Unha guía para amar os insectos

A asociación Corripa, de Negueira de Muñiz, presenta hoxe un libro para adentrarse no xardín de polinizadores que impulsou neste municipio co nome de Fernando Fueyo na súa homenaxe
Xornadas científicas en Pena da Nogueira en abril, nas que se inaugurou o xardín de polinizadores. EP
photo_camera Xornadas científicas en Pena da Nogueira en abril, nas que se inaugurou o xardín de polinizadores. EP

"Non se pode querer ou protexer algo se non se coñece", comenta Alberto Uría. Precisamente por iso ten nas mans a Guía do xardín de polinizadores Fernando Fueyo, impulsada pola asociación Corripa, da que é vicepresidente, e que serve, coma o seu nome indica, para percorrer ese xardín situado en Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz, único en Galicia por non estar pensado para os seres humanos, senón para os insectos.

O enxeñeiro forestal e apicultor presentará hoxe esta publicación da man da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e da poeta das Nogais, Andrea Valle, ás 19.30 horas no salón de actos do Pazo de San Marcos, e despois das presentacións xa realizadas en Madrid e Xixón.

Coñecer para amar, amar para protexer. Conta Uría que, cando se fala de perda de biodiversidade, son os insectos os máis fráxiles, máis aínda por non sermos conscientes da súa diversidade, a pesar do seu labor fundamental para a conservación da meirande parte dos ecosistemas naturais. "Só na Península, Baleares e Canarias temos 1.168 especies de abellas", comenta.

Cantas delas e cantos outros polinizadores están presentes alí, en Pena da Nogueira, nesa pequena aldea na que decidiu asentarse hai uns anos para adicarse á apicultura? Non se sabe, pero dende logo ten que haber moitas máis que deberan recoñecerse como especies protexidas cás recoñecidas oficialmente. "Temos que saber o que temos para poder conservalo", engade Uría.

Así, a asociación Corripa deu forma a un xardín que recrea o que, durante séculos, foi froito dun manexo tradicional do territorio, con catro micropaisaxes propias da montaña luguesa: un espazo ornamental, outro forestal, outro de prado natural e outro hortícola. A cada planta, o seu escarabello, a súa bolboreta, a súa mosca florícola, a súa abella ou a súa vespa.

Moitos destes insectos foron pintados por Fernando Fueyo, o gran ilustrador da natureza a nivel estatal que finou o ano pasado, e que tanto ten colaborado coa asociación Corripa. O xardín leva o seu nome en homenaxe, e o libro inclúe 14 ilustracións de polinizadores que Fueyo elaborara especialmente para esta guía.

A publicación recolle 14 ilustracións de Fueyo, ademais de colaboracións de científicos recoñecidos co Príncipe de Asturias

O libro tamén se quixo coral coma o xardín, e incluíu outras voces de referencia coma a de Juan Luis Arsuaga, Premio Príncipe de Asturias, paleoantropólogo, director científico do Museo de la Evolución Humana e codirector do equipo de investigación dos xacementos de Atapuerca; Bernabé Moya, botánico e especialista en árbores monumentais; Alfonso Esquivel, biólogo e investigador que tamén recibiu o Premio Príncipe de Asturias; Félix Torres, profesor de Zooloxía na Universidad de Salamanca e especialista en Entomología; Luis Óscar Aguado, investigador e entomólogo; Vanessa Paredes, ambientóloga, profesora de Bioloxía e presidenta da asociación Corripa; e o propio Alberto Uría, apicultor, formador ambiental e fundador do ecomuseo El País del Abeyeiro.

Para ser unha realidade nas mans, a maquetación do libro incluíuse na mesma axuda Leader xestinada a través do GDR Montes e Vales Orientais, e o resto sufragouse grazas a unha campaña de Verkami.

O xardín de polinizadores abriu as súas portas no pasado mes de abril, cunhas xornadas de divulgación científica financiadas pola área de medio rural da Deputación Provincial. E iso quere seguir sendo, un lugar de referencia científica, de coñecemento e de afecto, das páxinas da guía ás follas das árbores.

Comentarios