A Fonsagrada requinta ben alto

A foliada da vila presentou este sábado unha sétima edición que ten por plan bailar e tocar ata este domingo 
undefined
photo_camera Xiana Arias e Berio Molina, Clo Plas, na casa do concello da Fonsagrada. VICTORIA RODRÍGUEZ

A Fonsagrada requinta estes días ben alto. Á vila xa lle custou durmir de xoves a venres. "Hai que dosificar, que non chegamos ao domingo", dicía este venres Adrián Méndez, o presidente da asociación Petapouco e a Destempo, que organiza esta cita co 'tradi' de referencia en todo o país. E iso que as actividades do xoves non foron máis que para abrir o apetito, e nunca mellor dito, pois acabaron cunha butelada popular. Con todo, a presentación formal foi este venres. E formal foi, tanto que tivo lugar no salón de plenos do Concello. Alí xuntáronse maiores, novos e nenos ata non caberen na sala.

"O Concello está comprometido con esta cita, que nos converteu en referentes da música tradicional, pero que ademais é fundamental para a economía", indicaba o rexedor local, Carlos López, que confirmou que achegaba un total de 8.000 euros á iniciativa. E é que Petapouco e a Destempo petou, en realidade, moito, pois a festa que organiza xa é case unha cita a cegas, e meses antes de revelar o cartel, as prazas hostaleiras destes días xa estaban cubertas.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, destacou que "é un pracer colaborar un ano máis coa organización deste evento, que pon en valor o noso patrimonio material e inmaterial, e que ten detrás xente moza comprometida coa nosa cultura", destacou. Vicepresidencia colabora, neste caso, coa programación de dous concertos, Comando Curuxás, este venres pola noite, e a Banda das Crechas, este sábado.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén destacou que a Administración autonómica colaborara coa sétima edición desta cita "que pon en valor a tradición".

A cita máis esperada. Pola súa banda, Adrián Méndez comentaba este venres que "para o pobo, esta festa é un subidón". Tanto é así que os veciños se duplican nestes días, nos que se esperan preto de 3.000 visitantes. Aínda así, saen as contas, pois para cada quen que vén de fóra hai un 'vecín' que dá a benvida. "É unha festa familiar, e se algo lle gusta á xente é iso, o ben que o pasamos por aquí", engadía Adrián.

                      Xiana Arias e Berio Molina, Clo Plas, na casa do concello da Fonsagrada.
Público no concerto de Clo Plas. VICTORIA RODRÍGUEZ

 

Logo dunha xornada con teatro infantil adicado á María Balteira, a bailadora primeira, e vermú polavileiro con PanSenFron, a presentación, ás 18.00 horas, contou coa actuación de Clo Plas, o grupo integrado pola poeta Xiana Arias e o artista sonoro Berio Molina.

"O noso xeito de ser tradis é o fonsagradino", comentaba Xiana, en referencia á lingua coa que tecen ese pop minimalista e vangardista con poemas que xogan coa oralidade, coas memorias familiares e xeracionais dos dous. E así, un tema para os freixós, "porque meu avó, un día, dixo que eran algo concreto, do medo que lle tiña ao infinito", conta Xiana. Ou outro para o "paxarín pin pin" ao que non hai quen lle quite o "fío solto do jersé". Ou outro para os da Montaña que ían as praias da Mariña no verán, sen traxes de baño de flores, ou para as mesas onde "comemos cuatro ou cinco generaciois, alomenos, comemos... e discutimos". Moitos foron os aplausos.

Despois dos Clo Plas, Xoan Carlos Rilo presentou o seu segundo disco, O ronsel do meu sentir, con 18 temas da súa autoría nos que utiliza gaitas en nove tonalidades diferentes acompañadas de percusión.

Diversidade. Para Adrián Méndez, o bonito da Foliada da Fonsagrada é que xunta xente diversa, persoas diversas. "Nós non somos nada puristas, todo o contrario. O ano pasado naceu, xusto de aquí, da foliada, unha camiseta que creou un grupo da Mariña, e que ten por lema Muiñeira e perreo", conta.

Desa diversidade vén tamén o éxito da cita. Moita xente engánchase alí ao 'tradi', pero non ten por que saber facer ningún punto para desfrutar destes días. Aínda que, para iso, teñen obradoiros, coma o do pasado xoves, de baile dos Ancares, e o de hoxe ás 17.00 horas, con Miguel Pardo.

"Só hai que ter gana de coñecer xente, de bailar coa xente, e de traer, quen queira, o seu instrumento", comenta. "Así é como nacen cousas aquí, porque aquí nacen cousas!", indica Adrián, que conta que o grupo que ste venres tocou logo de Comando Curuxás, De Ninghures, naceu precisamente dunha das foliadas, e agora veñen de presentar o seu primeiro disco.

Este sábado ás 11.00 horas abre a feira de artesanía, e ás 12.00 haberá cantos de taberna. Despois do obradoiro de baile, ás 21.30 tocarán os grupos Algaire e a Banda das Crechas, este segundo con colaboracións de músicos da zona, con Brais Monxardín, Luís Rodil e Daniel o Pando na edición, até agora, "máis de eiquí".

Comentarios