Matemáticas con acento lucense

Son mulleres de ciencia e con moita conciencia. A sociedade non lles facilita o camiño, pero superan os atrancos con talento, traballo e intelixencia.
O 12 de maio celébrase o Día da Muller Matemática.
photo_camera O 12 de maio celébrase o Día das Mulleres Matemáticas.

O Día das Mulleres Matemáticas celébrase o xoves. Só hai catro anos que alguén decidiu que a súa achega á ciencia e á sociedade merecía ser recoñecida. A data quere chamar a atención sobre o importante traballo que fan e concienciar sobre a necesidade de erradicar as diferenzas de xénero nunha profesión na que as mentes femininas brillan con intensidade.

O día elixido, 12 de maio, coincide co nacemento da iraní Maryam Mirzakhani, a única muller recoñecida coa Medalla Fields, considerada o Nobel das Matemáticas. Logrou a distinción no 2014 e morreu no 2017, aos 40 anos. Deixou en herdanza novidosas investigacións sobre xeometría e sistemas dinámicos.

Custa crer que non haxa máis mulleres que merezan ese premio, pero as evidencias constatan que os homes fan moita sombra no mundo matemático. Aínda así, elas conseguen brillar e non hai que ir moi lonxe para divisalas.

En Lugo, habelas hainas. Triunfan sen facer ruído e case sempre sen o recoñecemento que merecen. Contribúen ao desenvolvemento da sociedade, ao avance da medicina, das ciencias, ao progreso empresarial. ‘En todo estás e ti es todo’, dicía Rosalía de Castro. Nada se escapa á súa influencia.

Victoria Otero foi a primeira muller decana da facultade de Matemáticas da USC. AEP
Victoria Otero foi a primeira muller decana da facultade de Matemáticas da USC. AEP

VICTORIA OTERO. Naceu en Lugo, criouse en Monterroso nunha familia de seis irmáns e foi a primeira muller decana da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). 

Victoria Otero é matemática por vocación, investigadora, docente e unha mente brillante que dá no cravo en cada frase. Sintetiza os conceptos con tal claridade que parece ter resposta para todo. E tal vez a teña. Ela di que só hai que "acertar nos datos que se utilizan e atopar o algoritmo adecuado". Visto así, ata parece simple.

Estudou Matemáticas cando "aínda se consideraba unha perda de talento que podería terse dedicado, por exemplo, á Medicina". A súa intención era ser profesora de secundaria, pero a investigación tentouna axiña e levou a súa mente por camiños incribles para calquera profano na materia.

Victoria Otero foi a primeira muller decana da facultade de Matemáticas de Compostela

Fixo a súa tese entre Francia, Estados Unidos e Santiago de Compostela. Estudou "sistemas dinámicos discretos". Cando xa parece que o resto da conversa vai ser incomprensible, Victoria Otero prende a luz: "Son modelos que estudan procesos que evolucionan co tempo. Por exemplo, está de moda o modelo do covid. É unha enfermidade que se rixe por determinadas leis. Modelizamos o proceso e estudámolo no tempo. Así podemos anticiparnos e dar pistas para que non evolucione cara onde non queremos". A fin de contas, a medicina tamén vai aproveitar o talento desta matemática.

A esa investigación seguíronlle outras moitas. Agora está inmersa nun estudo sobre "dinámica de poboacións, para ver como se comportan varios elementos que coexisten nun mesmo ámbito". Victoria Otero traduce e deixa coa boca aberta: "A investigación nace do que chamamos raposos e coellos, é dicir, a relación entre predador e presa, e lévase a outros ámbitos. Por exemplo, células malignas e benignas, como as do cancro, competencia entre linguas nun mesmo territorio... É un modelo teórico aplicable a distintos ámbitos onde se dea unha competencia".

Con dous exemplos dos múltiples traballos que acumula no seu currículum, esta investigadora lucense deixa claro que "a matemática impregna toda a sociedade, por iso é tan importante que na investigación haxa presenza feminina". E aquí introduce un tema fundamental. "A visión da muller é necesaria para que a investigación en matemáticas contribúa a conseguir unha sociedade sen sesgos de xénero. Que enfermidades se investigan? As que afectan aos homes. Reciben a mesma atención as que son exclusivas de mulleres, como a endometriose? Non. Por iso as mulleres temos que estar presentes".

O seu traballo ten múltiples aplicacións en medicina, economía ou ciencias sociais

Victoria Otero explica que cando ela era decana, entre 2009 e 2017, había máis mulleres ca homes na facultade de Matemáticas da USC. Agora non. "Antes os estudantes viñan atraídos polo futuro laboral como docente ou investigador, pero agora os matemáticos son moi demandados polas empresas, un ámbito máis competitivo que non chama a atención das rapazas, aínda que a mente matemática non entende de xénero e a taxa de éxito das mulleres no mercado empresarial é mellor ca dos homes".

Esta profesora apunta que no ámbito das matemáticas "case non hai paro, creo que está no 3%. As empresas manexan cada vez máis ferramentas de cálculo e estatísticas para tomar decisións e automatizar procesos. Poñer un matemático na súa vida vailles dar facilidades para acertar no camiño, para saber cara onde teñen que ir en procesos de produción, publicidade..."

Victoria Otero é vicepresidenta da Real Sociedad Matemática Española. A presidenta é outra muller e están preocupadas polo descenso da presenza feminina na profesión. "Hai que estudar ben os motivos para poder paliar esta situación porque estamos perdendo talento feminino", indica.

Aventura unha posible razón. "Non se pode xeralizar, pero a muller soe ser menos competitiva ca o home e foxe dos enfrontamentos na carreira laboral. Somos moi autocríticas e por iso ás veces pensamos que valemos menos. Queremos estar seguras de todo e iso réstanos decisión. Hai que arriscar. Temos dereito a escoller e tamén a equivocarmos. Non debemos quedar paradas", afirma.

A determinación coa que fala débella ao seu pai. "Sempre me dixo que non era menos ca ninguén e que debía buscar a miña independencia, coma os meus irmáns, pero máis por ser muller. Insistía en que non debía estar condicionada por ninguén".

Conseguiuno, pero a forza de traballo e de "demostrar moitas cousas que aos homes se lles supoñen". Admite que a progresión non foi doada. "Aparentemente, na universidade non hai discriminación, pero para conseguir méritos as mulleres teñen máis atrancos que os homes. Un exemplo é o momento da maternidade. Ter fillos supuxo un parón nas miñas investigacións. Nese tempo perdín currículum que os compañeiros homes seguiron facendo e tamén deixei pasar oportunidades. Cando paras custa recuperar o ritmo", pero é posible e así o fixo.

Victoria Otero aspiraba a ser profesora de secundaria, a súa nai quería que fose médica e a súa tenacidade fixo dela unha matemática con implicación social. Un luxo de talento ben encamiñado.

Modesta Campo foi a mestra de Matemáticas de Sonia Villapol. EP
Modesta Campo foi a mestra de Matemáticas de Sonia Villapol. EP

MODESTA CAMPO. Outra muller que soubo sacar partido do seu don é Modesta Campo, unha desas mestras que fan maxia, que teñen o poder de espertar o interese por calquera materia que tocan. Sachou desde A Mariña ata a Terra Chá para sementar a súa paixón polas Matemáticas. O seu primeiro destino como mestra foi a escola de Galdo, en Viveiro. Despois pasou por Meira e San Martiño, en Castro de Rei, para asentarse finalmente en Bretoña, onde exerceu a maior parte da súa vida laboral, ata a xubilación.

Ela non acaba de asimilar a importancia do seu traballo. Di que "só era mestra de EXB". Dubida da influencia das súas clases, pero a proba da súa efectividade é o aprezo que lle teñen os alumnos que pasaron polo seu encerado. "Tiven sorte, foron estudantes moi bos", comenta. Pero nunca hai 30 bos alumnos xuntos nunha aula e moito menos curso tras curso. Iso non se chama sorte, senón boa docencia, aínda que Modesta Campo faga honra do seu nome e non o queira admitir.

Modesta Campo contaxiou o gusto polas Matemáticas a alumnos de media provincia de Lugo

Sonia Villapol, destacada investigadora en materia de covid-19, foi alumna súa na escola de Bretoña e non ten reparo ningún en sinalala coma unha das mestras que marcou a súa paixón polas ciencias. Modesta Campo cre que a súa alumna fala así porque lle ten cariño, pero ata para iso hai que ser boa mestra. "Sonia era especial. Xa daquela apuntaba. Era moi responsable, estudosa, moi madura", lembra a profesora.

Sonia Villapol di de Modesta que soubo inculcar nos seus alumnos o gusto polas Matemáticas. A mestra responde que iso foi posible porque a ela tamén lle encantan. "Sempre me interesaron e tiña facilidade para estudalas. Supoño que ese gusto se transmite aos rapaces", conta.

Cando Modesta Campo rematou o bacharelato, a súa profesora pediulle que fose á universidade estudar Matemáticas. "Eu non podía. O meu irmán e máis eu fixemos Maxisterio porque detrás de nós viñan tres irmáns máis e había que escoller unha carreira curta para poñerse a traballar axiña e deixar paso aos outros. Nunca me pesou, sempre me encantou o meu traballo", comenta.

Orientou carreiras tan brillantes como a da científica Sonia Villapol, que estudou con ela en Bretoña

Lembra que naquela época eran os homes os que máis estudaban Matemáticas. "E mesmo en Maxisterio estabamos separados homes e mulleres», apunta. Lamenta que hoxe en día as diferenzas entre xéneros aínda non estean superadas. "Por moita titulación que teña, unha muller aínda ten que demostrar o que vale e non se pode equivocar. Hai que seguir loitando pola igualdade", apunta. 

E parece que como nai de tres homes tampouco perdeu o tempo nese sentido. "Eles sempre me insisten en que en tema de igualdade aínda hai moito por facer". Esa reflexión di moito deses fillos, pero tamén de quen os educou.

Carmen Pavon estuda Matemáticas e Física e participou no programa Estalmat. EP
Carmen Pavon estuda Matemáticas e Física e participou no programa Estalmat. EP

CARMEN PAVÓN. Bos mestres tamén tivo Carmen Pavón, unha rapaza de Mondoñedo que desde moi nova demostrou ter boa man coas matemáticas. Participou no programa Estalmat, unha iniciativa da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais para detectar e estimular o talento matemático. Aí rematou de namorarse dos números e decidiu estudar o dobre grao de Matemáticas e Física na USC. O ano que vén espera ter a dobre titulación.

Os seus profesores de instituto déronse conta de que Carmen Pavón tiña unha capacidade especial para as matemáticas e animárona a presentarse ao exame de acceso ao Estalmat. Superouno e durante dous anos viaxou os sábados de Mondoñedo a Santiago para recibir unha formación que a apaixonou. "Aí tiven acceso a uns contidos que non se ensinan noutros sitios, nin no instituto nin na universidade. Matemática pura, conceptual, abstracta... Gustoume moito e decidín continuar por ese camiño".

Carmen Pavón participou de nena no Estalmat, un plan de estimulación do talento matemático

Como ten capacidade para repartir, optou polo dobre grao de Matemáticas e Física, "para abrir portas". Asegura que "non é difícil", pero custa crelo. No seu curso só hai nove alumnos que optaran por esta dobre titulación e só tres son mulleres.

Carmen Pavón defende a intelixencia feminina para facer fronte a calquera formación. "Se un home saca boas notas din que é moi listo, pero se é unha muller din que é moi estudosa, moi aplicada ou que se esforza moito. Nunca se atribúe ese éxito á intelixencia", apunta.

Se un home saca boas notas é moi listo, se é unha muller din que é moi estudosa

Esta moza de Mondoñedo ten ano e pico por diante para decidir por onde tirar. "As matemáticas e a física gústanme por cousas distintas. Non quero pechar campos. A opción de opositar sempre está aí, pero tamén me gusta investigar. O peor é que para iso non hai facilidades, é traballo precario. Estou dándolle voltas, non hai nada decidido". Ela confía na súa capacidade e loitará por conseguir unha oportunidade.

Comentarios