Lucía Rodríguez: "O problema do rural e que a xente se queixa de que non hai nada pero non actúa"

Esta naviega desenvolveu un proxecto sobre a cooperativa A Carqueixa en Navia de Suarna. A estudante de Publicidade, que está a levar a cabo varias iniciativas culturais, reclama unha maior participación cidadá nas actividades do rural
Lucía Rodríguez Fernández. EP
photo_camera Lucía Rodríguez Fernández. EP

Lucía Rodríguez é unha estudante de Publicidade e Relacións Públicas que está orgullosa das súas raíces e que non perde o tempo para divulgar a cultura e o patrimonio ancarés. Nada en Navia de Suarna, esta moza de 20 anos traballa a carón do cineasta Oliver Laxe desenvolvendo un censo de centros rurais culturais. Ademais disto, Lucía tamén leva unha conta na que sube fotografías de lugares descoñecidos da comarca e colaborou co proxecto da Casa Quiñones de Barcia en Navia, o primeiro coworking rural de Galicia.

Por que decidiu facer un traballo sobre a cooperativa A Carqueixa? Tiña que tratar a xestión dos medios publicitarios para falar dunha marca pequena que fixese unha boa xestión da publicidade nas redes sociais e nos medios de comunicación para clase. Entón, como eu pasei o confinamento na aldea naviega de Salgueiras, xunto aos meus avós, sempre vía as vacas da Carqueixa diante. Levo pasado moitas tardes mirando pola ventá o que facían e escoitando o son das chocas. Escollín a empresa pola cercanía e porque me gusta moito como levan a súa marca. Tamén quería darlles máis visibilidade na outra punta de Galicia, Pontevedra, onde eu estudo.

Como cre que se pode visibilizar a comercialización de produtos do rural? A día de hoxe penso que son moi importantes as redes sociais porque ao final é onde se atopa a maior parte do público, pero tamén os medios de comunicación tradicionais porque ao final non todo o público do rural mira as redes. A xente ten que ver que existen proxectos moi interesantes e de calidade.

Que é o máis importante para impulsar estas iniciativas? Eu penso que o esencial é que a xente estea comprometida e que crea nos proxectos que se levan a cabo. É importante loitar por conseguir o que se quere. Dende o ámbito publicitario tamén é relevante o feito de innovar continuamente e estarmos actualizados.

Como ve o futuro de proxectos como A Carqueixa na área rural? Creo que poden ter futuro se a xente nova se implica e ten ganas de facer cousas, porque o problema esencial do rural é que a xente se queixa moito de que non hai actividades nin vida pero a maioría tampouco fai nada por cambialo.

"Non sei se é por culpa dos políticos ou da sociedade pero non reclamamos o suficiente a historia das nosas terras"

Gustaríalle exercer a súa profesión de publicista na súa vila? Si, claro. A min encantaríame vivir aquí. Gustaríame desenvolver a miña actividade laboral no rural pero sen pecharme portas ás cidades porque no meu traballo é onde hai máis oportunidades a día de hoxe.

Como cre que podería contribuír? Penso en moitas cousas. Gustaríame compilar as palabras que din as persoas maiores. De feito estou recollendo nunha libreta as súas expresións e gustaríame facer quizais unha marca futura con diferentes deseños gráficos nos que aparezan para que non se perdan. Tamén quero facer un spot das aldeas máis pequenas que están sen explotar e a xente non coñece. Aquí temos moito patrimonio pero está todo por descubrir. Non sei se é por culpa dos políticos ou da sociedade pero non reclamamos o suficiente a historia das nosas terras.

Como integrante da asociación Irmandade Naviega, teñen algún proxecto entre mans? Cando comezamos co proxecto, o noso obxectivo era conseguir que o castelo de Navia fose público, pero agora atopámonos con moitas dificultades porque hai moitos herdeiros. Uns queren vendelo e outros non e as administracións non se poñen de acordo porque iso implicaría un mantemento e uns custos. Agora estamos a facer actividades máis relacionadas co ámbito cultural. Compartimos fotografías e información da comarca na nosa páxina de Facebook. Neste momento estamos colaborando cos artistas rusos que viven en Navia, que colocan animais esculpidos e pintados por eles na vila e a partir de aí facemos un xogo para que os veciños os atopen.

Comentarios