De Portomarín a Xapón: Michi atopa casa polo Nadal

Dúas peregrinas niponas rescatárono no mes de maio, despois de que as acompañase de Portomarín a Palas de Rei. O luns volveron dende Xapón para levalo consigo a Osaka
As peregrinas xaponesas, no reencontro con Michi. APACA
photo_camera As peregrinas xaponesas, no reencontro con Michi. APACA

Michi volve a casa por Nadal, aínda que nunca antes estivera no fogar que lle espera, unha casa na prefectura de Osaka, no país do sol nacente. As peregrinas niponas que namoraron del en maio chegaron o luns a Compostela, acompañadas doutra amiga, para levalo canda si o vindeiro 29 de decembro, cumprindo unha promesa de 10.000 quilómetros de distancia e moito amor.

Dende maio até agora, Michi estivo na Asociación Protectora dos Animais do Camiño (Apaca). Kimiko Uchii e Tamano Hayashi recorreron a ela tras a súa experiencia con ese can que seguiu as súas pisadas de Portomarín a Palas de Rei no pasado mes de maio. O cartel desta entidade que pendura das rúas de Arzúa, traducido a un inglés que puideron entender, situounas ante unha historia que se repite: "A dos cans abandonados que buscan auxilio, e o atopan nalgúns peregrinos -saben moi ben a quen seguir-, porque lles dan cariño e porque é doado seguilos, polo feito de iren a pé", indica Raquel Freiría, portavoz dunha asociación que está saturada ante estes casos.

Kimiko Uchii e Tamano Hayashi tiveron un emotivo reencontro co seu can, co que percorreron as rúas de Compostela

Sen embargo, non todas as historias son iguais. "A de Kimiko e Tamano é excepcional, e conéctanos con eses valores que nos gustaría ver no Camiño de Santiago. "Elas responsabilizáronse de que o can estivese ben. Protección Civil recolleuno en Palas de Rei, pero elas viron aos poucos días unha foto do mesmo polas redes sociais, atado a un camión, que non lles gustou nada, porque tiña excrementos á volta de varios días. Así que nos chamaron para recollelo, comprometéndose a coidar del", indica Freiría.

A intención é moi boa, pero Freiría tamén conta que ás veces esa emoción se enfría cando os peregrinos volven ás súas casas. Kimiko e Tamano non só cubriron a súa manutención en todo este tempo e os gastos do veterinario, senón que "dixeron que ían volver, e volveron", comenta.

Así que Michi seguirá o seu camiño ata Xapón. O seu nome podería ser un alcume galego, pero na lingua nipona significa precisamente iso, camiño. "Gústanos que os nomes dos cans que levan os peregrinos fagan referencia á ruta xacobea nas súas linguas", explica Freiría.

Semella que estas peregrinas están á altura dun can "incrible, dos máis leais que coñecemos neste tempo", afirma a portavoz de Agaca. Á fin de contas, "non foi un capricho, salváronlle a vida", recoñece, e aproveita o caso para alertar da obrigatoriedade dos concellos de dar atención aos cans abandonados.

Quen lle ía dicir a Michi que o seu camiño, iniciado en Portomarín, remataría en Osaka. Ou que o luns, se puidese firmar, serían varios os autógrafos que tería que asinar no seu primeiro paseo por Compostela coas súas amigas xaponesas.

Comentarios