lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

A aldea corguesa de Gomeán volve ao campo da feira

undefined
Postos de verduras e hortalizas na feira de Gomeán. EP
A asociación veciñal desta localidade celebrou o que quere ser o primeiro evento de moitos que sirvan para comercializar produtos locais, artesáns e razas autóctonas

Se a teoría do caos di que o bater das ás dunha bolboreta en China pode provocar unha tormenta en Nova York, a teoría das feiras di que, cando unha se recupera, a alegría nótase en toda a comarca. Que llo digan á asociación veciñal de Gomeán, no Corgo, que continúa recibindo parabéns pola que recuperaron o pasado domingo, a primeira Feira de Ano das moitas que agardan celebrar nos anos por vir.

Conta Luísa Rey, secretaria da asociación, que a entidade rexurdiu hai tres anos logo de varios lustros apoucada, pero a pandemia volveu frear o seu pulo. "A idea de recuperar a feira xurdiu hai ben pouco, a raíz de xuntármonos de novo", indica. Máis conscientes ca nunca da importancia de volver "á actividade comunitaria, que é o que nos sustenta inda que non o queiramos ver", convocaron a produtores e artesáns da comarca no campo da feira, ao que volveron dar uso alén da celebración da romaría do Santo Cristo.

Explica tamén Lucía que en Gomeán celebrábase antano unha feira cada mes, o día 23. "Era sobre todo unha feira de gando vacún e caprino", comenta. Como presenza testemuñal desa actividade queda hoxe un posto de polbo que acode con regularidade mensual, e que non faltou o pasado domingo.

"Quixemos reformular a idea da feira, pero continuala", indica. No evento participaron Ceniza de Papel, que ademais de amosar as súas creacións ofreceu un obradoiro de barro, ou Blas Piñar, que elabora elementos decorativos con cabazas.

As palilleiras da zona e os fabricantes de xoguetes de madeira e de instrumentos musicais tiveron o seu lugar. Tamén se puideron atopar produtos coma mel e queixo dos Ancares, embutidos de porco ou froitas e hortalizas da zona. "A xente da zona con produto fresco vendeu todo o que traía, foron moitos os que volveron ás casas coas cestas baleiras", valorou Lucía.

O evento contou cunha exposición de razas autóctonas, como a galiña de Mos ou a ovella e cabra galegas. Ademais, tamén se celebrou outra mostra de coches antigos no mesmo recinto do campo da feira. O grupo A Legua Dereita puxo música á feira, que contou coa colaboración do Concello do Corgo e da Deputación de Lugo.

"A xente tiña moitas ganas de xuntarse, sen riscos, con seguridade e ao aire libre", comenta Luísa Rey. "Temos que facer tribo, que semella algo que tiñamos un pouco esquecido", indica.

O proxecto da asociación é continuar coa feira anualmente en agosto, adiantándoa uns días nas vindeiras edicións, para facela coincidir cos emigrantes retornados e coa abundancia das hortas. A asociación de veciñas asegura que as feiras, en Gomeán, continuarán provocando tormentas en toda a comarca.

A aldea corguesa de Gomeán volve ao campo da feira
Comentarios