martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

José Manuel Blanco: "Son neto de gandeiros e sei do seu potencias se lles axudan"

José Manuel Blanco. VICTORIA RODRÍGUEZ
José Manuel Blanco. VICTORIA RODRÍGUEZ

É un novato na política, na que debuta precisamente nestas eleccións xerais. Enxeñeiro de montes e xefe da Confederación Hidrográfica de Lugo, presume de coñecer ben a realidade do mundo rural. Converteu a súa imaxe tapano co paaugas a Albert Rivera nunha manifestación en Madrid na súa marca electoral persoal

Por se acaso, a quen estou a votar: a un representante de Lugo ou a un do seu partido?

Nestas eleccións os lugueses votarán para que Lugo teña alguén que represente os intereses da provincia e non os dos que se atornillan ao sillón, pero tamén votarán para que Ciudadanos encabece un cambio de Goberno en España.

Temos máis de media España sen habitantes. Que está disposto a facer persoalmente para que os partidos, incluído o seu, non deixen de lado esa parte do país?

Eu son do Courel, onde temos unha media de 5 habitantes por quilómetro cadrado. Polo tanto, son parte desa España baleirada. Eu persoalmente, e Ciudadanos como partido, fomos á manifestación da España baleirada en Madrid o pasado 31 de marzo e levamos no noso programa de Goberno medidas efectivas contra a despoboación no rural, como baixar un 60% o IRPF ás persoas que viven nestas zonas rurais ou eliminar as cotizacións durante tres anos para aqueles autónomos de zonas rurais que teñan fillos.

No caso de Lugo, o problema do mundo rural é o leite. Por que debería votarlle a vostede un gandeiro lucense?

Porque son neto de gandeiros lucenses e sei o que sofre o sector e tamén do potencial que ten se se lle axudara desde as administracións públicas.

Pode achegar algo de luz ao futuro dun empregado de Alcoa?

Si, con Alcoa non se pode frivolizar como fan o PP e o PSOE. Non hai nada máis serio para unha familia que o traballo. En Alcoa- San Cibrao hai que tomar medidas técnicas e regulamentarias. Paco Pintado, candidato ao Congreso pola Mariña, e eu asinamos un compromiso de catro puntos que entregamos persoalmente ao comité de empresa o pasado día 9 de abril e que incluía fomentar os contratos bilaterais de entrega de enerxía eléctrica, regular claramente os custos indirectos por emisión de gases de efecto invernadoiro, establecer redes enerxéticas pechadas e facer unha revisión profunda dos custos do sistema eléctrico adaptados ás circunstancias de cada produtor.

Alta velocidade, estación intermodal, liñas interiores, porto seco de Monforte... Está Lugo a tempo de evitar o descarrilamento das súas infraestruturas ferroviarias?

Si, Ciudadanos presentou nesta campaña un plan de infraestruturas para Galicia que inclúe a mellora das comunicacións de Lugo con Ourense e de Lugo coa capital de Galicia, onde se fala do tren, das autoestradas e do porto seco de Monforte.

Lugo segue sendo a única provincia con mar sen Autoridade Portuaria, asumímolo xa como unha peculiaridade para conservar? Estaría disposto a votar a favor dunha iniciativa deste tipo expuxésea o partido que a expuxese, mesmo en contra da disciplina de grupo?

Non renuncio en absoluto a que a sede da Autoridade Portuaria estea na provincia de Lugo, en concreto na Mariña, parece algo lóxico. Pero non sempre o minifundio é positivo. Penso que ás veces dividir resta. Dicía Novoneyra nun verso: «Voume sumindo sumindo / Se o aire quer / chegarei a non ser ninguén».

Teño 75 anos e a miña pensión como único ingreso. Se o seu partido chega ao Goberno, en abril do ano que vén cobrarei máis ou menos do que cobrei este mes?

Ciudadanos garantirá as pensións de todos os lucenses e de todas as lucenses. Para iso melloraremos as condicións de emprego con contratos indefinidos e con medidas de conciliación do traballo coa vida familiar. Un terzo dos veciños desta provincia teñen máis de 65 anos. Traballaron para ter unha pensión e con ela, ademais, manteñen unha parte importante da economía.

A Lugo que lle convén exactamente, un Estado recentralizado ou un federal?

Un Estado forte con comunidades autónomas eficientes.

Se o seu partido deixase liberdade de voto, votaría vostede a favor de limitar o dereito ao aborto ou de reformar as leis contra a violencia de xénero?

O voto ten que ser a expresión dunha análise exhaustiva e meditada. Cs está a favor de avances nos dereitos sociais, non de retrocesos. Por iso defendemos por exemplo regular a maternidade subrogada e o dereito á eutanasia en caso de enfermidades terminais dexenerativas e irreversibles. Son demandas da sociedade actual pero ten que facerse con garantías. Contra a violencia de xénero temos que garantir que se cumpre o Pacto de Estado contra a Violencia Machista e para iso temos que investir os cartos que fagan falla. Xa damos por feito que todos van gañar con tanta folgura como para gobernar en solitario.

Pero se por unha sorpresa resultase que son necesarios pactos, con que socios se sentiría vostede máis cómodo: Vox, PP, PSOE, Unidas Podemos, PNV, ERC ou JpC?

Hai que sacar a Pedro Sánchez da Moncloa, pero esa liberación non pode estar liderada polo PP. España ten que mirar cara adiante deixando a un lado dereitas e esquerdas obsoletas.

Cando vivín fóra de Lugo era complicado atopar pisos decentes a prezos asumibles, tiven problemas

A inmigración é un problema ou unha solución?

Unha realidade que precisa regulación.

Tivo vostede algunha vez problemas para atopar piso ou para pagar o aluguer?

Si, cando vivín fóra de Lugo era complicado atopar pisos decentes a prezos asumibles.

Unha cuestión de ideoloxía pura: sanidade e educación radicalmente públicas ou moderadamente privatizadas?

Só teño sanidade pública e as miñas fillas van a un colexio concertado.

Debe ir Ángel Hernández a prisión pola morte da súa dona?

Non son xuíz.

É vostede capaz de desentrañar un recibo eléctrico?

Si. Basicamente pagamos a potencia contratada, o consumo real e impostos. Pero o máis difícil de entender é por que suman tanto.

"Levar ao cabo moitas decisións políticas depende das posibilidades económicas do momento para poñelas en marcha"

Cre na eficacia da prisión permanente, revisable ou non?

Nunca nada debería ser para sempre.

En caso de dúbida, que vai primeiro, a política ou a economía?

Cos maiores respectos, "the economy, stupid". É unha frase feita usada polo equipo de Bill Clinton nas eleccións estadounidenses de 1992, pero resume moi ben o feito de que un montón de cousas neste mundo dependen da economía, mesmo levar a cabo moitas decisións políticas depende das posibilidades económicas do momento para poñelas en marcha

José Manuel Blanco: "Son neto de gandeiros e sei do seu potencias...
Comentarios