Monterroso, Palas e Portomarín clausuran o seu obradoiro de emprego

Unha vintena de persoas en situación de desemprego participaron na iniciativa, á que a Xunta destinou 528.000 euros
Participantes no obradoiro de emprego, xunto a Arias e os alcaldes de Monterroso, Palas e Portomarín. EP
photo_camera Participantes no obradoiro de emprego, xunto a Arias e os alcaldes de Monterroso, Palas e Portomarín. EP

O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou este luns a terceira edición do obradorio de emprego Camiño de Santiago, impulsado por Monterroso, Palas de Rei e Portomarín e no que se formaron 20 traballadores desempregados.

Na entrega de diplomas, na que tamén estiveron presentes os alcaldes dos tres concellos involucrados —Eloy Pérez, Pablo Taboada e Pablo Rivas—, Arias destacou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 528.000 euros na iniciativa, incluíndo os incentivos para facilitar a contratación en empresas locais de 16 dos participantes.

Seis participantes formáronse en promoción turística e os outros 14, en labores de xardinaría e conservación de montes

Durante o último ano, seis alumnos formáronse en promoción turística local e información ao visitante, e traballaron dous en cada municipio, mentres que os outros 14 aprenderon a desempeñar actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría e en conservación e mellora de montes.

En Palas actuaron na área recreativa dos Chacotes, na contorna do mercado gandeiro, nos xardín do centro médico, da Praza de Galicia e o do consistorio, ademais de ampliar o axardinamento da Avenida de Compostela; en Monterroso acondicionaron o treito do Camiño entre Ligonde e Airexe e as áreas verdes dos cruceiros de Ligonde e Lameiros; e en Portomarín actuaron sobre os xardíns da igrexa de San Pedro, na Praza da Aviación Española e na contorna das pistas de pádel e da casa da cultura, entre outras.