lunes. 03.08.2020 |
El tiempo
lunes. 03.08.2020
El tiempo

O proxecto Galicia Nomeada recolle os topónimos de todos os recunchos do país

Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica da RAG
Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica da RAG
O fonsagradino Antón Santamarina,  coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, e o burelés Álvaro Crego forman parte da investigación

Xa dixera Vicente Risco que "Galicia é un mundo", e o certo é que na súa extensión de 29.576,74 quilómetros cadrados acumula máis de dous millóns de topónimos, o que significa que se poden atopar máis de 65 nomes en apenas un metro cadrado.

Co obxectivo de documentar toda esta riqueza toponímica xurdiu, a finais do ano pasado, a plataforma Galicia Nomeada, posta en marcha o 20 de decembro de 2019 pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Xunta de Galicia. Esta é unha iniciativa colaborativa na cal calquera persoa pode engadir os topónimos da súa vila, aldea ou parroquia, así como imaxes do lugar, coordenadas, gravacións para saber como se pronuncia ou mesmo lendas relacionadas co nome.

O contido desta plataforma está elaborado por informantes 'amateur', polo que é filtrado e contrastado por membros do Seminario de Onomástica da RAG. Galicia Nomeada conta cunha páxina web e cunha aplicación para o móbil, a través das cales é posible engadir os diferentes termos.

Este proxecto é froito, segundo explica o fonsagradino Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, "dunha urxencia moi grande por recuperar os topónimos da comunidade". Galicia conta cunha gran variedade toponímica, de feito, hai uns anos estaba moi "humanizada, non había ningún recuncho que non tivese nome". A urxencia do proxecto vén de que as principais fontes en temas de toponimia adoitan ser persoas maiores, e «cando elas morren, ás veces con elas morren moitos termos».

Unha das características máis particulares de Galicia é a súa riqueza toponímica, algo que se pode ver reflectido no nomenclátor, que conta con case 40.000 entradas. "Antes todo tiña nome, ata as leiras, os campos..." explica Santamarina. Aínda que existe unha gran variedade numérica, isto non se traduce en grandes diferenzas morfolóxicas. Os topónimos galegos son bastante semellantes, se ben dependen moito da zona xeográfica na que estean localizados.

Así, aínda que os topónimos «seguen unha estrutura semellante», segundo indica Antón, dependen moito dos pobos que estiveron asentados na zona ao longo da súa historia. "En Galicia non imos atopar termos de orixe etrusca, por exemplo, pero si que pode haber algúns de orixe celta". Tampouco se adoitan atopar termos moi estraños, aínda que Antón sinala que "arredor dun 10% das palabras rexistradas teñen unha etimoloxía complicada". Estas son analizadas por membros do Seminario de Onomástica.

Este proxecto enfocado na recuperación da toponimia xa contou cunha etapa primaria que se desenvolveu desde comezos dos 2000 ata o ano 2011, e que tivo que ser paralizado debido á crise económica. Daquela, o traballo foi realizado por expertos en Filoloxía contratados polos distintos concellos.

202007271217218800Agora, este iniciativa para rexistrar toda a toponimia galega retomouse en forma dunha plataforma colaborativa. O traballo de campo é realizado por investigadores que fan isto de maneira voluntaria, como é o caso de Álvaro Crego, natural de Burela e que en seis meses leva recollidos uns 250 termos.

Crego estudou Física, polo que a súa relación coa toponimia é máis ben casual. "Gústame todo o que ten que ver con Galicia e co galego, e esta iniciativa é un empurrón para a lingua", afirma. O traballo de Álvaro Crego consiste en falar coa xente maior, as "verdadeiras enciclopedias", tanto da súa zona como dos concellos veciños de Cervo e de Foz, para descubrir e recoller os topónimos que recorden. Aínda que ás veces precisa dunha investigación previa, outras veces estes xorden de maneira fortuíta.

O que máis o sorprende é a alta densidade de topónimos que hai en Galicia. "Na zona de Vilasindre, en Foz, atopei leiras moi pequenas nas que se podían concentrar unha ducia de topónimos", di. Algo semellante ocorre cos talasónimos, os nomes que designan lugares do mar. En Lieiro, no concello de Cervo, "hai un illote que contén entre cinco e seis topónimos".

Esta alta concentración toponímica, segundo Álvaro Crego, "débese a factores como o minifundio, a concepción de propiedade privada, a diversidade natural e as ganas de poñerlle nome a todo que temos aquí". Opina que traballar neste proxecto é "querer a Galicia", polo que anima a todo o mundo a participar. Ademais, indica que a recollida de topónimos non só é importante para conservar o patrimonio. "Tamén é útil para facer rutas guiadas máis ricas e precisas, xeolocalizar puntos en terreos forestais no caso de emerxencias ou ofrecer pistas que axuden a descifrar a historia dos lugares", detalla.

O futuro de Galicia Nomeada pasa por aumentar a cantidade de informantes e, polo tanto, os topónimos recollidos. Santamarina pretende concienciar a xente de que participe no proxecto, porque "a recuperación da toponimia galega é algo urxente".

Un 70% dos nomes de lugares non están recollidos
Dos aproximadamente dous millóns de topónimos que hai en Galicia, na primeira fase do Proxecto Toponimia de Galicia lográronse recoller arredor de medio millón de termos, aos que se lle suman os 18.000 que documentaron os 1.300 usuarios que se uniron á plataforma.
Os nomes de Lugo
En Lugo xa se levan recollidos máis de 75.000 topónimos. Destacan concellos como Sarria, con 9.088 rexistrados, Palas de Rei, con 5.778, e A Pontenova, con 5.639.

O proxecto Galicia Nomeada recolle os topónimos de todos os...
Comentarios