Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Lola Castro: "A miña prioridade son os servizos para os maiores e para os poucos nenos que hai"

Lola Castro. TOÑO PARGA
Lola Castro. TOÑO PARGA

Aínda que non dá nada por definitivo, semella que Lola Castro agarda un chisco máis de apoio do seu partido, o PP, antes de decidir o seu futuro político. Esta veciña de Moreda asegura que O Courel ten peculiaridades que complican o día a día dos veciños e que as administracións deberían ter máis en conta as características do territorio

Lola Castro Ochoa (Moreda, 1977) asegura que O Courel é un dos territorios máis singulares de toda Galicia e que por iso precisa de medidas especiais. Ela leva o goberno desa área singular dende 2009, cando entrou por unha moción de censura. Nas seguintes eleccións gañou a confianza dos veciños a agora segue de rexedora dentro das filas do PP.

Aspirará a ser de novo alcaldesa?

Non está nada pechado. Hai que falar coa directiva e ver como se resolven determinadas peticións que lle fixemos ao partido.

Non está satisfeita co apoio da Xunta do PP?

Non quero entrar niso. Hai temas nos que si tivemos o apoio do PP e outros nos que non tanto. Hai pendentes melloras que son vitais para os veciños do Courel e que agardamos que saian adiante.

Por exemplo?

Logramos retomar o servizo de farmacia e agora estamos pendentes de trasladar a de Seoane para que o botiquín sexa máis accesible e próximo ao centro médico. Tamén se mellorou a asistencia a domicilio, pero nun municipio tan envellecido sempre chegan a pouco os recursos.

Está satisfeita coa resposta que se dá dende a Xunta á cobertura sanitaria?

O ano pasado foi máis grave. Este ano polo menos non coincidiron os enfermeiros nas vacacións e ese servizo estivo mellor cuberto có dos médicos, que houbo quendas. Está claro que o noso concello no ten nada que ver cos outros da provincia e que a sanidade precisa moitas melloras. Por envellecemento e por dispersión temos unhas circunstancias propias e non se pode empregar a mesma vara de medir ca noutros concellos.

Entende entón as criticas da oposición nese tema?

Non moito porque parece que queren darme leccións de realidades que coñezo ben. Creo que son oportunistas. Teño unha avoa de 95 anos e ben sei como é a sanidade do Courel. No fai falla que eles me expliquen iso.

Ten dito que o concello precisa un plan de choque para frear a despoboación. Atopouno?

Creo que hai que apostar por sectores que traian riqueza coma pode ser o turismo. Temos que promocionar os nosos recursos e apoiar ás empresas que están apostando por xerar aloxamento, gastronomía e calquera outro servizo.

Fía todo ao turismo?

Turismo e castaña. Temos uns plans para limpar soutos e alugalos e puxemos en marcha convenios con duas asociacións para que os exploten. Nese sector tamén podemos ter bos resultados.

Como valora a candidatura do xeoparque Montañas do Courel?

Pode ser un gran recurso para atraer novos veciños e turistas. A maiores, non conleva prohibicións nin limitacións para a xente que vive no Courel.

Lola Castro: "Se un día deixo a política igual me dedico á repostaría"

E o plan Life Oso Courel?

Ese tema é mais complicado. Efectivamente se o osos veñen ao Courel non os imos parar, pero tamén hai que conseguir que a súa presenza non leve prohibicións para os veciños. Creo que é un tema que se está focalizando moito no Courel porque convén usar ese nome, pero no plan entran máis concellos.

Semella que en breve O Courel terá residencia de maiores, pero o proxecto tamén está marcado pola polémica entre o Concello e a Deputación.

O PSOE quere vender que só el fixo xestións, pero o caso é que cando gobernaban no concello non lograron sacar a residencia adiante. Despois veu a crise e houbo que agardar a que Elena Candia estivese na Deputación para volver encauzar o proxecto, pese ao voto en contra dos socialistas. O Concello ten todo resolto dende hai moitos meses e agora aínda temos que agardar pola licitación. Se o PSOE do Courel quere axudar pode pedir que se axilice a licitación.

Cales son os plans ou as liñas nas que quere traballar se segue á fronte do goberno local?

A prioridade son os maiores e os nenos. Para os maiores é vital a axuda a domicilio e para os nenos, os poucos que temos, hai que coidalos. Están en marcha moitas iniciativas vinculadas ao turismo que tamén reservan un papel aos nenos. Agora poden acceder a barranquismo, ás covas... para que eles tamén valoren a riqueza que temos.

A que dedica Lola Castro o seu tempo libre?

O que máis me gusta é pasar o tempo cos maiores. Teño unha avoa de 95 anos e ata hai pouco vívía tamén un tío que tiña 92 e ao que sempre estiven moi unida. O mellor momento do día para min era o do almorzo, no que conversaba con eles. Pode un aprender moito da sabedoría dos maiores.

Algunha escapada?

Calquera. Non me dá preguiza ningunha coller o coche e marchar coa familia. Gústame moito a praia, pero calquera lugar me parece bo. Tamén me gusta perderme polo Courel sen que ninguén me vexa e revisar o que falta aquí ou o que se precisa alá.

Algunha afección máis?

A cociña e a repostaría. Niso tamén podo investir tantas horas coma ten o día.

Se algún día deixa a política, a que se dedicaría?

Non teño posibilidades de voltar ao meu traballo anterior. Así que me gustaría montar algún negocio. Se cadra de repostaría. Non é unha idea que me disguste. De todos os xeitos, marchei aos 19 anos para Barcelona e traballei de moitas cousas, así que non me dá medo cambiar de vida se saio da política.

En que estación do ano está O Courel máis fermoso?

É unha pregunta complicada. En todas as estacións ten algo singular. O outono é época da castaña e a cor da montaña é única. No verán chegan os retornados, as festas, as conversas diante das casas. Na primavera, as orquídeas e no inverno, a neve.

A maioría do terreo é superficie forestal
O Courel conta con 193 quilómetros cadrados de superficie dos que a superficie forestal ocupa 172 quilómetros cadrados e a de cultivos e prados, 12. Nese territorio hai un total de 47 aldeas agrupadas en nove parroquias.

Flora
Aída que O Courel só supón o 1% da superficie galega, no seu territorio concéntranse o 40% das plantas superiores da comunidade. As plantas superiores son aquelas que contan con raíces e tecidos para transportar a savia e a auga. No Courel poden atoparse ata nove variedades de orquídeas, algunhas moi raras noutros puntos de Galicia coma a Orchis ustulata, e outras endémicas da propia serra lucense coma a Dactylorhiza cantábrica.

Poboación
No ano 2017 no Courel nacero cinco nenos, morreron 16 veciños e houbo dous matrimonios. A poboación do municipio a 1 de xaneiro de este ano era de 1.025 persoas segundo o INE.

Lola Castro: "A miña prioridade son os servizos para os maiores e...
Comentarios