"Fíxenme taxista para poder levar á miña filla ao colexio"

Pedro Romeo exerce a súa profesión en Folgoso do Courel

Pedro Romeo, taxista de Hórreos, en Folgoso do Courel. AEP
photo_camera Pedro Romeo, taxista de Hórreos, en Folgoso do Courel. AEP

Pedro Romeo é un veciño do Courel, en concreto da parroquia de Hórreos que leva tres años como taxista e que entrou na profesión por necesidade. A parroquia na que vive non conta coa liña de transporte escolar, polo que se vía obrigado a acercar a súa filla ata a parada máis próxima, que está en Campelo, a moita distancia. Aínda que contaba cunha beca da Consellería de Transporte para cubrir parte dos gastos, tiña que estar pendente de levala ata alí para que a nena collese o bus, polo que cando xurdiu a oportunidade de comprar unha parada de taxi pola xubilación do propietario, Romeo non o dubidou e entrou no sector. "Fíxenme taxista para poder levar á miña filla ao colexio", admite.

A principal ocupación para os taxistas do Courel e dos arredores é o transporte escolar. A maioría dos titulares de licenzas ocúpanse de acercar aos nenos ata os colexios e despois completan o servizo con traslados dos veciños ata o centro de saúde, supermercados, ou bancos. Son servizos habituais debido a que no concello de Courel vive moita xente maior que carece de automóbil ou que xa non pode conducir. Aínda que os viaxes son a localidades próximas o inverno dificulta que Romeo poida levar a cabo o seu traballo, xa que pola localización da súa vivenda, preto do Alto do Couto, hai ocasións que cando neva non pode saír da casa. Cando O Courel se pinta de branco Romeo ten un todoterreo para moverse el e axudarlle aos veciños nunha urxencia, pero non pode usalo como taxi porque a licenza non é para ese coche.

Servizo público. Aínda que no rural as empresas como Uber ou Cabify non supoñen un problema, Romeo considera que non se debe esquecer o servizo público que realizan os taxis. Nese aspecto este veciño afirma que "temos unhas tarifas aprobadas pola Xunta, visibles, ademáis xeneramos riqueza para a economía local, porque pagamos impostos".

No tocante á problemática das empresas VTC, Romeo pensa que estas empresas pretenden "acaparar o mercado con prezos baratos e cando teñan a maioría dos servicios, subir as tarifas".

O taxista considera que un dos problemas que hai é no sector rural é a competencia desleal que teñen doutros taxistas xubilados, que seguen levando nos seus vehículos particulares a clientes. Aparte disto Romeo ve outras dificultades son a carga de impostos que soportan,os gastos de mantemento que teñen debido as revisións semestreis ou os seguros, que teñen que ter unha "cobertura moi alta e temos unhas primas elevadas".

De cara ao futuro Romeo considera que para o sector do taxi rural sería positivo que se puidesen ocupar de liñas de transporte que as empresas concesionarias non realizan, con servizos determinados días á semana.

Comentarios