viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Milucho, un nome que soa a loita

Milucho López, na súa casa. SEBAS SENANDE
Milucho López, na súa casa. SEBAS SENANDE
O seu papel de líder nas mobilizacións contra a cota empresarial da Seguridade Social Agraria ou contra a taxa e supertaxa lácteas converteron a Emilio López Pérez, 'Milucho', nun símbolo do sindicalismo labrego que perdura no tempo

A imaxe de Emilio López Pérez Milucho (Monforte, 1952) dirixíndose a milleiros de labregos que ateigaban o pavillón de deportes de Lugo, no mes de novembro de 1979, segue viva entre a xente de certa idade. Esta asemblea agraria marcou o momento clave da protesta contra a cota empresarial, un fito histórico no sindicalismo agrario. Eran tempos nos que se un labrego tiña gripe, Galicia tusía. Milucho, co seu verbo intenso cun toque socarrón, atraía os paisanos. Era un referente. Por iso o seu nome soa a loita, do mesmo xeito que el entende que A terra sabe a loita, título do seu libro de memorias.

Xa xubilado do bulicio político, Milucho mantén a súa retranca cando repasa tempos pasados desde a perspectiva dun espírito que se mantén coherente co ideario nacionalista e coa pelexa contra un naufraxio rural que se acelera. Pasaron os anos, pero o seu espírito vivaz semella o de aquel mozo que estudou Socioloxía en Madrid, nunha facultade convertida nun epicentro revolucionario no tardofranquismo, xunto coas de Ciencias Políticas e Xornalismo. Entón impulsou, con outros estudantes galegos, a asociación cultural Lóstregos, na que se foi empapando de nacionalismo e a través da que iniciou a súa militancia na clandestinidade antes de que fenecera "Franco, o perenne, como lle chamaba Manuel María", lembra.

Ao rematar a carreira regresou a Galicia para alborotar o galiñeiro. Arrincou coa súa actividade política e sindical na zona de Monforte, mentres coidaba da granxa dos seus pais no seu Sindrán natal. De paso, participaba en constantes reunións baixo o paraugas de Comisións Labregas, o Sindicato Labrego Galego, algunha delas clandestina baixo a fórmula de exercicios espirituais no mosteiro de Samos.

Xestouse así un proceso de resistencia civil sen precedentes

Era unha época de mobilización continua, xa fora nas Encrobas, na marcha contra a nuclear de Xove ou contra a implantación de celulosas. Pero quen ía imaxinar que ese sindicato con poucos anos de vida levantase os gandeiros de toda Galicia en pé de guerra contra o inxusto imposto gubernamental que encarecía nun 25% a súa cotización ao seguro. "Era unha norma que prexudicaba por igual labregos ricos e pobres", conta Milucho. Á concentración de Lugo deu paso á primeira tractorada de Galicia, a comezos de decembro.

Así se xestou un proceso de resistencia civil sen precedentes. Primeiro foi Triacastela, onde a totalidade dos labregos se negaron ao pago. Despois Cervantes, Guitiriz... A porcentaxe de impagos alcanzou un 90% na provincia de Lugo e un 70% na da Coruña.

Houbo ameazas de embargo, de supresión do dereito ás pensións, recursos, protestas. Unha tentativa de poxa dunhas fincas en Trasliste, Láncara, marcou o momento de máxima tensión. Alí se concentraron 600 paisanos para impedila, rodeados de forzas de seguridade. O recadador fixo as tres ofertas de licitación á baixa, pero ninguén abriu a boca. Houbo peches na sede da Xunta e na Deputación de Lugo, encargada de recadar a cota, que ao final quedou en vía morta ata a súa supresión oficial en decembro de 1993.

TAXA E SUPERTAXA. Emilio López Pérez volveu ser protagonista, a lomos dun John Deere, nun proceso de reivindicacións que comezou en 1985 e non rematou ata 2015. A reclamación dunha maior taxa láctea para España, tras a súa entrada na Unión Europea, xuntouse coa espada de Damocles da supertaxa, unha multa de 2.000 millóns das antigas pesetas a pagar entre todos os gandeiros por exceso de produción. O risco de sanción non desapareceu ata 1997, ao tempo que se acadou un aumento da cota en 700.000 kilos. "Moitas vacas de leite débenlle a vida ao sindicalismo agrario", afirma Milucho.

"Houbo xente que me dicía que cando era sindicalista facía política e cando exercía de político facía sindicalismo", sinala

Este axitador pasou dos camiños de lama á moqueta institucional, primeiro como parlamentario do BNG no Pazo do Hórreo e, tempo despois, como delegado da Consellería de Medio Rural en Lugo co bipartito. O coche traía un defecto de fábrica. "Houbo xente que me dicía que cando era sindicalista facía política e cando exercía de político facía sindicalismo", ironiza. Antano viaxaba a Navia a reclamar luz eléctrica. Trinta anos despois, acudía como cargo público para animar a xente para coidar os pastizais, os castiñeiros ou facer concentracións parcelarias, as nenas dos seus ollos. "Nos catro anos de bipartito concentramos máis hectáreas en Lugo que en 16 anos con Fraga", di.

Para este obxectivo botou man do seu fino ollo de sociólogo rural. Tiña por costume preguntarlle aos veciños se tiñan festa na parroquia. "De non habela, era sinal de que non se levaban ben, e mal podía saír adiante a concentración", razona. Así é Milucho, coas súas sentenzas e as súas historias con chispa, que dotaban dun aire popular ao seu encendido discurso. Así é este home falador que agocha tras de si un voraz lector.

1972 Marcha para Madrid. Lóstregos incluía entre os seus conferenciantes nacionalistas como Paco Rodríguez, Méndez Ferrín ou Camilo Nogueira. "Viñan cargados de propaganda clandestina", comenta Milucho.

1976-83 O xuízo pola ocupación da sede da Xunta rematou cunha multa "para pagarlle a guerreira a un policía, xa que lla romperon nun forcexeo". A Cordeiro, que presidía a Deputación, púxolle as cadeas usadas no peche enriba da mesa, "pero iamos de viños xuntos".

1994-2005 Foi parlamentario autonómico do BNG. Como sindicalista apoiu as demandas dos agricultores da Limia. "Tiramos patacas arredor do Parlamento. Os chourizos xa estaban dentro".

2005-2009 Exerceu de delegado de Medio Rural en Lugo.

2020 Fruga réndelle homenaxe o sábado cunha comida no Pazo de Feiras de Lugo.

Milucho, un nome que soa a loita
Comentarios