A Foliada da Fonsagrada anuncia para os días 8, 9 e 10 de decembro "a edición máis de aquí"

Clo Plas, De Ninghures ou a Banda das Crechas serán algúns dos grupos deste ano
undefined
photo_camera Presentación da Foliada da Fonsagrada. EP

Canto lle gustaría a Ramón do Chocolateiro verse así, no cartaz da Foliada da Fonsagrada, perfilado polo trazo de Andrea de Tobo a partir da fotografía que lle fixera Bieito Romero. Case que se lle escoita requintar. El será o músico homenaxeado na sétima edición desta festa que se presentou na casa do Concello da vila da Montaña e que, para o presidente da asociación organizadora, Petapouco e a Destempo, Adrián Méndez, será "a máis fonsagradina, a máis de aquí".

Serán varios os grupos da Fonsagrada que se darán cita os días 8, 9 e 10 de decembro. Alí estarán, por exemplo, Clo Plas, o dúo experimental que forman Xiana Arias e Berio Molina con cancións atravesadas pola memoria oral da Fonsagrada. Conta tamén Adrián que a banda De Ninghures non é tan así, que tres dos integrantes tamén son do municipio, e que, no concerto, farán unha colaboración cun quinteto tradicional da Fonsagrada, Enriba da Brétema.

A Banda das Crechas tamén terá colaboracións especiais no concerto con músicos da zona, como Brais Monxardín, Luís Rodil e Danielo Pando. Conforman o cartaz tamén grupos como Comando Curuxás, Ailá, Algaire, Pan Sen Fron ou Terrae, e durante as tres xornadas haberá distintos obradoiros, como o de empalletado, con Pepe Vaamonde; de baile dos Ancares, con Artur Puga e Martín Mondragón; e de baile, con Miguel Pardo. Feira de Artesanía, butelada popular, roteiros, vermú ou teatro infantil completan esta cita que vai medrando ano tras ano co apoio do Concello da Fonsagrada, da Deputación, e tamén da Xunta, da Anpa e de Cervexas Píntega, que prepararon unha edición especial.

Apoio: unha cita a cegas coa tradición 
Pode dicirse que a Foliada da Fonsagrada é case unha cita a cegas, xa que meses antes de revelar o cartel as prazas hostaleiras xa estaban practicamente cubertas no municipio.

De Fumaior

O músico homenaxeado este ano, Ramón do Chocolateiro, é da aldea de Fumaior, na parroquia de Cuíñas, e será nesa zona onde se inaugure a edición deste ano cun roteiro. No contexto do coidado do patrimonio musical da zona, os organizadores veñen de colgar en Youtube un documental sobre Sergio da Veiga, homenaxeado anteriormente.

Comentarios