Inoxidables de Rábade desconvoca a súa folga indefinida

 A directiva da empresa e o persoal firmaron un acordo co que se pon fin a mes e medio de reivindicacións

Os traballadores da empresa nunha das manifestacións durante a folga. TWITTER
photo_camera Os traballadores da empresa nunha das manifestacións durante a folga. TWITTER

Os traballadores de Inoxidables de Rábade desconvocaron definitivamente o paro total que mantiñan dende o pasado día 8 de xullo. A dirección da empresa e o comité de folga asinaron o mércores un acordo no que ven cumpridas varias das reclamacións dos operarios.

A planta de Outeiro de Rei funciona con normalidade dende o pasado martes ás 22.00 horas, cando os traballadores se reincorporaron aos seus postos tras o principio de acordo alcanzado na reunión do luns. Coa firma do documento do mércores, Inoxidables de Rábade pon punto e final oficialmente a case mes e medio de protestas.

A principal das demandas do persoal centrábanse no aspecto salarial. Co novo acordo, os operarios pasarán a cobrar un complemento do 10% do soldo estipulado no convenio de siderometal provincial. Este plus mensual abonarase a cada traballador nas 14 pagas anuais dende este mes de xullo.

No documento tamén se abordan outras reclamacións relacionadas coa mellora do entorno laboral. A empresa comprometeuse a poñer a disposición dos traballadores un ventilador industrial e permitir abrir as portas da nave co obxectivo de diminuír a temperatura no centro de traballo. Do mesmo xeito, a dirección de Inoxidables de Rábade terá que acondicionar –como moi tarde, antes do mes de setembro un espazo que sirva ao persoal de comedor.

Outra das peticións ás que atendeu a compañía é a de promocionar todos os postos de traballo da planta. Ademais, os operarios gozarán de plans de formación durante o 2018 e o 2019. Aínda que é certo que quedaron acumuladas horas de ensino sen impartir de anos anteriores, acordouse recuperalas antes de xuño do 2022.

Ámbalas partes buscan agora recuperar a normalidade canto antes. O funcionamento da planta de Outeiro de Rei viuse afectado de maneira parcial dende principios de xuño, chegando mesmo ao paro total durante nove días en xullo. Realizáronse cinco reunións entre o plantel e a dirección antes do acordo.

Comentarios