sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

O oído prodixioso dun veterano friolés

Víctor Lamas. AÍDA SOENGAS
Víctor Lamas. AÍDA SOENGAS
Aos seus case 93 anos, Víctor Lamas Seijas é capaz de sacar co acordeón pezas que descoñece vendo un só vídeo tutorial en Youtube

Víctor Lamas Seijas está a piques de cumprir 93 anos, pero asegura que, dende hai uns oito, a música rexuvenece a súa alma. Non deixa de ser curioso o xeito que ten a vida de descubrirnos paixóns até o último momento, e é que Víctor xamais sentira atracción por tocar un instrumento. 

Dende noviño, adicouse á agricultura no seu contorno, na Casa de Fidalgo de Lea, situada na aldea friolesa de San Xurxo de Lea. Aos 50 anos, porén, comezou a gañarse a vida na construción ata a súa xubilación, momento no que aproveitou o seu tempo libre para encamiñar proxectos cos seus achegados. 

O Entroido foi algo que a Víctor sempre lle entusiasmou. Disposto a disfrazarse e bailar en calquera momento, el e máis algúns compañeiros formaron a asociación frioleira Xesta Verde, que comezou co obxetivo de facer carrozas para os carnavais e, co tempo, tomou diferentes rumbos, un deles o da música. Aí, Víctor colleu o acordeón por primeira vez sen ter idea algunha de tocalo, mais notou certa conexión que provocou que, ao abandonar o colectivo, decidira apuntarse á Uned Senior de Guitiriz, un programa formativo para persoas xubiladas, para que lle aprendesen a ser un bo acordeonista aos 85 anos. Tamén acudiu a clases de música na Fervenza das Brañas, en Toques, xa na provincia da Coruña. 

O teléfono é a mellor ferramenta xunto cos meus instrumentos. Prescindiría mil veces antes do coche que do móbil

Nas clases, Víctor aprendeu sorprendentemente rápido. Xa daquela, os seus dedos deslizábanse polo corpo do instrumento coma se se tratara dun movemento natural para el e os mestres notaron un don especial no friolés. 

Pouco despois, Víctor pasou de ser o alumno ao mestre. Aínda en Toques, coñeceu a Antonio, un palense de 50 anos de idade ao que ensinou a tocar o acordeón. A súa relación estreitouse enseguida e Antonio animou ao veterano a formar parte con el da Asociación Musical Agarimo, unha agrupación de Palas de Rei que anima foliadas e eventos na provincia lucense. 

Vestidos de gaiteiros, ambos continúan na actualidade a ser parte de Agarimo co acordeón entre os brazos. Antonio destaca a actitude persistente de Víctor. "Nunca cansa, sempre que se lle ofrece senta a tocar e, aínda que non saiba a peza, é capaz de escoitar aos seus compañeiros durante un chisco e unirse coma se a houbera tocado toda a vida. É de admirar, non puiden aprender de ninguén mellor. O seu oído é único", asegura. 

Non teño un instrumento preferido, todo depende do que me apeteza e do tema que vaia tocar

VIRTUOSISMO. O mesmo Víctor conta que xa é rutina coller o seu smartphone cando está na casa e escoitar calquera peza que lle apeteza aprender. En total, coñece de memoria cerca de 150 temas de acordeón, mais reproducir o vídeo dunha nova canción unha vez é suficiente para que o músico se familiarice con ela. "O teléfono é a miña mellor ferramenta xunto aos meus instrumentos. Prescindiría mil veces antes do coche que do móbil", confesa entre risos. Tamén afirma que está moi pegado ao Facebook e que lle gusta estar pendente das redes sociais. 

O virtuosismo de Víctor vai máis alá do seu oído, e é que o acordeón non foi o único que chamou a súa atención de xeito repentino. Nun evento, quedou prendado do sonido que emanaba dun saxofón, polo que sentiu a necesidade de mercar un e aprender a súa mecánica. 

Por outra parte, a súa irmá prestoulle a súa gaita e tamén conseguiu collerlle o tranquillo nun pis-pás. Confesa que, a maiores, tamén ten unha guitarra e un teclado na casa, mais non é tan virtuoso con eles. 

O máis importante na vida é desfrutar das paixóns e atender a quen o necesite, levándose ben e sabendo perdoar

De xeito impresionante, Víctor é capaz de adaptar os temas que toca a calquera destes instrumentos e asume que non hai un que lle guste máis que outro. "Todo depende do momento: do que me apeteza e da peza que vaia a tocar. Prefiro o instrumento co cal poida tocar mellor esa obra, aínda que recoñezo que teño máis maña co saxofón", comenta. 

Trala súa traxectoria, Víctor descubriu que a música "é boa para a vida" e quere desfrutar dela todo o que poida. Porén, alega que o máis importante é aproveitar o tempo compartindo paixóns sen descoidar as persoas que están ao carón. "Mentres haia vida, fagamos o que fagamos, cómpre atender a quen o necesite, levarse ben e saber perdoar", conclúe. E é que a vida non é nada sen música, mais tampouco se non hai con quen compartila. 

O oído prodixioso dun veterano friolés
Comentarios