lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

A maioría das denominacións de orixe lucenses soben a súa facturación, que suma 47 millóns

Fabas de Lourenzá
Fabas de Lourenzá
Os queixos Arzúa-Ulloa, os de San Simón, o viño da Ribeira Sacra e as fabas de Lourenzá incrementan as súas vendas ► A única marca que rexistra un lixeiro descenso é a de queixos do Cebreiro, aínda que a súa evolución xeral é positiva

As denominacións de orixe (D.O.) da provincia de Lugo sumaron unha facturación total de 47.238.548 euros no ano 2019, segundo os datos da Consellería do Medio Rural. Esta cifra supón un aumento de case tres millóns de euros con respecto ao ano 2018, cando os ingresos ascenderon a 44.381.251.

O pasado exercicio aumentou a rendibilidade das denominacións de orixe dos queixos de San Simón e Arzúa-Ulloa, e o viño da Ribeira Sacra, que incrementaron tanto os ingresos como a produción. O mesmo sucedeu coa IXP de Faba de Lourenzá. Porén, a marca de queixos do Cebreiro diminuíu lixeiramente as súas vendas neste último ano, aínda que o seu balance no último lustro é positivo.

QUEIXO ARZÚA-ULLOA. A produción de queixos de Arzúa-Ulloa pasou de 3,3 toneladas no 2018 a 3,5 no 2019. En consecuencia, os ingresos incrementáronse paralelamente, pasando de 20.892.450 euros en 2018 a 21.276.390 en 2019, é dicir, 383.940 máis.

O número de queixerías dentro da marca mantense estable no último lustro, con 20 abertas. Porén, este último ano foi o primeiro no que o número de gandeiros que producen con este distintivo de calidade se reduciu, pasando de 1.504 en 2018 a 1.252.

Os produtores desta DOP repártense entre as provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo. Nesta última, a marca abrangue os concellos de Antas, Monterroso, Palas, Carballedo, Chantada, Taboada, Friol, Guntín e Portomarín. A evolución xeral da denominación de orixe lucense é positiva, xa que os ingresos aumentaron en todo momento, e de xeito progresivo, dende 2015.

SAN SIMÓN DA COSTA. Esta denominación tamén rexistrou mellores resultados no último exercicio que no 2018. A súa facturación en 2019 foi de 3.859.431 euros, o que supón 192.504 máis. Con respecto a 2015, a marca gañou 603.431 euros máis, polo que a evolución foi moi positiva co paso do tempo.

Esta DOP tamén incrementou a súa produción de queixos, cuon 551.347 quilogramos producidos, 47.648 máis que en 2018. San Simón da Costa ten a súa produción localizada na Terra Chá, nos municipios de Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade. Do mesmo xeito, o 2019 contou con 368 gandeiros adscritos a este selo de calidade, é dicir, 18 máis con respecto ao ano anterior, mentres que o número de queixerías mantense estable dende 2016, con dez empresas.

Ademais, o seu queixo é unha das marcas máis recoñecidas e premiadas nos certames máis prestixiosos, tanto a nivel autonómico como nacional.

VIÑO DA RIBEIRA SACRA. O da Ribeira Sacra constitúe o selo de calidade con máis ingresos brutos de todas as denominacións de orixe da provincia. Neste último exercicio, a empresa rexistrou unha facturación de 21.455.496 euros, é dicir, cunha suba de máis de dous millóns de euros con relación a 2018, cando ingresou 19.288.568 euros.

Do mesmo xeito, a súa produción tamén é unha das máis numerosas das marcas lucenses. A uva recolectada en 2019 superou as 7,25 toneladas, que deron 3.929 litros de viño certificado. Ademais, rexistráronse 23 viticultores máis en 2019 que en 2018, o que suma na actualidade un total de 2.353 produtores e 93 bodegas. Nos litros de viño producidos inflúen tamén a cantidade e a calidade da uva, que varía en función das condicións meteorolóxicas do territorio no que se cultiva.

Nos últimos cinco anos, a evolución deste selo de calidade, que abrangue as zonas de Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil, foi moi favorable, xa que a facturación aumentou en case catro millóns de euros dende o ano 2015.

FABA DE LOURENZÁ. No norte da provincia atópase a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, que tamén tivo un bo comportamento en 2019. A facturación deste selo de calidade o pasado ano foi de 132.462 euros, o que supón 20.547 máis que no exercicio anterior, cando ingresou 111.915 euros.

Con respecto a 2015, esta indicación xeográfica facturou 48.462 euros máis neste último exercicio, polo que foi aumentando paulatinamente cada ano no último lustro. Este selo mantén 40 produtores e oito envasadoras, é dicir, conta coa mesma cifra de traballadores e industrias que en 2018. Neste sentido, o número de produtores mantívose bastante estable co paso do tempo.

Como ocorreu co resto das DOP, o covid supuxo un cambio no proceso de comercialización do produto, coa busca de canles alternativas. Así o explica o presidente da IXP Faba de Lourenzá, José Cuadrado. Resalta que, no caso deste selo, intentan "profesionalizar o sector pouco a pouco o máximo posible".

QUEIXO DO CEBRERO. Na parte máis alta da provincia atópase a denominación de orixe Queixo do Cebreiro, a primeira en ser recoñecida cun galardón a nivel nacional nas catas especializadas. Este é o único selo que rexistrou un leve descenso na súa facturación no último exercicio en relación a 2018, xa que os ingresos pasaron de 520.871 a 514.769 euros, según datos da Consellería do Medio Rural.

A produción de queixo aumentou en case 3.000 quilogramos dun ano a outro e segue en ascenso dende 2015. Do mesmo xeito, a evolución xeral desta denominación foi positiva no último lustro. Con respecto ao 2015, a facturación de queixos do Cebreiro se incrementou neste último exercicio en 200.769 euros. A pesar do leve descenso do último ano, esta DOP ven mantendo unha tendenza ao alza no último lustro.

Entre os municipios que están vencellados á produción de queixos do Cebreiro atópanse Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.

A maioría das denominacións de orixe lucenses soben a súa...
Comentarios