Manuel, como os seus outros 14 compañeiros de residencia, estaba encantado de participar nesta iniciativa e permitir que profesionais doutra das empresas involucradas no proxecto, Recados Carmen, gravasen as súas voces en dispositivos electrónicos, co fin de poder captar a súa forma natural de falar.
"Gravamos unhas trinta frases do tipo 'quero pedir unha cita para o médico' ou 'chama á miña filla'", explicaba Manuel, moi ilusionado con iso de "aprender ao móbil a falar en galego".

Avelina, outra das participantes na actividade do xoves, afirmaba que aos seus 93 anos non se cansa de aprender. Cre que esta idea de poder comunicarse co móbil na súa lingua nai e dunha forma natural "resultaranos moi útil, porque é unha forma de que as persoas maiores poidamos manexar estes aparatos dunha forma moito máis fácil".
O encargado de gravar as voces dos participantes, Iván Muller, destacaba tamén onte a excelente disposición de todos eles, "que se mostraron moi participativos e interesados en saber como funcionará a aplicación".
O obxectivo é que o asistente poida entender todas as variantes do galego que se falan nas diferentes zonas de Galicia
Roberto González, responsable de Innovación de DomusVi, sinalaba pola súa parte que "colaborar neste tipo de iniciativas permítenos acompañar as persoas maiores no proceso de adaptación ás novas tecnoloxías e dar un paso máis para erradicar a fenda dixital. Para 2025, prevese que un terzo da poboación será maior de 64 anos en España; por iso, debemos potenciar iniciativas como FalAI que resultan máis atractivas e accesibles para os maiores, xa que se expresan máis facilmente de forma oral".
A través da plataforma do proxecto FalAI xa se recompilaron máis de 250.000 frases duns 11.000 participantes, aínda que o obxectivo "é seguir aumentando esa base de rexistros para que o asistente poida entender todas as variantes do galego que se falan nas diferentes zonas de Galicia e que esta intelixencia artificial poida así interactuar dunha maneira natural co usuario", indicaba Carmen López, da empresa Balidea.

Neste sentido, López facía fincapé nas dificultades de moitos usuarios á hora de comunicarse cos asistentes de voz en linguas que non sexan o inglés ou o castelán: "Como ocorre con moitas outras linguas europeas, non existen os recursos necesarios para desenvolver este tipo de tecnoloxías, especialmente no relativo a gravacións con diversidade de voces".
Para tentar remediar esta situación, o proxecto FalAI quere contribuír á igualdade lingüística no ámbito dixital. "Deste xeito, un dos obxectivos é deseñar e validar unha metodoloxía para recoller voces e compartila coa sociedade, especialmente con países que contan con linguas exclusivamente ligadas a determinados territorios", explicaba Carmen López.

A meta dos impulsores do proxecto é chegar a unhas 360.000 gravacións, aínda que o reto é tamén conseguir unha maior representación de persoas de máis de 50 anos, "franxa de idade a partir da que se dispón dun menor volume de datos".
A experiencia levada a cabo na residencia DomusVi de Outeiro de Rei permitiralles obter ademais as voces dos máis maiores, coa teima de adestrar a intelixencia artificial en conversacións que teñan que ver con satisfacer as súas necesidades específicas en materias como a sanidade ou os trámites administrativos.
Os promotores desta tecnoloxía esperan estar a finais de ano en disposición de poder validala con usuarios. Mentres se chega a esta última fase, desde o proxecto FalAI convidan a toda a poboación a «doar» as súas voces a través da plataforma http://falai.balidea.com para continuar ampliando a súa base de rexistros. De momento, onte en Outeiro de Rei o reto FalAI quedou conseguido.