Jesús García Juanes: "Nos primeiros 200 quilómetros vin só dúas persoas"

O castroverdés salvou 13.000 metros de desnivel positivo en patinete por Montañas Vacías
undefined
photo_camera García Juanes, en el bar de Zafrilla donde comenzó su reto. EP

O aventureiro castroverdés Jesús García Juanes vén de rematar unha das experiencias máis intensas da súa vida. Percorreu nun patinete de 20 anos 720 quilómetros da ruta de Montañas Vacías por carreiros de terra, pistas de monte e moi pouco asfalto, cos seus 13.000 metros acumulados de desnivel positivo, tratando de ser o máis autosuficiente posible. Fíxoo en sete días e 20 horas e, aínda con pequenos atrancos polo medio, pode presumir de firmar con éxito un novo reto.

Montañas Vacías comprende as provincias de Cuenca, Teruel, Castellón e parte de Guadalajara, un auténtico deserto demográfico. De feito, conta, "nos primeiros 200 quilómetros vin dúas persoas".

Arrancou na localidade de Zafrilla o 7 de febreiro, a onde chegou nunha cámper co seu patinete a punto e seis quilos de comida, un toldo, saco de durmir, esteira, unha cámara de fotos e roupa, todo en dúas alforxas que penduraban da parte dianteira do seu particular vehículo.

"Levaba un Nokia vello para desconectar totalmente das redes sociais", lembra, pero un fallo da tarxeta obrigouno a incorporar á viaxe o seu smartphone, aínda que por pouco tempo: "Ao terceiro día fallou". A maiores, o GPS no que portaba o track da ruta -levar mapas físicos era "imposible"- tamén se estropeou. "Pensei que xa estaba acabado o reto, ao día seguinte xa me vía de volta na casa; rompín psicoloxicamente a miña rutina", así que esa noite, en Bronchales, buscou un bar desde o que chamar e unha fonda na que durmir. "Acostumados ás redes e os móbiles como estamos, cando iso desaparece sénteste totalmente desamparado, veste obrigado a que che abran unha porta", conta el, ao tempo que rememora que nesa xornada, na que toda canta tecnoloxía levaba enriba se deu por perdida, "rompín a autonomía alimenticia, porque ceei no bar". Mais a sorte fixo que tras varios intentos o GPS volvese funcionar e así conseguiu poñerse de novo en marcha.

García Juanes pensa xa no seu seguinte reto; unha Montañas Vacías á galega de 1.500 quilómetros  por aldeas abandonadas

Buscando as prazas principais das pequenas vilas polas que pasaba, porque alí é onde "sempre hai fontes", continuou o camiño. Trataba, iso si, de ter "litro e medio de auga de reserva; do contrario, ía intranquilo", alimentarse dos seus propios víveres e acubillarse en zonas a cuberto, como marquesiñas. "Pavillóns poucos vin", engade García Juanes, "e, a excepción da cidade de Teruel e algunha localidade algo grande, nos demais núcleos podía haber 50 casas e só dous habitantes. E, ao mellor, 40 quilómetros entre unha vila e outra".

García Juanes conta que o habitual é facer esta ruta en bicicleta e que el é, probablemente, o primeiro e único que se lanzou a Montañas Vacías en patinete, unha experiencia "moi dura e tamén moi descoñecida para os españois, pero que fan bastantes estranxeiros; cos únicos que me atopei eran estadounidenses".

Rematou "moi, moi canso" porque cando cría ter chegado a Zafrilla de volta "deime conta que aínda me faltaban oito quilómetros e dous portos máis". Por se non fose pouco, el partiu coa idea de que o percorrido era de 680 quilómetros, non 720 como acabaron sendo.

Unha vez na casa pensa xa na seguinte: unha Montañas Vacías á galega, polas aldeas despoboadas de Lugo e Ourense que terá uns 1.500 quilómetros e cuxa data está aínda no aire.

Comentarios