Lugo volve ser a grande ignorada nas estrelas Michelin

Galicia conta con once distincións pero ningunha delas está na provincia lucense

Marc Márquez acude al puesto de '...E para comer, Lugo'. EP
photo_camera Marc Márquez, co cartel de '...E para comer, Lugo'. EP

Unha vez máis, a provincia de Lugo quedou sen estrela Michelin. É a única sen esa distinción en Galicia, que totaliza once coa entrada da chef Lucía Freitas e o seu establecemento compostelán A Tafona en tan selecto club.

De nada serve que o eslogan '... E para comer Lugo' teña sona alén Pedrafita nin que desde hai anos se veña especulando co nome de varios establecementos de hostalaría lucenses como hipotéticos candidatos a tan alta distinción gastronómica. Restaurantes como o Nito en Viveiro, o San Miguel en Ribadeo, o Campos, o España e o Paprica na capital lucense ou A Faragulla en Chantada, por citar só algúns, parecen condenados a ser eternos aspirantes.

Malia todo iso, un ano máis Lugo queda á marxe das estrelas Michelin. Será cuestión de seguir perseverando e de non perder a ilusión.

Mentras, se queren comer nun estrela Michelin, os lugueses terán que conformarse con achegarse ao Árbore da Vieira (A Coruña), As Garzas (Malpica), O Retiro da Costiña (Santa Comba-A Coruña), Casa Marcelo e A Tafona (Santiago), Casa Solla e Pepe Veira (Poio-Pontevedra), Yayo Daporta (Cambados), Culler de Pau (O Grove), Maruja Limón (Vigo) e Nova Restaurante (Ourense), que son os que teñen a famosa estreliña.

Comentarios