A feira cabalar recupera o seu pulso en Castroverde despois de once anos

O evento reuniu máis de 200 cabalos, con participantes de distintos lugares de Galicia que se levaron todos os premios. Xinetes e amazonas deleitaron ao público nas carreiras de andadura
Un momento da competición. SEBAS SENANDE
photo_camera Un momento da competición. SEBAS SENANDE

A Feira do Cabalo de Castroverde fixo bulir de novo o recinto feiral logo de once anos sen celebrarse. O impulsor dunha nova edición desta feira, que pechara naquel 2011 con once feiras celebradas ás costas, é Alfonso Chas Seijas, que daquela admiraba as carreiras con quince anos. O evento sen dúbida foi determinante para que el, hoxe, coide de seis cabalos, que monta no seu tempo libre, e por iso quixo recuperalo, para o que contou co apoio do Concello de Castroverde.

"Estamos moi contentos porque a participación foi moi boa, con máis de 200 cabalos, entre os que se trouxeron para vender, os que viñeron á feira ou os que competiron", indica Chas. E todo iso, matiza, "a pesar deste calor que fixo que algunhas persoas non se animasen finalmente a participar", comenta.

Aínda así, a organización repartiu todos os premios, preto dun total de 1000 euros para cabalos do país, trotóns e cruzados que competiron nas carreiras de andadura tradicional, que se practica en Galicia dende tempos inmemoriais. Ademais, tamén houbo galardóns para o mellor animal de Castroverde, para o mellor animal da feira, para o maior número de cabezas cabalar e asnar e tamén para o xinete e amazona máis novos de todos os participantes.

A organización repartiu todos os premios, preto dun total de 1000 euros para cabalos do país, trotóns e cruzados

Dende as 9.00 horas da mañá, momento no que se abriu a feira no recinto do mercado gandeiro, ata o exame e medición dos animais levado a cabo polos xuíces de Apreval de 11.00 a 12 horas para dar comezo ás carreiras ás 15.15, Castroverde foi de novo o epicentro para os apaixonados polos cabalos.

"Viñeron moitas persoas de Ferrol, de Lourenzá, de Bretoña, e doutros puntos de Galicia, persoas con moita experiencia no mundo cabalar", comentaba Alfonso. "Dábame moita pena ir a feiras noutros sitios e non ter unha en Castroverde, cando aquí hai tanto cabalo", comentou o veciño e impulsor, agradecido pola tan boa acollida.

A entrega de premios por parte das autoridades tivo lugar ás 17.20 horas, e a continuación houbo unha festa amenizada por Verónica Cambón, que se prolongou ata as 20.00 horas da tarde. Todos os asistentes agardaron que esta sexa a primeira edición recuperada de moitas por vir.

Comentarios