Máis que pais

Con esforzo foron sumando títulos na escola da vida. Primeiro criaron fillos e agora teñen gañado o dereito a desfrutar dos netos
Tucho e os avós
photo_camera Tucho, cos seus avós Dominica e Pepe, de Muimenta.

Se un neto o pide, non hai nada imposible para un avó. Saben educar porque antes foron pais, pero prefiren consentir porque se poden permitir ese luxo. Protexen máis que ninguén e atesouran sabedoría abonda como para estar de volta cando o resto do mundo aínda vai a medio camiño. 

Os avós son unha figura fundamental na configuración da persoa dos netos. O que deles se aprende non se esquece nunca e poden facilitar moito a vida, dependendo da paciencia que os rapaces teñan para escoitar e do respecto que amosen á hora de deixarse aconsellar

O 26 de xullo é o Día dos Avós, unha data de recoñecemento ao labor desinteresado e impagable deses que sempre teñen un aloumiño a punto e non saben dicir non. 

Claudio Garrido

CLAUDIO E ROSALÍA. O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, acaba de estrearse como avó e non pode estar máis feliz. A pequena Rosalía deulle unha nova dimensión á súa vida e explícao con moita claridade. "Ser abuelo es el doctorado de la vida. Es cubrir un ciclo más. Empezamos como niños, luego somos adolescentes, nos hacemos adultos, formamos una familia y la llegada de un nieto supone la consolidación de esa familia. Rosalía supone la continuidad y le da una dimensión mayor a esos lazos que hemos ido creando". 

Sara e David son os pais da nena. Viven nas Palmas e o avó non tivo reparos en coller un avión e viaxar ata a illa para recibir a súa neta como se merece. "Nació el 6 de junio, un día señalado porque hay feria en Sarria". 

Estes días tena na casa e presume dela porque pode. "Es lo bueno que tienen los pueblos, que todo el mundo se ha enterado y la gente me para por la calle para felicitarme". 

Claudio Garrido di que a pequena Rosalía lle deu o doutoramento na carreira da vida 

Quere desfrutar cada minuto que pode coa pequena, tal vez porque sabe que cando rematen as vacacións terá que marchar. "Solo pienso en disfrutar de la vida. Es una responsabilidad distinta a la de ser padre. Ahora no es obligación, es devoción". 

Pero aínda superado pola emoción da nena, Claudio Garrido non perde de vista a súa filla. "Tener un hijo supone un cambio muy grande en una relación de pareja y hay que estar ahí para tranquilizar y contextualizar cuando haga falta", reflexiona xa coa sabiduría dun avó, aínda que sexa novato. 

PEPE E DOMINICA . Os que xa non son novos no oficio son Pepe e Dominica. Viven en Muimenta, teñen 85 anos e varias décadas de experiencia como avós. Nese tempo foron consolidando unha relación envexable cos seus netos, pero este vínculo só é posible porque tamén hai boa disposición por parte da xeración máis nova, uns rapaces que senten admiración por eles e souberon valorar o seu esforzo e dedicación á familia. 

Pepe e Dominica viven co seu neto Tucho e cos pais deste. Teñen moito contacto co resto dos netos, pero Tucho sente unha especial devoción por eles porque axudaron a crialo, a el e ao seu irmán. Aos seus 24 anos, desfruta do tempo que pasa cos seus avós e non escatima aloumiños para eles. Encántalle escoitalos, tirarlles da lingua para que lle falen das moitas experiencias que levan acumuladas e, en definitiva, compartir tempo e aprender de quen pode ensinar. 

"Son todo sabedoría –afirma Tucho–. Están de volta e media de todo, pero tamén se deixan aconsellar, son moldeables". Este mozo di que os seus avós souberon ir cos tempos, adaptarse aos cambios da sociedade e desfrutar das oportunidades que a vida lles foi dando. "Naceron na guerra e pasaron moitos traballos, pero hoxe é envexable a calidade de vida que teñen". 

Dominica e Pepe son o orgullo dos seus netos pola súa boa disposición ante todo

Tucho conta que Pepe e Dominica son moi sociables. Antes de que a pandemia limitase os contactos entre a xente, acudían a diario a xogar a partida e participaban en moitas actividades: ximnasia, bailes, teatro... "Desde que están xubilados percorreron España. Gústalles viaxar e unha vez ao ano van ao balneario de Lugo un par de semanas. A miña avoa sempre chega de volta cun feixe de diplomas de participación en todo o que hai. O meu avó é máis tranquilo, vai descansar". 

Pepe e Dominica levan 63 anos de matrimonio. Os inicios non foron fáciles. "Despois de casados botaron un ano vivindo separados porque non tiñan casa propia. Despois conseguiron unha". Cando xa estaban asentados, Pepe marchou traballar a Suíza e Dominica quedou soa cos dous fillos que tiñan daquela. Cando o home puido, regresou e tiveron dúas fillas máis. 

Tucho di que a vida lles ensinou a resolver problemas e a saír de atrancos. "A miña avoa goberna a casa. Manexa todo e non deixa que os demais toquen nada. Temos ovellas, galiñas, cans... e todo está da súa man. Cando chego de traballar tenme o xantar na mesa e sempre procura facer a comida que me gusta. Tenme moi consentido". 

Calquera tema vale para conversar cos avós porque a escola da vida ocupouse de formalos moi ben

O rapaz desfruta escoitándoos. "Busco desculpas para tirarlles da lingua, para que me conten historias, para que fagan exercicio de memoria". E calquera tema vale porque a escola da vida ocupouse de formar moi ben a Pepe e a Dominica. "O outro día saíu na conversa o feminismo e a miña avoa contoume o moito que tiveron que loitar as mulleres na súa época para que lles recoñecesen os seus dereitos. Non podían ter nada ao seu nome nin dispoñer cousa algunha, nada sen permiso do home. Ela dicía que tivo sorte porque o meu avó sempre a respectou, pero aínda así a sociedade era moi dura coas mulleres". 

Avós e neto non precisan palabras para entenderse. "Cunha mirada xa sei o que pensan, se algo lles gusta ou lles parece mal. Non fai falta que digan nada", afirma Tucho.

Ata hai pouco, Pepe tiña un coche sen carné e nas fins de semana levaba a Tucho de viños. "Iamos tomar un refresco, mercar o xornal e dar unha volta", lembra o rapaz, un momento xuntos que aproveitaban para as súas confidencias

Aos seus 85 anos, Pepe ten gañado o dereito de desfrutar dunha vida pausada. "Eu parto a leña máis rápido ca el. É normal porque son novo e podo facelo, pero el pídeme que vaia amodo, que non me apure. Gústalle facer as cousas con calma. É lóxico porque está xubilado e ten todo o día para iso. Sempre bromeo con el e dígolle que agora vive moi ben, que dá gusto levantarse e ter o xornal gañado". 

Tucho leva unha tatuaxe nunha perna que pon Pepe de Dominica coa caligrafía do seu avó. "É o nome da nosa casa. A avoa cando mo viu enfadouse, pero duroulle dous minutos". 

O orgullo que este rapaz ten pola familia vai máis aló dunha tatuaxe. "O meu avó comprou unha moto no 86, pero agora xa levaba 20 anos parada na casa. Restaureina e ando eu con ela. A el fíxolle moita ilusión que recuperase algo seu". A alegría do avó está á par da que sente Tucho cando algún veciño se sorprende de ver pasar pola rúa a moto do Pepe de Dominica e o felicita por conservala. 

O neto practica triatlón e carreiras de longa distancia e despois das competicións repasa os vídeos cos avós. Dominica non está moi tranquila con iso. "Aínda te has perder no monte", dille cando o ve correr, ou "vas coller frío nos ósos ao saír de nadar e subir na bicicleta todo mollado" no triatlón. O rapaz di que ten unha espiña cravada porque a avoa nunca o foi ver xogar ao fútbol. "Dicía que no campo ía moito frío e nunca quixo ir. Despois tiven que deixalo porque rompín o xeonllo e xa non tivo ocasión de verme". 

Non o verá xogando cun balón, pero si en moitas outras ocasións, porque Tucho está disposto a devolverlles aos seus avós tanto cariño como eles lle levan dado desde neno e a compartir con eles todo o tempo que sexa posible. 

Prestes

REMEDIOS CUBA. Na parroquia de San Simón, en Vilalba, vive Remedios Cuba. É queixeira, nai de queixeiros e vai camiño de ser tamén avoa de queixeiras. Fundou xunto ao seu home a queixería Prestes, na que traballan os seus fillos Adela e Maikel Fernández. E ten dúas netas, Sara e Lara, ás que tamén adestrou no oficio e que con 15 e 9 anos, respectivamente, son quen de facer un queixo. A súa avoa está moi orgullosa de que as nenas se desenvolvan con soltura nun oficio con tanta tradición. 

Remedios Cuba aprendeu a facer queixos da súa nai. O seu home tamén era da parroquia de San Simón, tamén mamara o oficio, e entre os dous puxeron en marcha a empresa Prestes. Hoxe serve de sustento ás familias dos seus fillos. Remedios xubilouse hai catro anos, pero non hai día que non pase pola queixería para comprobar que todo vai ben. 

As súas netas Sara, filla de Adela, e Lara, de Maikel, xa coñecen todo o procedemento de fabricación dun queixo e comparten coa avoa o gusto polo oficio. Prestes ten un queixo azul que leva o seu nome: Lara & Sara.  Adela explica que as dúas se moven con soltura pola queixería. "Sara criouse coa avoa e aprendeu moito dela. Ademais, eu tiven que traela moitas veces comigo ao traballo porque non tiña con quen deixala na casa, así que non lle quedou máis remedio que ver o que se fai na queixería e ir aprendendo". 

Remedios Cuba legoulles ás súas netas a sabedoría das queixeiras de San Simón

Sara, con 15 anos, axuda nas tarefas de Prestes. "Agora que ten vacacións vén con frecuencia. Penso que está mellor aquí que vendo a televisión na casa. É unha sorte que eu teña opción de traela", di a súa nai. 

A alternativa soe ser a avoa, pois Remedios sempre está disposta a pasar tempo con Sara e Lara e elas desfrutan deses momentos coa muller que as encamiñou no oficio tradicional de San Simón. 

"Non sei o que quererán ser no futuro, pero as dúas coñecen o proceso de elaboración do queixo. Os pais fixemos carreira e escollimos traballar aquí, pero tal como está a vida non sei se elas van ter moito onde elixir", di Adela. 

Lara e Sara teñen todo o futuro por diante, pero xa de nenas poden considerarse afortunadas por teren aprendido un oficio tradicional que leva dado de comer a varias xeracións da súa familia. Remedios Cuba fíxolles ás súas netas un gran agasallo, unha herdanza de sabedoría que elas deberán conservar e legar cando teñan a ocasión. 

JOSÉ ANTONIO CANEDA. O presidente do Club Baloncesto Breogán, José Antonio Caneda, tamén se está estreando como avó. A súa neta Estela naceu o 8 de xuño ás dez da noite. A esa hora estaban as oficinas do club pechadas, pero en canto abriron ao día seguinte, a nena xa era socia do Breogán. O avó está encantado coa pequena e di que en canto sexa posible vaina levar a un partido. "Hai que predicar co exemplo", afirma. 

José Antonio Caneda fixo socia do CB Breogán á pequena Estela nada máis nacer

A mascota do equipo, o Máximus, xa a acompaña. De momento non ten equipación porque non hai tallas tan pequenas, pero o avó asegura que "xa intentamos amañar iso" e confía en que para a próxima tempada a nena vista as cores do Breogán.

Comentarios