Mentres os demais dormen

Hai un batallón de elfos que traballan cada noite para que todo estea en orde cando soa o despertador. Con esforzo, conseguen que o mundo non pare
Carlos Arias Varela CAMIÓN WEB
photo_camera Carlos Arias Varela CAMIÓN WEB

Hai un dito que afirma que quen perde a noite perde o día, pero tamén hai quen xa ten o día gañado cando sae o sol.

Mentres a maioría desfrutamos dun sono reparador, moita xente desenvolve tarefas fundamentais para que o mundo non pare e todo estea en orde cando o resto da xente esperte. Un condutor do camión que recolle o lixo, un patrón dun barco pesqueiro, unha camareira e uns panadeiros contan como se apañan para facilitarnos a vida.

Carlos Arias Varela CAMIÓN WEB

CARLOS ARIAS VARELA. É un dos responsables de que a cidade de Lugo estea limpa cada mañá. Mentres a maioría dos lucenses dorme, Carlos Arias e os seus compañeiros percorren cada recuncho para retirar o lixo. El conduce un camión de recollida de Urbaser. No verán, fai o seu traballo entre as 23.00 horas e as 5.30 da madrugada. O domingo pasado comezou o horario de inverno e traballará de 22.00 a 4.30 horas. "Deitámonos cando está amencendo", apunta.

Cando sae o sol xa ten o xornal gañado, pero iso obrígao a estar no mundo nun turno distinto ao da maioría da xente. Ao volver de traballar, Carlos necesita durmir entre sete e nove horas, así que cando esperta xa é pola tarde.

Di que ten a sorte de vivir na zona rural de Lugo, "iso facilita conciliar o sono porque na cidade hai máis ruído e seríame complicado durmir de día". As súas fillas aprenderon de nenas a respectar as súas horas de descanso. "Están acostumadas a non facer moito barullo, pero iso é bo en calquera casa", afirma.

Carlos Arias recolle o lixo e cre que sen apoio da nai non podería ter criado as súas fillas

Carlos Arias agradece o apoio que tivo da súa muller para a crianza das nenas. "Tiven a sorte, se se pode chamar así, de que ela non traballa e puido ocuparse de todo. Non é que me axudara, é que se ocupou de todo. De levantalas para ir ao colexio, de levalas, de estar pendente das reunións cos profesores, da comida, de todo o que lles fixo falta". 

Considera que manter este ritmo de vida cos dous membros da parella traballando é moi complicado. "Teño compañeiros e compañeiras que se teñen que levantar para levar os fillos á escola e non poden durmir suficiente. Outros non ven a parella. Por exemplo, se traballa nun supermercado e sae ás nove e media ou dez da noite, cando chega á casa o outro xa marchou".

É complicado manter o ritmo contrario ao do resto da sociedade, pero Carlos sabe que o seu traballo é fundamental e faino con gusto cada noite. "Aproveito os días libres para manter a vida social. Se quero quedar cos amigos hai que programar as reunións para eses días", explica. Di que tamén lle gusta a caza e que ten sorte de poder practicala na fin de semana, cando non traballa.

Pero mesmo nos días libres está limitado porque o ritmo do sono non é fácil de cambiar. "Levo neste traballo desde os 32 anos. Hoxe consigo durmir a calquera hora, pero hai anos non podía. Cando teño que cambiar de horario e durmir pola noite procuro non descansar durante o día para ter moito sono".

Alfonso González Piñón WEB

ALFONSO GONZÁLEZ PIÑÓN. E Cando Carlos se deita en Lugo, xa queda levantado en Viveiro Alfonso González Piñón. É patrón do pesqueiro Siempre Primera e érguese cada día ás catro ou catro e media da mañá para saír ao mar con outros tres homes.

Estes días están coa campaña do polbo, así que regresan a terra sobre as dúas da tarde. Cando toca pesca de enmalle, non arriban antes das tres e "case sempre ás catro ou as cinco", explica.

Alfonso González é patrón e ten que espabilar axiña porque leva catro vidas a bordo

Cando chegan a porto, descargan o peixe para vender na lonxa, en Celeiro ou en Burela. O traballo dos mariñeiros remata aí ata o día seguinte, pero o de Alfonso non. "Eu son patrón armador e aínda volvo pola tarde, co meu irmán, para facer reparacións e preparar o que faga falta para os próximos días", explica.

Pero antes do traballo da tarde, o patrón do Siempre Primera non perdoa unha sesta. "Despois de comer durmo unha hora", un sono reparador que asegura que agradece na sobremesa.

Aínda así, di que non é home de moito durmir. "É raro que me deite antes das once da noite, nunca durmo máis de seis horas. Na fin de semana durmo como máximo oito". E iso que é consciente de que o seu traballo require concentración. "Hai que ir espabilado", non é seguro manexar un barco con sono. Alfonso leva 24 anos de patrón e antes xa foi mariñeiro. Coñece cada onda do mar, pero aínda así non lle perde o respecto.

Tras as tarefas de mantemento da tarde aínda saca tempo para atender as súas obrigas como pai. "Os meus fillos xa son maiores, teñen 27 e 18 anos, pero á pequena aínda a levo a algunha clase pola tarde", comenta.

Hai que aproveitar ata o último minuto para seguir o ritmo do mundo e poder desfrutar da familia e de cada instante do día.

JUDITH DEVESA. Pouco despois de Alfonso xa se levanta Judith Devesa. Ten que estar lista antes das sete da mañá para abrir a cafetería Montirón e servir os almorzos para un feixe de traballadores do polígono do Ceao e para moita outra xente que entra e sae da autovía A-6. Sabe que deses cafés vai depender que os seus clientes teñan un humor aceptable, así que se esmera cada mañá por darlles os bos días máis animosos.

Judith Devesa prepara centos de cafés para que os seus clientes empecen ben o día

Di que madrugar compensa cando ves que "los clientes vuelven cada día, por costumbre", o que indica que quedaron satisfeitos co seu servizo. E non é doado, porque Judit explica que a primeira hora o traballo é frenético. "Vienen todos juntos. Después a media mañana el ritmo baja, pero a primera hora no paramos", afirma.

Judith comparte o estrés da apertura da cafetería cun compañeiro que marcha a media mañá, cando a carga de traballo se suaviza. Ela continúa ata as tres da tarde. "En vez de comer, meriendo", bromea. Para ter a comida feita cando chega á casa necesita aplicarse pola tarde. "Hay que planificar todo el día anterior porque cuando me levanto por la mañana no me da tiempo a nada".

Tamén tivo que adaptar os seus hábitos sociais. "Cuando trabajo me tengo que acostar temprano, tengo que hacerlo todo por la tarde". Coa sorte de que a súa parella tamén traballa en turno de mañá, polo que comparten horario madrugador.

Martín Spagnuolo Yáñez PARA WEB

MARTÍN E CRISTINA. Os que tamén comparten gran parte do día son Martín Spagnuolo, propietario da panadería Montirón, e a súa muller, Cristina Rodríguez. No seu negocio trabállase noite e día, a porta non pecha nunca.

Ás oito da tarde empezan a facer o pan, ata as tres da mañá. A esa hora entran os encargados de envasalo e repartilo. Ás oito e media incorpóranse os pasteleiros, con horario partido que continúa pola tarde e enlaza coa volta dos panadeiros.

Neste forno non hai un minuto de tregua. Martín Spagnuolo, como responsable do negocio, estira as súas xornadas ata o límite. A súa muller, Cristina Rodríguez, dá conta do difícil que é compaxinar vida familiar e laboral. "Pola noite só traballan solteiros ou divorciados, non é fácil", comenta medio en broma medio en serio.

Martín Spagnuolo pasa a noite en vela para que nos almorzos do Hula haxa pan fresco

As xornadas na panadería son longas. Explica que "ás veces comemos e ata durmimos aquí". E cando hai que atender obrigas alleas ao traballo "hai que facer un croquis" para sacar tempo de onde nunca sobra.

Do forno desta panadería sae o pan que se consume no hospital Lucus Augusti e no de Calde, en moitas cafeterías e restaurantes, suministran ata 30 supermercados de Lugo e A Coruña, por citar algúns exemplos que dan idea do volume de traballo que afrontan en cada xornada.

Martín e Cristina teñen un fillo de oito anos e outro de 18, "que agora nos está botando unha man, mentres pensa o que quere facer no futuro coa súa vida". Traballo non lle vai faltar, pero sacrificio tampouco. A satisfacción, servida cada día nas mesas de miles de lucenses.

Comentarios