Fernán Vello: "Son nacionalista pero, para min, a patria é a xente, o ser humano"

Algo hai nel que non lle deixa manter o seu discurso político apoiado só en datos. Quixera facelo e, aínda que nas respostas se lle vai a fala cara a mensaxe mitineira, déixase levar con reflexións diversas, non carentes de sensibilidade polo que o rodea. 
Miguel Anxo Fernán Vello. XESÚS PONTE.
photo_camera Miguel Anxo Fernán Vello. XESÚS PONTE.

POUSA O CARTAFOL cabo del, onde leva todos os datos e números que sosteñen o seu discurso político, e pregunta: "Podo telos aquí a man, por se me fan falta? Téñoos todos na cabeza pero por se acaso". Non fará falta. Sobran, neste caso e por un momento na súa axenda da campaña, os datos. El asinte e sorrí. Parece que queda máis tranquilo.

Repite na política pero cambia de escenario: do Congreso ao Parlamento galego. Acode ás eleccións por ‘mono’ da política ou porque non se atopaba outro candidato?  
Non é decisión individual. É do colectivo. Son un axente que responde a unha designación. Non o fago de xeito individualista.

Si, pero algo lle gustará tamén non? Obrigado non irá...
Non, levo na política desde que era adolescente pero o ser candidato é resultado do azar, non me postulei. Hai dez anos non pensaba estar no Congreso. Non teño ese eu de competitividade.

Como é que acordou agora, xa na madurez, presentarse ás eleccións xerais e agora, autonómicas?
Antes tiven diferentes propostas —fun militante do BNG, do Encontro Irmandiño—, que sempre rexeitei pero desde 2015 deuse un espazo de converxencia das esquerdas que foi unha eclosión de ilusión e enerxía dos cidadáns. E foi engaiolante e construtivo. O ideal é que estas forzas se unan.

Pero iso parece un imposible.
No 2015 conseguímolo. Teño moita honra de ser o primeiro deputado no Congreso por Lugo da esquerda.

Seguro? E o PSOE non queda tamén á esquerda?
É de esquerdas e é unha forza necesaria para borrar o proxecto de Feijóo, pero referíame á esquerda nacionalista. O BNG nunca tivo deputado ata o de agora.

Perdoe o xogo de palabras pero moita xente maréase con tanta marea como hai agora mesmo en Galicia. Que diferenza hai entre En Marea —grupo do que vostede foi deputado no Congreso— e Galicia en Común-Anova-Mareas?
Nós somos un espazo plural, diverso, dunha mestizaxe que produce unha gran beleza e creatividade e iso dá unha enerxía dinámica, na que se ven implicadas tamén as forzas municipais.

A propósito, que di de Lugonovo?
Lugonovo foi un erro de configuración da esquerda. Santiago Fernández Rocha foi unha excelente figura política pero todo o proceso político é dinámico e é urxente que se recupere en Galicia ese espazo das esquerdas.

Ese dinamismo veo vostede moi construtivo, pero non hai tamén algo de autodestrución?
A esquerda en Europa e Latinoamérica sufriu procesos de reconfiguración porque a esquerda é moi esixente. O que falta é chegar a un espírito de converxencia que incorpore toda a esquerda, incluído o BNG. Galicia non é unha Administración periférica. Está chamada ao autogoberno. Xa a Constitución fala de Galicia como unha nacionalidade histórica, que é sinónimo de nación porque procede da mesma familia léxica.

Paráronse a pensar se non lle estarán abrindo o camiño á dereita con tanto proceso construtivo que hai dentro das esquerdas?
Non, a esquerda é forte. Ese lema do PP de "Galicia, Galicia, Galicia", tres veces, contén as tres forzas da esquerda que hai en Galicia. E Lugo reaccionará porque sofre un estado de depauperación: non hai transportes, non hai trens, o peche de Alcoa, as ringleiras da fame en Lugo foron moi importantes (saíron moitas veces nos telexornais a nivel nacional).

Que comparte Galicia en Común co BNG?
Ten tanto en común que poderiamos participar co BNG no labor de borrar o monocentrismo da dereita en Galicia.

Facemos a pregunta ao revés. Que é o que non comparte co BNG?
Nós estamos máis enfocados no social que nunha bandeira e na patria. Claro que son nacionalista e estou comprometido co meu país. De feito, teño máis de 40 libros publicados en galego, pero poñemos en primeira liña os dereitos humanos. A patria é, para min, a xente, o ser humano.

A poesía é arte. A política tamén?
Poesía e política van unidas. Rosalía quería restablecer a xustiza social. Curros tamén. Eu diría que a poesía galega brama contra o poder, mesmo desde o amor e o erotismo. A poesía e a política teñen vasos comunicantes.

Que opina das malas expectativas que lle dan as enquisas?
As enquisas son un fotograma dun momento. Hai outras internas que non coinciden coas que se publicaron. Hai aínda moito espazo e tempo que recorrer.

Haberá que pisar o acelerador?
Haberá que deixar o fígado fóra se fai falta. Hai que abrazar a xente que perdemos.

MOI PERSOAL | "Levo co pelo así desde a adolescencia. Un non se goberna a si mesmo na imaxe, será o ADN"

Algo que sempre leve consigo.
A estilográfica. Regalouma meu avó nos anos 50. Gústame o roce do plumín co papel. A tinta é un ser vivo. Dá certa sensualidade.

A estilográficaCantos libros leva lido?
Miles. A lectura é un alimento e leo sempre sobre papel.

Deixou de ler algo por imposible?
Nunca lin libros aburridos. Tiven que deixar algúns autores e despois recupereinos.

Cando cortará o pelo?
Levo así desde a adolescencia. Un non se goberna a si mesmo na imaxe. Será o ADN.

Ese aire intelectual que ten é estratexia de márketing político ou sempre foi así?
Teño aire intelectual? Se o teño, non me considero. Aínda que se ser intelectual é ter formación en distintos ámbitos pois si, teño unha formación musical extensa (de conservatorio superior en guitarra clásica e tamén en música tradicional) e teño estudos de Filoloxía, Psicoloxía…

Cantas veces ao ano vai pola Feira do Monte, onde naceu?
Vou moitas. Desde que morreron meus pais, vou por asuntos de propiedades. Recentemente, fun presentar alegacións ao PXOU.

É vostede sibarita?
Sibarita… no sentido etimolóxico da palabra?

Digamos… é vostede de gustos refinados?
Gústame a beleza. Por iso vou á Terra Chá. É moi espiritual e poética, como dicía Manuel María.

En que non se atura a si mesmo?
Eu atúrome moi ben.

E de que presume?
De que a miña poesía está traducida a moitos idiomas e iso dá unha resonancia universal sendo profundamente galega.

Mírase moito ao espello?
Non, teño moita presbicia e iso impídeme mirarme. Para afeitarme, teño que achegarme moito ao espello. Pero si son dunha estirpe labrega elegante.

Cando foi a última vez que tocou a guitarra?
A guitarra tócoa pouco. Agora toco, sobre todo, pezas de Bach con timple canario.

Gustaríalle ser como Beiras?
Beiras é unha referencia e un amigo persoal. Gustaríame ser quen son, eu mesmo. Beiras é unha das mentes lúcidas que deu Galicia e se fose francés ou alemán, sería un clásico, só coa obra que ten.

Comentarios