Mocidade da Deputación aposta por un ocio integrador, apoiando as actividades de Camiña

A entidade desenvolve o programa lúdico ‘Medrar dende o lecer’ coa colaboración da área dirixida por Mónica Freire

Mónica Freire, nun dos postos. EP
photo_camera Mónica Freire, nun dos postos. EP

A área de Mocidade da Deputación de Lugo mantén un ano máis o apoio a Camiña, unha asociación dedicada á defensa dos dereitos das persoas con diversidade, fomentando a súa inclusión en todos os ámbitos da sociedade.

O apoio da área dirixida por Mónica Freire céntrase no financiamento das actividades que desenvolven no centro de ocio de Burela,  ao abeiro do programa ‘Medrar desde o lecer’, dirixido fundamentalmente a mozas e mozos entre os 17 e os 30 anos.  Un abano de propostas no que se inclúen desde xogos e tarefas de estimulación cognitiva ata obradoiros de cociña, de pintura creativa ou manualidades, pasando por viaxes culturais ou medioambientais, e que  proporciona un tempo de ocio e socialización, enfocado á mellora da súa calidade de vida.

A achega de Mocidade, de 5.000 euros, contribúe a cubrir os gastos relacionados co desenvolvemento do programa, coordinado pola educadora social de Camiña Nerea López, que explica que "as actividades se deseñan tendo en conta os intereses das persoas usuarias, para que sexa un tempo no que desfruten e o pasen ben". Ao tempo, apunta, ofrécese ás familias "un servizo de conciliación". Polas mañás, a maioría das rapazas e rapaces acuden a centros educativos ou ocupacionais, pero, ás tardes, ás opcións redúcense . O centro de ocio de Camiña é único na contorna polo seu carácter lúdico.

A deputada de Mocidade Mónica Freire destaca que "o tempo de lecer é un factor fundamental para a calidade de vida polo que desde as administracións debemos involucrarnos en proporcionar alternativas para que todas as persoas dispoñan de actividades e recursos adaptados ás súas preferencias e necesidades neste ámbito" e, nese sentido, valora especialmente "o traballo que ven desenvolvendo Camiña, non só en Burela, senón tamén noutros concellos da comarca da Mariña, xa que ao centro acoden persoas doutros municipios".

Xogos ao aire libre. EP
Xogos ao aire libre. EP

O centro de ocio de Camiña é un lugar de encontro para as persoas con diversidade funcional e as súas familias, que atopan no un espazo de lecer e tempo libre enfocado á diversión e á aprendizaxe no que se teñen en conta as súas necesidades específicas. Os obradoiros do programa ‘Medrar desde o lecer’ incorporan esas dúas perspectivas. Nos de estimulación cognitiva, propóñense xogos e tarefas relacionados coa orientación espacial, a linguaxe, a memoria, a atención ou o cálculo. Da mesma maneira, realizanse actividades para reforzar a autonomía das usuarias e usuarios á hora de realizar tarefas cotiás. A aprendizaxe e as rutinas abordanse desde un enfoque lúdico. 

Entre as actividades favoritas para todas e todos está o taller de cociña, no que falan das cualidades nutricionais dos alimentos para logo cociñalos, optando por receitas saudables. Entran tamén no ámbito creativo, a través dun taller de pintura, no que poñen en práctica diferentes técnicas: pintura de mans, o soplo, , o debuxo cego, o estampado, pintura con pincel, ceras ou xices. A experimentación con diversos materiais e texturas amplíase nos talleres de manualidades, no que elaboran elementos decorativos para ambientar o propio centro acorde coas estacións e as celebracións máis destacadas do ano e para visibilizar a labor da asociación en distintos espazos. 

O programa complétase con visitas a espazos naturais e culturais do concello e da comarca. Destino habitual é o Museo do Mar de San Cibrao, onde participan nas  actividades programadas polo centro museístico provincial.