Europa, ao son de ritmos lucenses

MÚSICA E BAILE ▶ A cita co festival do Europeade, un evento a nivel continental no que se xuntan milleiros de artistas de diversas localizacións, contou este ano con cinco agrupacións da provincia de Lugo. Monterroso, Antas de Ulla, Taboada e Monforte de Lemos foron as únicas vilas galegas en enviar representación ata Viseu, na veciña Portugal.

Agrupacións municipais de Monforte. EP
photo_camera Agrupacións municipais de Monforte. EP

CENTOS DE pobos xúntanse cada ano nun emprazamento distinto de Europa. E cando se di pobos, non se fala só de xente. Música, baile e vestimentas tradicionais acompañan a milleiros de artistas dende diversas localizacións do continente. E como non, nin Galicia nin Lugo podían eludir a cita. De feito, a provincia lucense foi a única en enviar representación ata o festival folclórico europeo por excelencia, o Europeade.

Dende Monterroso, Antas, Taboada e Monforte partiron este ano a Viseu, en Portugal, cinco agrupacións culturais. Nesta cidade, cun número de habitantes semellante ao da capital lucense, celebrouse a quincuaxésima quinta edición do Europeade. Ao longo de cinco días -dende o 25 ata o 30 de xullo-, as asociacións Falcatrueiros, Fiadeira, Rechouchíos, Lemavos e a Banda Municipal de gaitas, baile e coral de Monforte, desfrutaron dun ambiente multicultural coma poucos.

Armados con pandeiretas, gaitas e as mellores vestimentas, máis dun centenar de lucenses chegou a Viseu con ganas de pasalo ben. E marchou co propósito cumprido. "A cidade era preciosa e a ubicación era inmellorable, sobre todo no aspecto do desprazamento", conta Iván Villar, profesor de baile na asociación cultural Falcatrueiros de Monterroso.

Para máis da metade dos alumnos desta agrupación que viaxaron a Portugal, este foi o primeiro Europeade. Foi o caso de Lucía Hidalgo, que di sentirse "encantada" coa experiencia. "Non se pode sacar nada negativo da viaxe, foi unha oportunidade para coñecer a xente nova coa que se pode gardar o contacto para edicións seguintes", comenta a bailadora.

O mesmo opinan os membros de Fiadeira, asociación cultural de Antas. Para eles, como relata Miguel Varela. profesor de baile e gaita na agrupación, foi a primeira participación da formación no festival. "De Fiadeira acudimos máis de 30 persoas de distintas idades", relata Miguel, para quen a vivencia resultou positiva para todo o grupo. "As portas para participar nas próximas edicións quedan abertas", conclúe.

Outra das agrupacións que se estreou no Europeade co desprazamento a Viseu foi Rechouchíos, de Taboada. "Metéusenos o vicio no corpo", di Lucía López, unha das gaiteiras que viaxou a terra lusa. "Vas camiñando pola rúa e atopas actuacións en cada recuncho a calquera hora do día", conta, entusiasmada coa idea de repetir en anos vindeiros.

MONFORTE. A localidade monfortina foi a que máis representación levou ata Viseu. Entre a agrupación cultural Lemavos e a Banda Municipal de gaitas, baile e coral de Monforte, ata a cidade portuguesa movéronse unhas 80 persoas entre alumnos e profesores.

Conta Antonio Fernández Milo, que dirixe Lemavos xunto á súa muller Ana Torres, que o Europeade "non defraudou, e xa van uns cantos". "É unha experiencia á que xa vas mentalizado se tes que facer un desprazamento longo", di Milo, "pero neste caso ao ser relativamente preto pois desfrutouse máis". Para algúns rapaces, o deste ano tamén foi o primeiro Europeade, pero segundo Milo, "estes aguantan o que lles boten".

En canto ás agrupacións municipais, a concelleira de cultura de Monforte, Marina Doutón, mostrouse moi orgullosa das súas actuacións. "Fuimos muy aplaudidos y los chicos se portaron de lujo", relata Doutón, confirmando que "están deseando ya volver". De feito, as bandas municipais monfortinas son as máis asiduas ao festival europeo. A súa primeira participación foi en Frankenberg, Alemaña, en 1993. Curiosamente, o Europeade do ano que vén terá lugar na mesma cidade alemá, no 25 aniversario da primeira participación monfortina no evento.

Moito queda por bailar dende Galicia para Europa, pero de momento a bandeira branca e azul pórtana os lucenses.

Veteranía
Das cinco agrupacións que viaxaron a Viseu, a municipal de Monforte leva participando no Europeade máis de 20 anos
 
Repercursión
O festival folclórico ao que acudiron as bandas lucenses xuntou ao longo de cinco días máis de 200 grupos de toda Europa

 

Comentarios