viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

JOSÉ TOMÉ ROCA, PRESIDENTE DE LA DEPUTACIÓN DE LUGO

"Feijóo débelle a Lugo moito máis dos 200 millóns que lle reclama ao Estado polo Ive"

José Tomé Roca. VICTORIA RODRÍGUEZ
José Tomé Roca. VICTORIA RODRÍGUEZ
Cando xa transcorreron seis meses desde que asumiu o mando do goberno provincial, o tamén alcalde de Monforte considera cumprido o seu primeiro obxectivo de "normalizar" o funcionamento da institución. Mellorar as políticas sociais, o sector primario, o turismo e as infraestruturas son agora os seus grandes retos para o que queda de mandato

JOSÉ TOMÉ Roca (Guitiriz, 3 de setembro de 1958) vive un dos seus mellores momentos na súa xa dilatada carreira política. Despois de que nas pasadas eleccións do mes de maio revalidase a alcaldía de Monforte con clara maioría —11 de 17 concelleiros—, o veterano socialista foi o candidato elixido polo seu partido para ocupar a presidencia da Deputación Provincial de Lugo, cargo ao que accedeu o pasado 18 de xullo formando un goberno de coalición co BNG.

Cumpríronse xa seis meses desde que asumiu a presidencia do goberno provincial. Que balance fai deste medio ano?
Foron seis meses de traballo moi intenso nos que conseguín materializar esa primeira idea inicial que traía cando accedín ao cargo, como era devolver a normalidade á institución. Pero, ademais, neste período tamén logramos sacar por unanimidade acordos moi relevantes para o funcionamento da Deputación, o que creo foi moi positivo.

A que acordos se refire?
Logramos unanimidade no pleno de organización, o que é moi significativo porque é o momento no que se asignan os recursos que terán os diferentes grupos para poder traballar. Tamén se foi unánime á hora de decidir a disolución de Suplusa. Sen entrar a valorar como se puido chegar a esa situación, si que é certo que a empresa deixara de cumprir os obxectivos para os que fora creada, polo que estabamos ante unha situación que non se podía prolongar máis no tempo.

Como está ese proceso?
Está en trámite, porque é un proceso que esixe os seus tempos. En todo caso estamos satisfeitos coa solución atopada, xa que se garante o traballo e as condicións laborais e salariais de todos os empregados da sociedade. Para iso, foi necesario que a Deputación adquirise unha acción da empresa pública Tragsa, co que esta pasou a ser medio propio, aínda que non participado ao 100% como era o caso de Suplusa.

"Tómome moi en serio a transparencia e por iso mido e aplico con rigorosidade os tempos das intervencións nos plenos"

Do que non cabe dúbida é de que os plenos da Deputación son agora máis tranquilos.
As circunstancias cambiaron e é certo que agora as sesións plenarias se celebran con normalidade, orde e respecto. Tamén me tomo moi en serio que todo se faga cunha transparencia absoluta e por iso mídense os tempos e aplícanse con rigorosidade ás intervencións de todos os deputados.

A portavoz do PP, Elena Candia, tamén parece menos combativa que no anterior mandato.
Non considero que estea menos combativa, xa que o PP non deixa de presentar iniciativas que teñen o seu calado. O que creo é que unha vez que se normalizou a institución todo entrou nunha dinámica máis formal e correcta. Como cheguei a lembrar nun pleno, non estamos nun mercadiño senón nunha institución seria. Somos o concello dos concellos e a nosa misión é axudar a suplir as carencias dos 67 concellos da provincia e atender as necesidades dos 330.000 lucenses.

Nese obxectivo é fundamental a relación co seu socio de goberno, o BNG. Como está a resultar a experiencia?
A relación co BNG está a resultar fluída e sen arestas. Quizais a base deste bo clima é que cando se negociou o acordo insistimos moito no respecto ás áreas de responsabilidade de cada cal. Hai un goberno único, no que cada un ten as súas propias competencias, pero que coincide nos catro alicerces básicos que marquei como proxecto de provincia como son as políticas sociais, o apoio ao sector primario, a promoción turística e garantir a mobilidade a través da conservación e mantemento da rede de estradas provinciais, que é a máis extensa de España.

Pensa, por tanto, que está libre de que se produzan incómodas fotografías como a que protagonizaron no Concello de Lugo o tenente de alcalde co delegado territorial da Xunta?
Sinceramente espero que non pase. Somos un goberno unido e se eu non podo asistir a un acto non me molesta que estea a vicepresidenta, porque todos traballamos co mesmo obxectivo. Outra cousa é cando esteamos en campaña, que é cando cada un terá que explicar os seus logros. Pero desde logo unha foto non pode ser nunca un problema.

"Non vexo menos combativa a Elena Candia, o PP non deixa de presentar iniciativas que teñen o seu calado"

Fala de campaña. Respírase xa un ambiente preelectoral?
Indubidablemente. Só hai que ver o papel do delegado territorial, que está a xogar ao que está a xogar coas súas continuas declaracións. Incluso como lle advertín no seu día a Elena Candia, parece que no PP hai movemento de tropas. Non llo dixen en balde, vese por aí algún desfile.

E como se ve o PSdeG nesta cita autonómica?
Son moi realista e podo dicir que os datos que manexamos dannos un mellor resultado que nas pasadas municipais. Se extrapolamos isto ás autonómicas, atopámonos cun escenario no que o PP perdería a súa maioría absoluta, o que abre as portas a un goberno alternativo. Isto tamén o sabe o PP, xa que dos tres estudos que manexa ningún lle dá a día de hoxe a maioría.

Entre as frontes que o Goberno galego ten abertas co de Pedro Sánchez, a demanda do pago da débeda do Ive a Galicia parece que abriu feridas mesmo no seo socialista.
Feijóo está no papel de facerse a vítima e pretende que desde o PSOE lle fagamos a campaña. Eu dende logo non vou caer nese xogo, porque sei que o Estado vai articular as medidas axeitadas para saldar esa débeda. Pero non hai que esquecer que este problema o creou o ministro Montoro en 2017 por moito que agora o PP nos queira culpabilizar a nós. Aquí o fondo da cuestión é que Feijóo non ten ningún logro que presentar tras 12 anos á fronte do Goberno galego e por iso agora agárrase ao monotema dos 200 millóns de débeda. Pero fío moi polo baixo se digo que Feijóo lle debe á provincia moitos máis cartos que os que lle reclama ao Estado.

"Hai un goberno único, no que cada un ten as súas competencias, pero no que todos traballamos co mesmo obxetivo"

En que investimentos concreta esa suposta débeda?
Agora está a facer unhas obras para converter o corredor de Sarria en autovía, pero ese treito que están a construír non vale, porque a obra terá que chegar de Nadela a Monforte para enlazar coa A-76. Pero a Xunta tamén lle debe á provincia a variante de Viveiro; o porto seco de Monforte; executar en Lugo a rolda Leste; o plan Paradai; a Edar de Foz; a dragaxe de Viveiro para que non se repitan inundacións como as de 2018; investimentos en estradas como a de Friol a Palas, a da Fonsagrada ou a do Courel, que dan pena, ou dotar Monforte dun novo saneamento e unha depuradora. Todas estas son débedas de Feijóo cos lucenses e das que parece que non se acorda.

Para cando cre que Feijóo convocará as eleccións, para antes ou despois do verán?
Penso que as convocará para maio ou xuño, a non ser que as enquisas lle dean moi negativas e se arrisque a facelas en outubro. Pero non é un tema que me preocupe. O que me preocupa é a situación na que Feijóo deixa Galicia despois de 12 anos, cunha débeda triplicada con relación á que había con Touriño e unha sanidade na que se está investindo menos que en 2009. A todo isto hai que engadir un rural abandonado, un plan industrial que non existe e unhas cabeceiras de comarca que están a morrer.


PROVINCIA || "Con Darío Campos a relación é cordial, a Santos véxoo menos"

A CHEGADA de José Tomé á presidencia da Deputación causou no seu momento certas tensións co anterior presidente, Darío Campos, e co por aquel entón secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos.

Hai fisuras no seo do PSdeG?
No partido socialista non existe a día de hoxe ningunha voz disonante que afecte á súa estabilidade. Estamos totalmente unidos e envorcados en apoiar ao noso secretario xeral, Gonzalo Caballero, como candidato á Xunta e futuro presidente galego.

Como é a súa relación con Darío Campos e Álvaro Santos?
Non hai nin o máis mínimo problema entre nós. Con Darío coincido máis en actos oficiais como rexedor da Pontenova e as relacións entre nós sempre son cordiais. A Santos véxoo menos porque non é alcalde.

Do que sempre fixo gala foi da súa boa relación con Pedro Sánchez.
Con Pedro Sánchez falaba máis antes que agora que é presidente, pero entre nós sempre houbo moi boa sintonía. Tamén a hai co número tres ao Congreso por Madrid, José Manuel Franco, que é natural da Pobra do Brollón e co que teño unha comunicación directa.

"Na responsabilidade de gobernar para a provincia son igual de esixente tanto co Goberno central como coa Xunta"

Son moitas cousas as que hai que pedirlle ao Goberno central. Especialmente preocupa na provincia a crise de Alcoa e Endesa.
O goberno da Deputación e eu persoalmente somos os primeiros en apoiar o futuro destas empresas e aos traballadores. Esiximos por iso solucións adaptadas á contorna europea e, ademais, cónstanos que desde o Goberno estase a traballar niso. O que non é de recibo é que sexa agora cando o PP empeza a falar do estatuto das electrointensivas coma se na etapa de Rajoy non houbese que facelo.

Que outras cousas lle reclama ao Executivo de Sánchez para Lugo?
O Estado debe facer de norte a sur todas as infraestruturas pendentes na provincia, desde a autovía da Costa á A-76, por falar de estradas. Por suposto tamén está o tema do ferrocarril. Nisto teño que falar dos centos de millóns contratados polo Goberno de Sánchez na liña Ourense-Monforte- Lugo, como a adquisición do balastro, reforzo de pontes, electrificación da liña Monforte-Lugo ou o acondicionamento da vía de mercadorías de Monforte a Covas, en Ponferrada. Son avances moi importantes, pero creo que non fomos capaces de explicalos ben á sociedade.

Pois o PP está a ser moi crítico con todo o relativo ao tren.
Iso ten tea cando o Tribunal de Contas acaba de certificar que foi Ana Pastor, cando estaba á fronte de Fomento con Rajoy, a que paralizou as obras do Ave. Cancelou 109 contratos, deixou 3.500 millóns de euros sen investir e tivo que pagar máis de 500 millóns ás empresas en indemnizacións. Tamén houbo unha viaxe de cargos provinciais do PP que foron cos seus coches á estación de Monforte para protestar porque se decataron de que os trens tiñan 35 anos de antigüidade. Tamén lles digo que non os cumpriron de súpeto, que cando eles tiñan responsabilidades no Goberno, xa tiñan 34.

"O PP foi a Monforte protestar porque os trens teñen 35 anos de antigüidade. Pero cando eles gobernaban xa tiñan 34"

E os seus obxectivos á fronte da Deputación?
Desde o goberno da Deputación sabemos que son moitas as cousas que debemos pedir tanto a Administración central como á autonómica. Nesa responsabilidade de buscar o mellor para a provincia podo dicir que non son de ningún partido e serei tan esixente cunha como con outra. A proba é que cando houbo que ir a Madrid a esixir a autoridade portuaria para a provincia alí fun, e o mesmo seguirei facendo noutros temas.

Pero haberá proxectos concretos.
Temos que poñer en marcha todas as residencias comprometidas, porque ademais de achegar un servizo esencial aos núcleos máis pequenos, axudan a crear emprego e fixar poboación en zonas rurais. En canto ao sector primario xa se está traballando na construción da granxa de leite en Gayoso Castro e nesta mesma instalación estamos a estudar un proxecto para a recuperación do porco celta; e a finca de Tor vai ser un referente na produción ecolóxica. Todo, sen esquecernos de seguir apostando pola promoción turística, sector que supón o 11% do PIB provincial, e tamén pola conservación de estradas.
 

MOI PERSOAL || "O meu lugar para desconecta é a viña que teño en Chantada"
A que político admira?
A moitos. Pero gustoume sempre Felipe González. O de antes, non o de agora. De Zapatero creo que foi mellor presidente do que se cre e que co tempo será máis valorado.
E entre os alcaldes?
Sempre admirei a figura de Tierno Galván. Pero tamén houbo bos alcaldes en Galicia, como no seu día Paco Vázquez e agora Abel Caballero, que se está saíndo.
Foi ver as luces de Vigo?
Este ano non fun, pero o pasado si, xa que me coincidiu ir a Vigo por outros temas. Do que non cabe dúbida é de que Caballero puxo Vigo no mapa mundial.
É deportista?
Fun deportista de mozo, mesmo creo que non era mal lateral dereito. Pensabamos que lle gustaba máis a banda esquerda. Non. Xogar pola dereita implica apoiarse na parte esquerda do corpo (risas).
Agora non practica?
Agora non. Gústanme os deportes, pero velos a través do televisor, como o motociclismo.
Gústalle seguir o fútbol?
Os partidos de Liga cada vez menos. Como moito, gústame ver algún partido europeo xa sexa de clubs ou a nivel seleccións.
Ten algún equipo preferido?
Sempre fun do Deportivo. Eu nacín en Guitiriz e recordo ir ata A Coruña velo, cando aínda xogaba en Terceira División.
Como fai para desconectar no seu tempo libre?
O que me gusta é ir á miña viña da ribeira de Chantada, onde teño unha adega. Aquela paisaxe faime desconectar totalmente do día a día.
E produce bo viño?
Din os amigos que é un viño que se bebe ben. En todo caso que van dicir, porque se falan mal quedan sen churrasco (risas).
Está máis cómodo no despacho de alcalde ou no de presidente da Deputación?
Eu estou cómodo en todos os sitios. O despacho que teño en Monforte non é tan grande como este pero tamén está moi ben (risas).
Cal é o seu xénero literario preferido?
Principalmente gústame ler obras que teñan que ver coa historia, a política ou a xeografía.
Que libro está lendo na actualidade?
Agora estou a ler un de Margarita Rodríguez Otero sobre o sétimo conde de Lemos. A autora é unha monfortina con moito mérito, concelleira de cultura con Celestino Torres e primeira muller que foi deputada provincial.

"Feijóo débelle a Lugo moito máis dos 200 millóns que lle reclama...
Comentarios