Un microscopio para o xeodestino Ancares-Terras de Burón

Os 13 concellos que conforman este territorio propoñen un percorrido a través de 150 micropaisaxes, lugares que non están nas guías pero que contan moito destas montañas
castillo de Tores en As Nogais. Las Nogales
photo_camera Torre de Torés, nas Nogais. EP

As lentes coas que miramos determinan o que vemos. Por iso, dende o xeodestino Ancares-Terras de Burón elaboraron unha guía para mudar o xeito máis convencional de visitar un lugar, de coñecer un territorio, o que conforman os 13 concellos enleados polas serras luguesas: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Láncara, Meira, Navia de Suarna, As Nogais, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Pol e Ribeira de Piquín.

Dende cada un destes concellos traballaron para xuntar un ramo de micropaisaxes. Isto é, se a paisaxe ás veces semella calada, a micropaisaxe sempre ten un nome: as corrizas da Cortevella, en Baleira; a igrexa de Berselos, en Baralla; Pontes de Gatín, en Becerreá; a ponte romana de Carracedo, en Láncara; a alzada de Pandozarco, en Navia de Suarna; a capela de Bustarvelle, en Negueira de Muñiz, ou as arandeiras do piñeiral da Trapa, nas Nogais.

O termo 'paisaxe' mudou de significación dende que apareceu en Europa no Renacemento —moito máis tarde en Galicia, no século XIX— pero aínda hoxe basta con asomar á Real Academia Galega para detectar a predominancia concedida á vista na experiencia da paisaxe. Porén, a micropaisaxe deixa lugar a outros sentidos: o ouvido, co son do Miño no Pedregal de Irimia, en Meira, ou coas fervenzas de Sampaio, en Baleira, e de Parada, na Fonsagrada; ou o tacto, o das mans que se achegan aos teixos milenarios de Carballido, na Fonsagrada. ou o do corpo enteiro que se baña no Navia na área recreativa Río de Pé, en Navia de Suarna

150 puntos de interese

Cada un dos concellos que forma parte do xeodestino elixiu entre dez e 15 lugares para conformar este mapa. En total, a constelación toda ten 150 puntos, estreliñas de arquitectura popular, civil e relixiosa, ou lugares de interese natural como bosques, ríos, lagoas ou fervenzas. Entre elas, tamén están marcados algúns equipamentos, zonas recreativas ou espazos onde poder gozar dunha merenda.

"Cada municipio podería ter moitos máis, dende logo. Mesmo en cada aldea poderiamos destacar doadamente esas 15 micropaisaxes. Porén, foi necesario facer unha selección", destaca Fe Álvarez, xerente do xeodestino e do GDR Montes e Vales Orientais.

Unha vez elaborado ese ramo de lugares, dende o xeodestino fixeron unha guía. Ademais, os concellos foron instalando paneis informativos da mesma, coas distintas micropaisaxes. Algúns, como o de Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Cervantes, incrementaron a sinalización. A idea é que, a través dun código QR, os visitantes poidan acceder a eses recunchos que non figuran nas guías máis estandarizadas, e saber algo da súa historia.

O perfil do visitante

Conta Fe Álvarez que, sobre todo, son persoas galegas as que están visitando estes lugares, como parte dun turismo rural de fin de semana. Ás veces os mesmos veciños do concello do lado descobren ese lugar ao que nunca foran. Noutros casos, tamén veñen persoas doutros lugares do Estado. Fundamentalmente é un recurso que está sendo usado pola mesma comunidade, e que se compaxina con outras propostas para gozar da gastronomía da zona.

Se chega a hora de poñer algún exemplo de micropaisaxe, a Fe Álvarez non lle queda outra que varrer para casa. Así, destaca a Torre de Torés, no val do mesmo nome, e propiedade actual da Casa Ducal de Medinaceli, que tivo baixo a súa xurisdición freguesías das Nogais, Pedrafita, Triacastela e Becerreá, segundo nos conta a información á que podemos acceder a través do QR. Ese mesmo enlace tamén dirixe a atención á igrexa parroquial de San Xoan de Torés, un interesante templo de estilo renancentista que conserva entre outros vestixios do seu esplendoroso pasado dous panteóns da familia Ribadeneira a ambos os dous lados da capela.

Un exemplo, só, dos 150 lugares que son coma unha lupa, un microscopio, para verlle ao xeodestino o pulso por dentro.

Ruta de mosteiros

Un paso máis, dentro deste proxecto de divulgación do xeodestino, e relacionado coa rede de micropaisaxes, é a elaboración de rutas temáticas específicas. 

Unha desas rutas, que xa está artellada, é a ruta dos mosteiros, que unirá os mosteiros do Cebreiro, Penamaior e Meira.  "A idea é conectar eses tres mosteiros, e tamén as micropaisaxes que están relacionadas", comenta Fe Álvarez.

Tan importante como os puntos en concreto, neste caso, é o camiño. "O que fixemos foi elaborar un itinerario por estradas que teñen un importante valor paisaxístico", destaca Álvarez. Estradas secundarias que, como adoita acontecer, teñen máis interese ca as principais.

Do mosteiro do Cebreiro, o do "graal verdadeiro", hai referencias do século IX. De Penamaior, en Becerreá, xa dun século máis tarde, os dous relacionados coas rutas xacobeas. Do século XII é o de Meira, fundado pola mesma orde do Císter que tanta presenza tivo na Galicia medieval.