Misas no adro para romeiros con máscara

As Festas do Oito mudaron a estampa multitudinaria doutros anos por unha de oficios celebrados no exterior das igrexas, con aforos limitados e marcados polas distancias de seguridade. A devoción pola Virxe, iso si, non minguou
Celebración no Cebreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Celebración no Cebreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ

Por primeira vez desde que os veciños teñen memoria, a Virxe do día 8, aquela que ten un nome nun sitio e outro distinto en outro, pero que en calquera caso conta con milleiros de devotos que piden ou agradecen os seus favores, non poido recibir os agasallos dos seus fregueses. A pandemia foi a culpable.

A Virxe do Cebreiro ficou dentro do santuario. Nin sequera a gripe do 1918 suspendeu a procesión da imaxe pola aldea. Tamén é certo que naquela altura a romaría non era tan multitudinaria como viña sendo nos últimos tempos, nos que milleiros de persoas lle deron a meirande fama das montañas orientais da provincia.

Os romeiros que este martes acudiron ás misas para festexar a Natividade da Virxe quedaron fóra do templo para recibir a misa. Cen cadeiras separadas unhas das outras no adro puxeron couto á devoción por vez primeira na memoria, que non na historia, pois unha festa que suma mil anos de seguro tivo os seus puntos baixos. A pesar de suspender a romaría que enchía de postos de comida e polbo as rúas da aldea, as misas continuarán mañá para conmemorar o Santo Milagre do Cebreiro, ás 13.00 e ás 19.00 horas, tamén no exterior da igrexa.

O Alto de Cesar, en Sarria, tamén viviu este martes unha festa de Os Remedios inédita na súa longa historia. A pandemia sanitaria obrigou a suspender a romaría, tanto na súa faceta lúdica como nos actos relixiosos.

Os frades mercedarios decidiron non oficiar misas como medida de prevención para evitar as aglomeracións doutros anos e optaron por abrir durante unhas horas a capela para que os fieis puidesen entrar a orar de forma graduada e con medidas hixiénicas. Aqueles que acudiron, nun número simbólico comparado con edicións precedentes, cumpriron coa tradición de poñer candeas á Virxe no exterior do templo e, na súa maioría, decantáronse por subir andando ata Os Remedios.

A imaxe dos prados cheos de merendas deixou paso a outra ben diferente, sen polbeiras, nin outros postos (só un de venda de velas) nin grupos de amigos e familiares gozando da comida. A Policía Local e a Garda Civil reforzaron a vixilancia para evitar concentracións e non tiveron que intervir dado que a cidadanía acatou a suspensión da festa, á espera de anos mellores.

A capela de Os Remedios abriu este mércores de novo, só para oración, de 9.30 a 13.00, con grupos máximos de 25 persoas e con máscara.

Na Ribeira Sacra destacou a romaría do Faro, onde todo foi preparado para evitar contaxios. Colocáronse cadeiras separadas por máis de metro e medio nas que se sentaron os fregueses para escoitar a misa de campaña. Este ano foron moi poucos os que subiron de xeonllos pola costa que chega ata o santuario.

A anormalidade deste día 8 de setembro chegou a outras partes do sur de Lugo, como no caso da parroquia de A Ermida, en Quiroga, onde non saíron pola aldea nin as Pampórnigas nin O Meco, personaxes típicos da celebración. Os veciños conformáronse con oficios relixiosos e unha procesión.

Foi o mesmo que sucedeu en Sober, no lugar de Cadeiras, onde sempre se reúnen centos de veciños para gozar dunha comida campestre. Só houbo misas.

Comentarios