Ferreiro: "A día de hoxe, o presidente da Deputación apostou por non pactar co BNG"

Lamenta que "nos últimos anos" Darío Campos fixese tratos co PP ás costas da súa formación

Xosé Ferreiro. J.M. PALEO
photo_camera Xosé Ferreiro. J.M. PALEO

O portavoz do grupo provincial nacionalista, Xosé Ferreiro, ante a posibilidade dun pacto para formar goberno na Deputación Provincial co PSdeG, lembrou que nos "últimos anos" o actual presidente da institución, o socialista Darío Campos, buscou acordos co PP e "apostou por non pactar co BNG".

"É moi pronto aínda para dicir nada", dixo Ferreiro, en relación coas "consecuencias" dos resultados electorais para a formación dun novo goberno na Deputación de Lugo, porque "os órganos do BNG aínda están a estudar as distintas posibilidades que hai e non hai nada decidido até este momento". 

En todo caso, si aclarou que "o único certo é que no último ano o actual presidente –o socialista Darío Campos– apostou por chegar a acordos, ás costas do BNG, co Partido Popular". 

"Non se se vai seguir tentando chegar a algún tipo de pacto co PP nesta lexislatura, porque o que está claro é que, a día de hoxe, os señor Campos sempre apostou por non pactar co BNG. Non se se vai cambiar de postura ou o propio partido vai cambiar de postura. Non temos ningunha noticia respecto diso", engadiu. 

En canto ás condicións que teñen que darse para un posible pacto, Ferreiro afirmou que iso "teno que dicir el –Campos–", porque até agora "o seu modelo de negociación" non pasaba por chegar "a acordos co BNG". 

"Primeiro ten que ter a vontade de chegar a acordos connosco e logo expor o seu proxecto. Despois valoraremos. De todos os xeitos, non o imos a decidir nós", aclarou o deputado nacionalista, senón "os propios órganos do BNG, conxuntamente cos deputados" nacionalistas no próximo mandato. 

"É moi pronto para aventurar nada", resolveu.

Comentarios