monte. "Percíbese máis sensibilidade por parte das mulleres para percibir e valorar o medio ambiente, algo que non é que sexa natural, senón educacional", indica. "Este tipo de percepcións están afastadas dos centros de toma de decisión", afirma a investigadora, o que levaría á pregunta sobre unha xestión forestal masculinizada.

Para Miguel Pardellas, esta xestión existe e se caracteriza por unha concepción do monte unifuncional, "centrada só na explotación forestal, que nin sequera se está a facer ben, e que nos fai esquecer os moitos usos que tiña o monte, que as mulleres teñen máis presentes", indica.

Neste sentido, "aínda que a presenza de mulleres sexa anecdótica nas comunidades de montes e noutros espazos de xestión", afirma Miguel Pardellas, "por outra banda —continúa— hai moito traballo liderado por mulleres en clave de contestación veciñal, organización comunitaria, decisión de usos do monte, coidados ou transmisión do coñecemento aos cativos", iniciativas, en fin, esenciais para que as árbores non ardan.

Comentarios