Algúns lucenses volven ás urnas

Tras tempos políticos convulsos, os emigrantes asentados en Cataluña afrontan uns comicios sen tensións, axustados e con moita intriga máis aló da noite electoral
G
photo_camera Carteis electorais nunha rúa de Barcelona. MARTA PÉREZ (EFE)

Os cataláns votarán o domingo para elixir Goberno autonómico nuns comicios que probablemente non desvelen quén será presidente. Augúrase un resultado incerto sen un claro vencedor, con socialistas e independentistas á fronte, pero sen un partido con posibilidade de gobernar sen apoio.

A intriga está garantida ata o reconto da última papeleta e a previsible necesidade de pacto alongará a expectación máis aló da noite electoral

Os cataláns estarán pendentes do proceso, pero tamén moitos galegos. Son emigrantes ou fillos deles, que se asentaron no outro extremo da Península para gañar a vida e aos que o resultado electoral lles afecta como a calquera outro residente en Cataluña.

Óliver Fernández valora unha campaña respectuosa

 

Óliver Fernández, presidente da Asociación Rosalía de Castro de Cornellà
Óliver Fernández, presidente da Asociación Rosalía de Castro de Cornellà. EP

 

Vive en Cornellà e é o presidente da Asociación Rosalía de Castro. Os seus pais emigraron a Cataluña desde O Saviñao e el naceu aló, pero conserva o ADN galego con orgullo. "Nacín en Cataluña, pero na miña casa comíase caldo e empanada", comenta entre risas un home que toca a gaita e fala galego á perfección.

Votará o domingo como calquera catalán tras unha campaña electoral "máis tranquila emocionalmente que as anteriores, con máis respecto por todas as ideoloxías". Isto axudou, na súa opinión, a percibir "máis campaña na rúa, con moito mitin e respecto pola cidadanía".

Este respecto do que fala botábao en falta nos tempos máis candentes do procés (proceso soberanista catalán). "Agora hai un mitin do PP, de Vox ou do PSOE e non pasa nada. Antes era un risco facelo porque non se respectaba. A xente está farta diso, pero polos dous lados", explica.

Nacín en Cornellà, pero na miña casa comíase caldo e empanada

Lembra que a asociación de galegos que preside ten fins culturais e xa desde o primeiro momento, como presidente, Óliver Fernández deixou claro que o debate político debía quedar á marxe. "É unha pena porque antes falabamos de política coma de fútbol, cada un coas súas preferencias e sen máis discusión que a típica da barra dun bar. Pero houbo unha época na que a política xeraba enfrontamentos fortes. Houbo xente que deixou de falarse despois de 20 anos de amizade e iso non pode ser". En todo caso, afirma que esa crispación desapareceu, aínda que fora a costa de evitar temas de conversa conflitivos.

Non se atreve a aventurar resultados para as eleccións do domingo porque "está todo no aire". Augura unha subida do PP e do PSOE. "O PP subirá porque os resultados anteriores foron moi malos e Alberto Núñez Feijóo implicouse moito nesta campaña, está aquí seguido, móvese bastante. E o PSOE tamén gañará votos de xente cansa do independentismo", opina.

A campaña foi máis tranquila que as anteriores, con respecto a todas as ideoloxías

Afirma que a maior pugna electoral rexístrase no sector independentista, dividido entre Junts e ERC. "Os independentistas están disputando un mismo voto e hai división. Moitos quedaron descontentos coa fuxida de Puigdemont, mentres os de Junqueras deron a cara e foron ao cárcere". Cre que no sector independentista "bótanse en falta opcións máis moderadas porque a xente está cansa de tanta lea e moitos nin van votar".

En todo caso, o que valora especialmente é a liberdade coa que se desenvolveu o proceso electoral, con respecto á diversidade ideolóxica da cidadanía.

Jaime Veiga cre que o Goberno o decidirá Pedro Sánchez

 

Jaime Veiga
Jaime Veiga. EP

 

A mesma sensación ten Jaime Veiga, natural de Lampazas (Samos). "Baixou moito a crispación desde o procés, está todo moito máis tranquilo", comenta.

Jaime Veiga leva 40 anos asentado en Barcelona e moi integrado na sociedade catalá. Segue con interese a política e a campaña electoral, pero curiosamente non poderá votar nas eleccións do domingo. "Sigo empadroado en Samos e así vou morrer. Son fillo predilecto do meu concello e por respecto a iso e polo amor que lle teño á miña terra non me vou censar noutro lugar. Eu voto en Samos", di o emigrante samonense, quen insiste en que "quen perde as raíces perde o norte".

Non podo votar en Cataluña porque sigo empadroado en Samos e así vou morrer

Aínda que non ten dereito a voto en Cataluña, alí emprendeu negocios e alí vive, polo que segue a actualidade política de cerca. "A pugna é entre o independentismo. A maior rivalidade está entre Junts e ERC, máis entre eles que cos outros partidos", comenta. 

Cre que non van conseguir maioría para gobernar e que será o PSC quen deba buscar o favor duns ou outros tras os comicios. "Van ter que pactar e co PSC antes irá ERC que Junts. En todo caso, están moi condicionados polo Goberno central e vai ser Pedro Sánchez quen diga con quen se pacta", augura.

Iago Diéguez percibe desencanto na cidadanía

Leva menos tempo en Cataluña, pero suficiente para percibir cambios no ambiente político e desencanto nos votantes. Iago Diéguez, médico lucense que traballa en Barcelona, explica que "o ambiente na rúa non está tensionado nin tan condicionado como hai cinco anos, pero a xente tamén está menos movilizada e pouco motivada de cara á política", apunta.

Polo que ten percibido do seu trato diario con cataláns de ideoloxías diversas, "hai xente que se vai abster e outra que votará por inercia, por responsabilidade e por principios que se poidan axustar a un partido concreto, pero non movidos por unha ilusión ou por un achegamento a un proxecto político específico".

Moita xente vai votar por inercia, non por ilusión

Percibe desmotivación entre o electorado. "Nestes últimos anos de gobernos independentistas ou nacionalistas, tanto conservadores como progresistas, non se conseguiron grandes cousas, pero as alternativas que se postulan tampouco son atractivas", de ahí que augure unha elevada abstención por falta de opcións ilusionantes para unha parte importante do electorado. 

Ernesto Lagarón xa votou por correo

 

Ernesto Lagarón
Ernesto Lagarón. EP

Quen seguro que non se vai abster porque xa votou por correo é Ernesto Lagarón, fonsagradino emigrado hai 57 anos que desenvolveu a súa vida laboral en Barcelona. "Cheguei a Lugo hai un mes e xa non volvo para Barcelona ata despois do verán", explica, facendo fincapé nas vantaxes que ofrece a vida de xubilado.

Pero aínda desde a distancia, seguiu con atención a campaña electoral e xa emitiu o seu voto por correo. Considera que a implicación política da cidadanía é necesaria porque "hai unha tensión que non sei onde terminará".

Afronta o proceso electoral con "expectación porque non está claro o resultado, pero tamén con escepticismo porque, sexa cal sexa o resultado, non vai ser bo para Cataluña".

Considera necesario "artellar un sistema económico para que funcione o país e iso non se vai solucionar con estas eleccións". Recorda que cando emigrou a Cataluña hai medio século "había oportunidades, traballo para moita xente. Agora a situación é diferente. As empresas vanse, hai inseguridade, non é un espazo atractivo para investir. O pequeno comercio vai desaparecendo e iso é por mala administración".

Sexa cal sexa o resultado non vai ser bo. As eleccións non van artellar o sistema económico

A coxuntura económica preocúpalle, pero admite que "baixou moito a crispación. Antes estabas na rúa falando castelán ou galego e pasaban polo lado dicindo 'españolitos de mierda'. Agora iso xa non pasa e non se ven tantas bandeiras nas ventás".

Coincide co resto de opinións en que a maior rivalidade está entre os partidos independentistas, aínda que considera que "o PSC en Cataluña é tan nacionalista como Esquerra Republicana. Os socialistas terán que buscar un pacto para gobernar no ámbito nacionalista e iso vailles restar votos e credibilidade". 

De calquera xeito, cre que o día despois das eleccións empezará a etapa máis complicada para quen opte a gobernar. "Se hai pacto entre PSC e ERC pode caer o Goberno de Madrid e Pedro Sánchez non vai deixar o sillón. Madrid vai ter moito que dicir".