López Ramos: "Non serve de nada investir en helicópteros sen investimento no sector primario"

Este enxeñeiro forestal dos Ancares, que tamén traballa en Granada como técnico de operacións antiincendios, propón un maior apoio administrativo e local ao sector primario
David López Ramos, enxeñeiro forestal. EP
photo_camera David López Ramos, enxeñeiro forestal. EP

NADO EN Cataluña, David López Ramos considérase un dos "novos emigrantes retornados" que voltou á terra da súa familia paterna, onde se adica á súa verdadeira paixón. "Sempre me tirou moito o monte", di orgulloso. David compaxina o seu traballo nos Ancares na cooperativa A Carqueixa e no Centro para o Desenvolvemento Rural Ancares, co seu papel como Tecnico de Operacions contra Incendios do Dispositivo INFOCA en Granada. Fiel defensor da comarca, David loita por unha zona e unha paisaxe vivas.

En que consiste o seu labor na cooperativa A Carqueixa?
Decidín formar parte do proxecto polo meu vínculo cos Ancares fai tres anos, pola necesidade de facer algo por estas terras e polo desenvolvemento profesional tamén. Recibín a oportunidade dun contrato a través do CDR e a partir de aí comezamos a ter un vínculo máis estreito cos veciños de Ancares. Desde a cooperativa lanzamos proxectos, creamos sinerxias cos centros de investigación e tramitamos axudas para a dinamización,entre outras cousas. Tamén é importante establecer alianzas cos centros de investigación que nos poidan beneficiar.

Que fai falla para erradicar a grande cantidade de incendios que teñen lugar cada ano?
É moi importante apoiar máis o sector primario e crear e manter unha paisaxe viva. Non serve de nada invertir en helicópteros e en dispositivos para os lumes se non se invirte no sector primario. Así non se pode aumentar a xestión forestal da zona, xa que está totalmente abandonada. Aquí é inabordable moitas veces apagar os lumes porque o monte se apodera do terreo se non hai axudas para os cultivos e o gando.

Por que se producen tantos incendios na comarca?
Polas altas cargas de combustible que hai nos montes e pola ausencia de usos primarios. O cambio climático tamén suspuxo un gran cambio. O caso é manter a zona viva, xunto coa conservación das súa paisaxe.

"É importante que a administración apoie aos sectores primarios de produción máis sostibles"

Que beneficios aporta o sector primario para manter os pastos naturais?
Estes prados son mantidos antropicamente e ademais teñen altos indicios de biodiversidade e un alto valor paisaxístico. O consumo de produtos locais é moi importante e tamén que a administración cree sistemas de apoio a estes modelos de produción máis sostibles, en vez de destinar tanto á produción intensiva. En lugar de gastar os cartos facendo cortalumes ou utilizando máquinas que xeran un grande impacto visual, é moito máis eficiente axudar ao labrego a manter os camiños de acceso a prados e soutos. Resulta moito máis económico e eficiente de cara á cultura preventiva.

Que valor arquitectónico e paisaxístico ten a comarca de Ancares?
O seu valor é altísimo. Actualmente, detrás da sega que se está degradando polo abandono de explotacións, os labregos moitas veces vense solos e desamparados. Tamén hai un problema grande e é que a adminitración está subvencionando coníferas e piñeiros, que son altamente inflamables. Moitas comunidades están totalmente desestruturadas, por iso hai que contar cos veciños. Ás veces fan plantacións que non se poden explotar e así créase un montón de combustible nos montes. No seu lugar, sería máis conveniente apoiar as plantacións de frondosas ou impulsar outros usos do terreo, como o pasto extensivo do gando. Está indo todo en contra para que haxa grandes lumes.

Comentarios