O alcalde de As Pontes e o de Cervo, unidos ante un mesmo problema

Pouco máis de 60 quilómetros separan Endesa e Alcoa, dúas plantas que rondan os 40 anos de historia e viven un presente incerto, facendo perigar o futuro de dous concellos por un problema común
Os dous rexedores, na conversa que mantiveron no Parador de Vilalba. SEBAS SENANDE
photo_camera Os dous rexedores, na conversa que mantiveron no Parador de Vilalba. SEBAS SENANDE

ENDESA E ALCOA, pezas clave do desenvolvemento socioeconómico das últimas décadas dos municipos onde están asentadas, As Pontes e Cervo, e de todo o seu contorno, son empresas distintas, no fondo e na forma, pero cunha orixe e cunha idade similar. E agora tamén comparten unha problemática, vense lastradas polo coste da enerxía. Ambas foron impulsadas dende o Instituto Nacional de Industria (Ini) polo seu carácter estratéxico, posteriormente privatizadas e na actualidade controladas por multinacionais estranxeiras. 

A sombra do peche e a incerteza que iso xera nos seus contornos centraron un encontro entre os alcaldes dos dous municipios, o socialista pontés Valentín González Formoso e o popular cervego Alfonso Villares, para abordar a situación actual, as alternativas de futuro e a resposta social a unha problemática de difícil solución, agravada polo inmobilismo do Goberno nacional. 

O alcalde de Cervo pide visibilidade e concienciación social

No momento desta conversa entre dous rexedores que apenas se coñecían non se producira aínda o anuncio de Endesa de non retomar a actividade na térmica pontesa. Mais a concienciación social de que a situación conducía cara ao fin, logo de cinco meses de parón da central, é unha realidade. Próbano as 5.000 persoas da manifestación "máis grande da historia das Pontes e unha das máis grandes que se recordan na comarca", como dicía González Formoso ante unha afirmación de Villares, quen destacaba a "visibilidade" que unha resposta social así lle confire ao problema. 

"Nas Pontes non ver botar fume, que é vapor de auga, é unha agonía. Vinculamos o fume con vida e con progreso e polo tanto a xente é consciente de que o futuro está moi negro, está concienciada de que isto ten un risco inmiente de peche", resumía Valentín. Mentres, o seu homólogo cervego botaba en falta esa mesma clase de concienciación "ante un problema grave" entre os seus veciños: "Vese coas manifestacións que houbo. A xente non é para nada consciente do que pode pasar e do impacto que pode ter, ese é un traballo que temos que facer, porque se non está Alcoa, vai haber repercusión en todos os sectores". E por iso, insiste en que resulta imprescindible darlle visibilidade á incerta situación da fábrica de San Cibrao. 

Para os rexedores, a razón desa distinta maneira de enfocar a crise pode estar no contexto. "Eu creo que a xente pensa que como Alcoa está aí dende hai 40 anos, porque cando moitos naceron a empresa xa estaba, seguirá estando", apunta Villares, mentres Valentín mira cara aos precedentes: "Alcoa non ten plantas similares, pero As Pontes ten 14, das que once xa pecharon". Porén, un e outro entenden que as consecuencias reais dun futuro peche se descoñecen. Sería un impacto notorio en ambos casos, pero non estiman que teña o mesmo peso na zona das Pontes que da Mariña. 

"Non ver botar fume é unha agonía. Vinculámolo con vida e con progreso e a xente sabe que o futuro está moi negro", lamenta Formoso

IMPACTO. "Se a central pechase completamente suporía o 16% do orzamento municipal, que é un impacto importante", cifra Formoso. E tendo en conta todas as ramificacións podería chegar ao 50%, un dato moi salientable, pero lonxe doutras "como o caso da central de Trillo, no que o 90% do orzamento municipal depende da planta nuclear". 

Hai 25 anos, Endesa era un "monstro" con "4.000 traballadores", pero "pouco a pouco houbo un proceso de diversificación industrial", mermado pola crise e o peche de empresas. Aínda así, precisa o rexedor "As Pontes ten os polígonos e outras actividades", con 870 empresas e autónomos. 

Mais seguen a ser unhas 650 familias as que dependen directamente de Endesa, e ese impacto "nun pobo de 10.000 habitantes é brutal", asegura o alcalde. E supera o linde municipal: "Eu diría que ten máis impacto na Chaira que nas Pontes. Hai máis transportistas desta zona que das Pontes, nas empresas auxiliares hai máis persoas desta zona que das Pontes. E na principal, igual hai algo máis das Pontes, pero non moito máis". 

"Se non está Alcoa, que é o 32% por PIB de Lugo, peharán colexios e o Hospital da Costa prestará a metade dos servizos", explica Villares

En resposta a unha pregunta formulada polo propio Villares, o rexedor socialista detalla cifras concretas de emprego: "Agora traballan 190 na térmica, e hai outros 140 das compañías auxiliares, 130 camioneiros, 40 e pico no ciclo combinado e 32 no porto de Ferrol". 

"Son cifras diferentes. Nós falamos de 1.200 directos na empresa, que é unha barbaridade, e de auxiliares 500. A repercusión é brutal", apunta Alfonso –Formoso lembra que tamén hai xente das Pontes traballando aí– e sitúa o impacto nas contas municipais "nun 30 ou 35% dos nosos recursos". Pero a repercusión tamén é máis ampla: "Se non está Alcoa, hai que pechar colexios e o Hospital da Costa vai prestar a metade dos servizos que presta. Perderanse empregos. A repercusión é moi grande". E é que supón "o 32% do PIB da provincia de Lugo". 

E a eso úneselle, para Villares, a dificultade de ofrecer alternativas, pois ás plantas da Coruña e de Avilés, xa vendidas, o seu emprazamento confírelles un valor: "O que teñen é un solo industrial en zonas urbanas que especulativamente vai ter o seu valor". Unha realidade que "non ten nada que ver coa de San Cibrao", polo que a o que valeu para elas "non vai ser a solución para A Mariña", lastradas por estar "mal comunicada e nun extremo de Galicia". 

A concienciación internacional de reducir emisións conleva que as plantas que emiten CO2 morren

GLOBALIDADE. Toda a problemática, defenden os rexedores, parte duns custos que ambas empresas consideran inviables, aínda que o trasfondo sexa moito máis complexo, se enmarque nun contexto global e se necesite a implicación política, da cor que sexa, como ambos insistiron en reiteradas ocasións durante a conversa. 

"A raíz da firma do protocolo de Kioto e do acordo de París hai concienciación internacional de reducir emisións e un intento de liderar da UE no proceso de descarbonización. Iso conleva que as plantas que emiten CO2, morren, e as que consumen moita enerxía, tamén", explica Valentín. E iso supón un aumento de custo que non se dá noutras partes do mundo: "O sudeste asiático, a zona máis puxante a nivel industrial do mundo, non respecta ningún protocolo nin calquera compromiso que lle supoña un aumento de custos". Para Formoso, compítese "coas cartas marcadas. Eles teñen todas as vantaxes do mundo e nós, todas as desvantaxes. China emite 21.000 millóns de toneladas mensuais de CO2 e España, 21 millóns". 

"Creo que a UE ten que valorar que está ben liderar un proceso ecoloxista, pero a cidadanía non está disposta a asumir os custos. O que quere é que todo vai ben. As medidas teñen que entrar dentro do concepto de transición, e isto non o é. É un frenazo en seco", precisa Formoso, lembrando que na térmica se invisten 220 millóns de euros que se van "tirar á basura porque ten toda a pinta de que non vai a volver operar". Un prognóstico que o Consello de Administración de Endesa confirmaba ao anunciar a "discontinuidad de la producción" por falta de competitividade no mercado. 

"Na Mariña falamos de 1.200 empregos directos na empresa e uns 500 auxiliares, a repercusión é total", teme Villares

"Se quen firmou o protocolo de París e autorizou a adaptación da central térmica das Pontes son os mesmos organismos que agora non lle dan a opción de aproveitar e amortizar ese investimento, a mensaxe que se está mandando é de sinrazón", insiste Valentín, que lembra que o prazo de 15 anos de vida que se barallaba quedou en nada. 

"Nós temos que mirar polo noso e na Mariña de Lugo agora mesmo a solución para que poida seguir Alcoa é intentar buscar a forma de darlle unha compensación enerxética e que a empresa siga, ten que haber unha compensación como houbo ata o de agora, mirando pola supervivencia dunha zona e dunha provincia, porque ao final, se morre Alcoa, morre a Mariña de Lugo", di Alfonso, facendo referencia á entrada na UE e nun "puro mercado" no que priman intereses que son descoñecidos para a sociedade.

"O cambio climático é unha saboluta realidade e hai que tomar medidas", di o rexedor popular, convencido de que preservar a vida no rural axudaría a combatilo, malia a que as tendencias poboacionais indiquen xusto o contrario, e prognostiquen que «no ano 2050 o 70% da poboación mundial vai estar en núcleos urbanos". Villares aproveitou tamén para pedirlle á xente que profundice nas consecuencias que poden ter as esixencias que fai, reclamando ás veces cousas contradictorias. 

"Se a central pechase completamente suporía o 16% do orzamento municipal, que é un impacto importante", teme o alcalde pontés

OPCIÓNS. E ante ese escenario, que alternativas quedan? Para Villares, "Alcoa necesita un prezo da enerxía, e ténnolo que dar Madrid". A propia empresa defende "a necesidade de protexer as industrias electrointensivas" , como é o seu caso, xa que "consume o 2 ou 3% da enerxía nacional, todo o que é Barcelona consúmeo só Alcoa San Cibrao", puntualiza o cervego. Porque aínda que a fábrica estivese "a estrear" –falase de críticas por non realizar investimentos– se non hai un prezo da luz "non é rendible, porque falan de 60 ou 70 millóns de perdas". 

En Endesa, "a única opción son os combustibles que permitan a súa sustitución por outros biocombustibles", apunta Formoso, e lembra as probas que se fixeron no verán. Porque as predicións non son só que non vai baixar o prezo do CO2, senón que subirá a 35 euros por tonelada en 2021, un "escenario imposible" para que Endesa opere. Por iso dende o Concello traballan nun plan estratéxico ao que sumaron á oposición. 

Nin un nin outro rexedor poden arranxar o conflito laboral e social que enfrontan e que supera as fronteiras municipais, as autonómicas e as nacionais, pero si traballar, coa implicación de todos, para que as consecuencias non sexan devastadoras. 

Comentarios