Miguelanxo Lar: "Se non fose pola influencia de Uxío Novoneyra non me daba por escribir"

Miguelanxo Lar publica ‘Mare Vostrum’, a segunda novela coa que dá continuidade á súa ópera prima. Inspirado polo poeta Uxío Novoneyra e polos problemas políticos e sociais, este courelao adica a súa vida ao cine e á literatura
Miguelanxo Lar. EP
photo_camera Miguelanxo Lar. EP
PAIXÓN é a palabra que mellor define a Miguelanxo Lar, o cineasta e escritor courelao de 38 anos que acaba de publicar ‘Mare Vostrum’, a súa segunda novela. Despois de abandonar a carreira de Dereito, o artista decidiu estudar cine en Barcelona para formarse na súa verdadeira vocación. "Encántame o cine porque é multisensorial. Eu quixen facer películas toda a vida", indica. Xa sexa escribindo ou filmando, o artista atopa inspiración "nas cousas cotiás e nas relacións humanas e sociais".

En que se baseou para escribir a súa segunda novela?
É un pouco unha continuación da primeira; é dicir, os personaxes son os mesmos noutros contextos. Fíxena porque a xente que lera a primeira obra dicíame que continuase co personaxe de Nico Barreiro, o protagonista, que é moi carismático. Daquela estaba escribindo outra cousa, pero cambiei todo e decanteime por esta novela. Tamén polos acontecementos que houbo no 2017, porque a primeira está narrada en Barcelona, e co tema do atentado das Ramblas e o procès quixen retomala. Apetecíame meterme un pouco nese contexto da crise política e do atentado xihadista na historia, aínda que non vaia diso concretamente, senón que é como un decorado latente.

Por que decidiu autoeditar ‘Latineuropa’, o seu primeiro libro?
Eu mandara o libro á editorial Galaxia, pero os procesos de corrección son bastante lentos. Ademais, a autoedición dáche certos beneficios que unha editorial non che pode aportar e así controlo eu mesmo todo o proceso. As portadas nunha editorial decídeas ela e eu teño a sorte de ter un amigo que é deseñador gráfico. Nesta novela atopamos un conflito xeracional que afectou á xente da miña idade, e algo máis nova ca min, nas circunstancias da crise económica do 2007. Problemas emocionais, amorosos e moitas viaxes.

Ten algún referente literario no Courel?
Se non fose pola influencia de Uxío Novoneyra non me daba por escribir nin de broma. Aínda que os meus escritos sexan quizais máis urbanos e estean algo afastados do arquetipo de literatura de Novoneyra, sen el sería imposible. O poeta abriunos o camiño a moitos escritores da comarca.

Cal é o seu labor na Fundación Uxío Novoneyra?
Teño unha relación un tanto estraña porque eu estiven traballando alí, pero agora non oficialmente, aínda que colaboro sempre que podo con proxectos puntuais cando me chama Uxío fillo. A fundación participa en varias iniciativas europeas relacionadas co mundo da cultura e do rural. É a fundación de Galicia que está involucrada en máis proxectos europeos, o que pasa e que agora está todo un pouco parado con tema do Covid- 19.

Por que decidiu facer un documental sobre a fala de Xálima de Extremadura?
Sempre me interesou moito a lingua galega en xeral e nunha viaxe, un 12 de outubro en Andalucía, desvieime e fun tomar algo por alí. Parei por esa zona e foi amor a primeira vista, quedei nun albergue nunha vila empedrada preciosa con bandeiras galegas penduradas nun estanco e dixen: necesito pasar unha tempada neste sitio. Botei un mes nun piso, púxenme a gravar e ao final fixen un documental.

Ten algún proxecto máis entre mans?
Si, estou a escribir outra novela que tamén pretendo autoeditar. O que pasa é que en agosto é complicado porque sempre hai algún compromiso, pero teño xa todo bastante avanzado. É unha distopía nun futuro próximo onde haberá unha trama urbanística cun conxunto criminal na que se plantexan problemas políticos e sociais como o medioambiente e a emigración.

Comentarios