Martínez presenta o partido 'Galicia sempre', que define como "de centro" e "sen ataduras"

O alcalde de Becerreá concorrerá ás eleccións no seu municipio

Manuel Martínez. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Manuel Martínez, na presentación do partido 'Galicia sempre'. SEBAS SENANDE

O alcalde de Becerreá, deputado non adscrito e presidente de Suplusa, Manuel Martínez, presentou este luns o novo partido político co que concorrerá ás eleccións no seu municipio e co que aspira a conseguir un deputado provincial polo Partido Xudicial de Lugo, co obxectivo final de ser a chave na formación de goberno da Deputación Provincial.

O novo partido que leva por nome Galicia sempre e por slogan Sen Ataduras, é unha organización "de centro", que pode ser "o eixo da balanza" e pactar con outras formacións "de dereita" ou de "esquerda", dixo o propio Martínez. Lembrou que estas siglas están abertas á incorporación de novas candidaturas independentes e de persoas que queiran presentarse ás eleccións "sen corpiños" e sen as "imposicións" dos grandes partidos.

De feito, afirmou que a súa mensaxe electoral vai dirixida, precisamente a todas aquelas persoas que estean "descontentas" cos partidos tradicionais, desde unha forza política "galeguista, de centro" e que ten como principal obxectivo "a defensa do territorio".

En canto ás súas expectativas electorais, confirmou que a candidatura está pechada en Becerreá, pero continúan as conversacións en Sarria, Lugo, Meira e O Páramo. Aínda que recoñeceu que é "difícil", tamén asegurou que o seu obxectivo é chegar aos "cinco mil votos" polo Partido Xudicial de Lugo para ter opción de entrar na Deputación.

En Lugo capital xa ten candidata, aínda que neste momento está en fase de constitución a propia candidatura.

Con respecto á súa relación con Pachi Vázquez, asegurou que "é boa" e, no futuro, non descarta chegar a un acordo para concorrer xuntos ás eleccións autonómicas.

Ademais, aclarou que se "por calquera motivo" tivese problemas para rexistrar a súa propia marca electoral, el non tería ningún problema en permitir que concorrese baixo o paraugas de Galicia Sempre.

Comentarios