Maite Ferreiro encabeza a lista do BNG por Lugo para as eleccións xerais

A nacionalista Pilar Prieto Pita será a número un nas listas do Senado

Maite Ferreiro. EP
photo_camera Maite Ferreiro. EP

A concelleira nacionalista de Lugo Maite Ferreiro será a cabeza de lista pola provincia nas próximas eleccións xerais co BNG. Así o decidiu este sábado o Consello Nacional do BNG, que aprobou o seu programa electoral e as candidaturas para os próximos comicios xerais, coas que os nacionalistas aspiran a recuperar a súa presenza no Congreso dos Deputados, que perderon en decembro de 2015 por primeira vez en 20 anos. Pilar Prieto Pita será a número un nas listas do Senado.

O portavoz dos 19 de Meirás (denunciados pola familia Franco por accións reivindicativas para reclamar a devolución ao patrimonio público de propiedades nas súas mans) e secretario xeral da UPG, Néstor Rego, será o cabeza de cartel do BNG pola Coruña, xunto co avogado e exdiputado no Parlamento galego Iago Tabarés, por Ourense e a concelleira Carme da Silva por Pontevedra.

No capítulo de persoas de relevancia no panorama cultural, nas candidaturas do BNG tamén están presentes o escritor Suso de Toro, que pecha a lista pola Coruña; o actor Miguel Pernas, no número cinco tamén pola circunscrición coruñesa; ou o ilustrador Kiko Da Silva, no número catro por Pontevedra.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que se trata "dunha candidatura de país" e "representativa da pluralidade que existe en Galicia" e subliñou que, nun escenario "sen maiorías absolutas", o "un, dous, tres deputados do BNG son máis útiles para os galegos, que 23 ao servizo de Sánchez, Casado ou Iglesias".

Respecto diso, só deixou claro que os nacionalistas galegos nunca axudarían aos partidos de dereitas a gobernar e deixou no aire apoios explícitos a opcións como o PSOE ou Podemos en función de se respectan a "axenda galega" e defenden "os intereses nacionais de país", en cuestións como a rebaixa das peaxes, a transferencia da AP-9, a tarifa eléctrica galega, unha solución para o Pazo de Meirás ou a "infame" prórroga de Ence.

"Nunca imos estar apoiando a un goberno da dereita, pero tampouco imos permitir que un goberno trate a Galicia como foi tratada esta lexislatura, onde as alianzas de PSOE, Podemos e En Marea o que fixeron é demostrar que para eles Galicia non existen nin nos orzamentos", clamou.

Comentarios