"É necesario vivir doutro xeito que se adecúe aos límites físicos e biolóxicos do planeta"

Miguel Anxo Abraira, presidente da rede para o decrecemento Eo- Navia/ Galiza/ O Bierzo propón dende a entidade reavaliar as conductas sociais e reconducilas cara a cooperación e a autoxestión 
Abraira
photo_camera Miguel Anxo Abraira. EP

Que é o decrecemento?

É un movemento filosófico, cultural, político e económico que defende que é necesario vivir doutro xeito, de modo que a actividade humana se adecúe aos límites físicos e biolóxicos do planeta. Habería que vivir de xeito distinto dependendo do lugar no que nos toque vivir. Aplicado a Galicia, sería ter unha actividade que sexa compatible con este territorio.

Cales son os obxectivos da rede?

Convencer ás persoas de que estes cambios son necesarios para a cultura, a administración, a saúde e a economía. O principal é reducir os consumos materiais e enerxéticos. Pero o decrecemento non ten que ser unha situación precaria e que se atopa por debaixo dos límites da vida digna, e por iso tamén debatemos cales son as condicións mínimas para a vida digna. 

Que alternativas hai?

Pois reducir e debater sobre que modelo social queremos. Defendemos un que garanta a xustiza, o reequilibrio da riqueza, propoñemos reorganizar e relocalizar as actividades. Pero principalmente reducir o consumo material e enerxético, vivir doutro xeito, como se viviu ata non hai moito.

É posible un cambio cultural tan grande como o que requiren as propostas do colectivo?

Nós entendemos que si, que é posible e que hai que facelo. Por outro lado está o ecofascismo, que vén sendo aproveitarse dos recursos enerxéticos e medioambientais como os eólicos ou os hidráulicos para o beneficio persoal duns, e que ao mesmo tempo existise unha inmensa maioría da poboación que vivise en situacións extremas. Xa sabemos que se están producindo levantamentos populares polo descontento con estas prácticas. Tamén son produto de xente que se dá de conta de que é imposible ir a máis. E hai que decrecer, pero sen deixar a ninguén atrás. Poñendo o caso dos eólicos, non se pode encher os montes galegos de muíños e que se aproveiten noutros sitios, ou que haxa familias na Coruña ou en Ferrol que non poidan pagar a electricidade nas súas casas.

Pode haber prácticas no rural galego que sexan decrecentistas sen que se recoñezan como tal?

Si, hai moitos movementos culturais e de defensa do territorio que son claramente decrecentistas. Despois está a vertente política, que somos aquelas persoas que esiximos que se leven a cabo prácticas políticas, que se tomen decisións e que se lexisle cunha visión decrecentista. No Eo-Navia, en Galicia e no Bierzo a situación non é das peores que podiamos atopar. A capacidade de produción eléctrica é relativamente alta e isto é porque temos un apego á vida rural importante xa que a estes territorios a modernidade chegou cunhas décadas de retraso, e é a vida urbana a que está provocando esta situación climática. Temos coñecemento á hora de producir os nosos propios alimentos, que é fundamental. A comunidade autónoma galega é capaz de producir a metade dos alimentos que consome. Pero o que pode suceder é que nos convertamos en produtores para que consuman outros, e ademais ter que apandar coas consecuencias medioambientais que acarrea. Polo de agora aínda estamos nunha boa situación pero vai depender de como nos articulemos para xestionala.

Que iniciativas levan a cabo?

Nós traballamos para divulgar todas estas cuestións. Presentamos fai pouco un libro editado en papel, que son textos do primeiro congreso que organizamos. Tamén elaboramos un programa ecosocial que lle entregamos aos partidos políticos co motivo das últimas eleccións municipais para que visen cales son as nosas prioridades e as nosas propostas.

Comentarios