Un informe estima que 39 lugueses foron deportados a campos nazis

A ARMH fai públicos os datos da investigación sobre as dobres vítimas do franquismo e do nazismo na provincia con motivo do Día Internacional en Memoria do Holocausto
undefined
photo_camera Enrique Doval Reija, de San Vicente de Coeo, en Lugo, un dos veciños deportados. EP

Polo menos 39 persoas da provincia foron deportadas a campos de concentración nazis dun total de 10.000 refuxiados españois en Francia que sufriron esta sorte. Vítimas do fascismo por distintas vías, xa que a súa deportación foi pactada por Franco, Pétain e Hitler na Francia ocupada, despois de exiliárense no país veciño. Vítimas, tamén, dun dobre silencio, xa que en ningún dos lados do Pireneo se recoñeceu como debera esta parte da Historia.

Con motivo da celebración do Día Internacional en Memoria das Vítimas del Holocausto o 27 de xaneiro -día no que as tropas soviéticas liberaron en 1945 o campo de concentración e exterminio de Auschwitz-Birkenau-, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) compartiu os resultados da investigación dos deportados lugueses que coordinada o profesor Miguel Freire. O lema desta conmemoración este ano é o de Fraxilidade na liberdade, que a ARMH entende ante a terrible repercusión dos conflitos bélicos na poboación civil, nos casos de Ucraína -con preto de 1.000 nenos asasinados polas tropas rusas- e, moito máis sangrante aínda, de Palestina, con máis de 10.000 nenos asasinados polo Estado de Israel, que está sendo xulgado pola Corte Internacional por perpetrar un xenocidio contra o pobo palestino.

Os deportados lugueses supuxeron o 20 por cento dos deportados galegos nos campos nazis. Estas 39 vítimas naceron nos concellos de Lugo, Outeiro de Rei, O Corgo, Pol, Cospeito, Trabada, Viveiro, Ourol, Monforte, Carballedo, Ribas de Sil, Cervantes, A Fonsagrada, Castroverde, Becerreá, As Nogais, Sarria, Samos, O Páramo e O Incio,

Foron seis os campos onde estiveron. A meirande parte, 28 persoas, foi parar a Mauthausen, no norte de Austria. Outros seis foron levados a Dachau, preto de Múnic. O resto pasou por Buchenwald, en Turingia; Neuengamme, en Hamburgo; Natzwiler, en Alsacia, e Flossenburg, en Baviera. De todos os veciños deportados, 23 faleceron neses campos de concentración, vítimas de malos tratos, torturas, fame, enfermidades, traballo extremo ou mesmo pola cámara de gas. A meirande parte dos falecementos tivo lugar no subcampo de Gusen, dependente administrativamente de Mauthausen. Contan dende a ARMH que a este lugar chamábanlle o matadoiro, pois as condicións de trato eran aínda peores do que en Mauthausen.

O tempo que pasaron os deportados lugueses nestes lugares foi moi variable. Manuel Pardo Pombar, de Ourol, faleceu con 31 anos, aos catro meses de ser internado en Mauthausen. Liberio Valín García, das Nogais, soportou catro anos de internamento antes de morrer, con 27. O máis novo, Ricardo López López, de O Páramo, foi asasinado con só 21 anos. En canto aos liberados, só algún regresou á súa terra, como foi o caso de Enrique Doval Reija, de San Vicente de Coeo, no municipio de Lugo. A meirande parte ficaron en Francia, onde reconstruíron as súas vidas, como José Pérez Gigán, de Castroverde, o máis maior liberado en Dachau, con 60 anos.

Polo momento, a ARMH contactou con nove das familias destes deportados, e segue na pista das outras para poder reconstruír, tamén coa busca en arquivos, a historia destas vítimas dobres, do franquismo e do nazismo. Segundo conta a entidade, a meirande parte deles residían xa en Barcelona, Madrid ou Bilbao, e polo seu apoio á República tiveron que se exiliar en Francia ao rematar a guerra en España.

Non obstante, en Francia non atoparon ese país da liberdade, igualdade e fraternidade. A transixencia coa política expansionista de Hitler e o recoñecemento do réxime de Franco converteunos en persoas non desexadas, confinados en campos de refuxiados en pésimas condicións xa antes da ocupación.

Coa Segunda Guerra Mundial, moitos foron recrutados para as Compañías de Traballadores Estranxeiros. Outros alistáronse no Exército francés. Todos foron finalmente capturados na ofensiva alemá en 1940, e levados a campos de concentración en Alemaña co pacto entre Hitler, Franco e Pétain.

Stolpersteine: pedras para tropezar en Lugo
Stolpersteine significa ‘pedras que fan tropezar’. Elaboradas de maneira artesá por Gunter Demin, estas pedras están presentes en 20.000 cidades de 26 países para ‘tropezar’ coa memoria das persoas que foron deportadas.
undefined
Unha stolpersteine. EP
A ARMH tramita a colocación destes símbolos nos concellos de Cervantes, O Incio, O Corgo, Outeiro de Rei, Becerreá e Lugo para lembrar a Jesús López Digón, Casto Martínez, Aurelino e Victorino Díaz Hortas, Benigno Castro, Enrique Doval, Manuel Domínguez e Francisco Otero.

Comentarios