O Camiño de Santiago, fonte de beneficio para os hostaleiros de Portomarín

Portomarín non só garda historia como vila, tamén como símbolo de etapa final do camiño, pois máis de 2.000 viaxeiros diarios enchen os 28 hostais da zona durante os meses de verán
Un grupo de peregrinos diante do hostal no que se hospedan en Portomarín. AIDA SOENGAS
photo_camera Un grupo de peregrinos diante do hostal no que se hospedan en Portomarín. AIDA SOENGAS

Tanto os veciños coma os traballadores explican que o de Portomarín é algo "doutro mundo". Milleiros de peregrinos achéganse a este municipio polo que pasa a última etapa do Camiño pola provincia. Especialmente, durante o estío, no que máis de 2.000 viaxeiros diarios lle aportan á vila toda a vida que lle falta o resto do ano, enchendo as rúas, os bares e, por suposto, os hostais.

Segundo o alcalde, Juan Serrano, Portomarín atópase cada vez máis enfocada nas necesidades dos camiñantes. "Contamos cun total de 27 centros de aloxamento: 17 albergues, 9 hostais e 2 hoteis, é dicir, máis de 2.000 camas que, dende os meses de maio a setembro, acostuman estar todas ocupadas. Polo tanto, aquí é un negocio do que vive moita xente", indica. Porén, destaca que a peregrinaxe aporta "novas formas de vida" para Portomarín e que o máis importante e buscar o benestar daqueles que sexan acollidos nestas estancias.

Os hosteleiros confesan que, durante os meses de verán, o cambio que dá o pobo é radical. "Pasamos de 200 habitantes en temporada baja a 2.000 en alta. Dentro la facturación anual, la subida que se crea en los meses de verano, comparándola con el resto del año, es del 200%", explica o encargado do albergue Casa Cruz, Javier Ojal, de 29 anos, e que fai cinco aproveitou a antiga casa dun familiar para unirse ao negocio xacobeo. Aínda así, son poucas as instalacións que pechan nos momentos de menor afluencia de visitantes, demostrando que Portomarín ábrelle os brazos á peregrinaxe durante todo o ano.

Outros veciños ven esta alternativa como unha oportunidade para complementar a vida laboral. Roberto Vega, de 27 anos, vén de abrir a Casa San Nicolás fai quince días. Á súa nai parécelle unha idea estupenda como "complemento salarial" para o seu fillo. Malia ser, probablemente, o hostal máis recente, non tardaron en colgar o cartel de "completo", igual ca o resto de aloxamentos na vila. Aínda que acaban de empezar, Roberto engadiu que se levou unha boa sorpresa cos peregrinos: "No estaba muy contento con mi trabajo anterior. Este es muy distinto, trato con los peregrinos todos los días. Practicas idiomas, conoces nuevas culturas...es muy satisfactorio comprobar lo agradecidos que son", comenta.

A pesar da morea de hostais que rodean o centro de Portomarín, a dona do hotel Pazo de Berbetoros, Carmen Díaz, destacou que "hai unha gran convivencia entre albergues" e que o seu trato é de veciños. "Cando non queda sitio nun, mándase a xente a aqueles que estean libres", indica. A súa filla, Iria López, que tamén axuda no pazo, destacou que a peregrinaxe é a mellor publicidade para Portomarín. "Os beneficios que se sacan veñen tamén do recordo ou impresión que a xente leva da vila e do lugar no que se hospeden. Todo vai boca a boca. É posible que calquera persoa do mundo saiba a historia de Portomarín ou da existencia do noso pazo, e iso é grazas a isto", explica.

MIMAR O CAMIÑO. Sen embargo, para Portomarín a peregrinaxe é algo máis que un motor económico. Como indicou Javier Ojal, é necesario "coidar unha das cousas máis valiosas que temos e mimar aos que chegan. Os albergues tamén son algo máis que facer unha caixa. Son un punto de axuda, de información, de apoio. Especialmente, de facer sentir cómodo e benvido a calquera".

Os peregrinos, pola súa parte, atópanse abraiados coa solidariedade dos veciños galegos. José Rius, un peregrino de 56 anos de Barcelona que comezou a ruta en Sarria, destacou a hospitalidade no Camiño. "A cada paso que damos aparece alguien ofreciéndonos agua, comida, cualquier cosa gratuitamente", destaca. Outros, como é o caso de James, de Manchester, afirma que es una de las mejores opciones para conocerse a uno mismo y apartarse de la ciudad. "Estoy cansado, pero ojalá no acabase nunca", confesó.

Comentarios