Luis Iglesia súmase a Son de Lugo

O actor protagoniza un anuncio gravado en Cervantes para dar a coñecer o "espírito de traballo comunitario" que inspira a tenda online, impulsada por produtores da provincia
Luis Iglesia (dereita), durante a gravación do anuncio en Cervantes. EP
photo_camera Luis Iglesia (dereita), durante a gravación do anuncio en Cervantes. EP

O recoñecido actor Luis Iglesia Besteiro protagoniza un anuncio da tenda online Son de Lugo, impulsada por unha quincena de produtores da provincia, onde se mostra o "espírito de traballo comunitario" do proxecto.

O clip, de 50 segundos de duración e gravado pola produtora lucense Mundo Redondo en Quindous, no concello de Cervantes, amosa un xantar de familiares e amigos "como tantos dos que se celebran nas casas de calquera comarca de Lugo", sinalan desde esta plataforma. "A anfitrioa prepara caldo e cocido, uns levan queixo, outros viño, outras grelos... Quixemos condensar nese minuto escaso de imaxes o espírito de traballo comunitario e solidariedade co que puxemos en marcha a tenda SondeLugo.com, que naceu para facer máis doada a distribución dos nosos produtos e así acadar un prezo xusto para nós e para o consumidor", engaden.

No anuncio, Iglesia comparte mesa con algúns produtores desta tenda, como Carmen, de Embutidos Suarna; Chusa, de Milhulloa; Marta, de Muuhlloa, e Román e José Antonio, de A Carqueixa. Foi unha pequena representación da plataforma, condicionada pola gravación en tempos de pandemia, sinalan dende Son de Lugo.

O propio actor, natural de Riotorto e galardoado na última Semana Internacional de Cine de Lugo pola súa traxectoria, compartiu o vídeo nas redes sociais. "Ás veces o noso traballo é un agasallo, por coñecer xente como coa que comparto este anuncio. Moi orgullosos delas e deles e das súas iniciativas", escribiu no seu perfil en Facebook.

PRODUTORES. Son de Lugo pon á venda queixos Arzúa-Ulloa de Arqueixal, en Palas, e San Simón da Costa da firma vilalbesa Don Gabino. Tamén comercializa viño Ribeira Sacra da adega Proencia de Proendos, en Sober, e a cooperativa Terras da Mariña achega legumes e fabas da IXP de Lourenzá.

A cooperativa A Carqueixa, dos Ancares, proporciona tenreira galega suprema, mentres que Céltico, un produtor de Muras, comercializa embutidos e salgados de porco celta, entre outros produtos. Embutidos Suarna tamén se ocupa dos derivados do porco e ten como especialidades a androlla e o butelo, referentes da Montaña.

Novomar encárgase de prover pescada do pincho de Celeiro e a panadería Fraga, de Palas, serve pan de trigo do país e empanadas. Milhulloa produce grelos deshidratados, herbas para infusións, especias e oleatos, e tamén participa Muuholla, a marca de cosmética resultante da asociación da palense Milhulloa e da monterrosina Granxa Maruxa.

As máis recentes incorporacións son a empresa vilalbesa Champivil, que comercializa baixo o selo Castelo conservas de cogomelos, marmeladas e caldo galego xa elaborado, e Outurelos, a marca elixida por El País del Abeyeiro, en Negueira de Muñiz, para poñer á venda diferentes variedades de mel. Ademais, estase a pechar a incorporación de novos produtos e cooperativas.

Comentarios