lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

José Luis Pérez Barreiro, elixido presidente da asociación Agromuralla

undefined
Pérez Barreiro (terceiro pola esquerda) e a xunta de Agromuralla. EP
Encara o seu mandato "con preocupación pola difícil situación que están a atravesar as granxas" 

A asociación Agromuralla, que reúne centos de gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, renovou os seus órganos directivos. Como presidente resultou elixido José Luis Pérez Barreiro, da gandería Caseiro SAT, de Fontela, na parroquia de San Cosme de Piñeiro, na Pastoriza. Barreiro encara o seu mandato "con preocupación pola difícil situación que están a atravesar as granxas debido á suba desmesurada dos custos de produción e á conxelación do prezo do leite". Substitúe no cargo a Roberto López, de Lugo.

O novo presidente de Agromuralla alerta de que nos últimos meses se está a producir un encarecemento en insumos básicos como o penso, o gasóleo ou o recibo da luz, que está a reducir a escasa marxe coa que traballan as explotacións e esixe ás Administracións "que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia".

José Luis Pérez Barreiro demanda a "implicación directa" da Xunta e do Ministerio de Agricultura para garantir "un prezo digno aos produtores que incentive o relevo xeracional e evite novos peches de explotacións".

Para salvar a actual situación, o novo presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite nos liñais dos supermercados, que veñen de anunciar cadeas como Mercadona ou Carrefour, "se traslade de xeito inmediato ás ganderías e non se reparta entre as industrias e as cadeas de distribución sen chegar ás granxas". Barreiro reclama "unha actualización inmediata do prezo fixado nos contratos de recollida do leite".

O responsable de Agromuralla ve necesario "corrixir o diferencial negativo no prezo do leite de dous céntimos en litro que se arrastra en Galicia a respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado". Di que "non ten sentido que na comunidade onde se produce o 40% do leite do Estado e cunha calidade superior ao resto se cobren os prezos máis baixos".

Entran tamén na directiva Antonio Sufuentes, de Guntín, como tesoureiro, e dous novos vocais: Carlos Dablanca, de SAT San Miguel de Palas de Rei, e Odón Castro, de SAT O Palomar de Láncara. Mantéñense da anterior xunta José Antonio García Sante, de Barreiros, como vicepresidente; José Manuel Souto, do Corgo, secretario; e José Manuel Díaz, de Láncara, como vogal.

José Luis Pérez Barreiro, elixido presidente da asociación Agromuralla
Comentarios